Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 14 de abril de 2016 Páx. 13485

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 21 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2016 para a adxudicación de equipamento de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

BDNS (Identif.): 303456.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) ( http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index ):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha agrupación de voluntarios de Protección Civil con voluntarios operativos e asegurados, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentasen nel oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC; neste caso, a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, o máis tardar, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2014 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo equipamento nos últimos catro anos, incluído o 2016, de acordo co establecido no artigo 4.

d) No caso das mancomunidades ou agrupacións de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil, deberanse prestar de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coa solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Segundo. Obxecto

Establecemento das bases reguladoras e convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamento de emerxencias para os concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupación de voluntarios de Protección Civil inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2016 para a adxudicación de equipamento de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Cuarto. Importe

A actuación que se vai desenvolver ten natureza de subvención en especie, e o equipamento que se cede distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2: remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Liña 4: remolques de salvamento e rescate.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza