Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 14 de abril de 2016 Páx. 13466

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2016 para a adxudicación de equipamento de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Conforme o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é este o departamento encargado de xestionar as competencias que en materia de protección civil e emerxencias ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 10 que corresponde á Xunta de Galicia a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere preciso prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta de que dispoñen as entidades locais.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, alínea f), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias tales como a protección civil, as emerxencias e a prevención de riscos.

A Unión Europea, a través do programa operativo Feder 2014-2020, eixe 5 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos», tema prioritario 5.2 «Fomento do investimento para facer fronte a riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes co desenvolvemento de sistemas de xestión de catástrofes», a través de melloras de infraestruturas, instalacións e equipamento destinados á prevención e xestión de riscos, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento do plan Emerxe a través dun conxunto de actuacións relacionadas coa actualización dos distintos plans de prevención e seguridade existentes, actualización da normativa de protección civil e de emerxencias, así como a mellora das infraestruturas e equipamento na cobertura transfronteiriza.

Este bloque de medidas, co reforzo dos grupos de emerxencia supramunicipais e o fortalecemento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil (en diante AVPC) permitirá mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros (incendios forestais, inundacións, etc.) para garantir a seguridade de persoas e bens, así como a protección do ambiente. Por tanto, estamos ante un plan de prevención e mitigación de riscos.

A implantación e execución destes plans e programas implica a necesaria realización de investimentos en equipamento, instalacións e infraestrutura de prevención e mitigación de riscos.

O actual escenario de crise económica, que afecta tamén os concellos, obriga a impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade aos cidadáns, mediante a optimización dos recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.

Por outra banda, é preciso incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal voluntariamente concertados, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste senso, o artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma deberán primar, na forma que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros que cumpren os requisitos establecidos nas alíneas a), b) e c) do artigo 2.1º da referida lei terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

No exercicio destas competencias, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos concellos en tarefas de prevención de riscos en emerxencias e protección civil, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estes antecedentes motivaron a adquisición de equipamento de emerxencias, con fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e posteriormente cedidos aos concellos en propiedade, polas ordes do 28 de xaneiro e 16 de xullo de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicadas nos DOG do 30 de xaneiro e 30 de xullo de 2015 respectivamente.

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable ao seu obxecto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polos decretos 229/2012 e 230/2012, do 2 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamento de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2016.

O equipamento que se cede distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 8 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2: 16 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 3 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Liña 4: 16 remolques de salvamento e rescate.

Artigo 2. Crédito

A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, eixe 5 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos» e tema prioritario 5.2 «Fomento do investimento para facer fronte aos riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes co desenvolvemento sistemas de xestión de catástrofes», con cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0, código de proxecto 2016 00026. Para estes efectos tense tramitado con anterioridade o correspondente expediente de contratación número 2016-SUEI 01-02-03-04-EM (núm. de referencia contable 2015-05-1858), procedemento aberto e tramitación ordinaria, polo importe de 833.723,88 euros (IVE incluído) para a adquisición do equipamento sinalado no artigo 1 desta orde.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con voluntarios operativos e asegurados, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que tivese presentado nel oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC, e neste caso a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, o máis tardar, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2014 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo equipamento nos últimos catro anos, incluído o 2016 de acordo co establecido no artigo 4.

d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coas solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 5 desta orde, segundo proceda.

Cada solicitante, en función das súas necesidades, deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, tendo en conta o dito na alínea c) do artigo 3 desta orde e, se for o caso, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia de acordo cos seguintes criterios:

a) As entidades que xa obtivesen algún tipo de vehículo nos últimos catro anos, incluído o 2016, sexa todo terreo, pick-up ou furgón, non poderán solicitar a liña 1 desta orde.

b) As entidades que xa obtivesen remolque de emerxencias nos últimos catro anos, incluído o 2016, non poderán solicitar a liña 2 desta orde.

c) As entidades que xa obtivesen embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate nos últimos catro anos, incluído o 2016, non poderán solicitar a liña 3 desta orde.

d) Os solicitantes das liñas 3 e 4 que estean incluídos na lista de concellos con implantación do plan Sapraga terán preferencia na concesión do equipamento destas liñas con respecto aos demais concellos, sempre que a orde de preferencia da petición sexa a mesma.

No caso de concellos con implantación do plan Sapraga e a mesma orde de preferencia da petición, será a puntuación total o elemento definitorio de adxudicación do equipamento.

e) Cumpridas as catro alíneas anteriores, o equipamento asignarase en función da orde de puntuación total de maior a menor.

f) Na primeira quenda de adxudicación, cada solicitante só poderá levar equipamento dunha liña; unha vez resolta e se quedasen existencias, poderían acceder ao equipamento das outras liñas, seguindo os criterios xa establecidos.

g) Os beneficiarios de equipamento da liña 1 comprométense a aceptar a cesión de terminais TETRA da nova rede de comunicacións de emerxencias da Xunta de Galicia que, nun número máximo de tres e en función das existencias, cederá esta Administración co compromiso por parte das entidades beneficiadas de facerse cargo do seu mantemento.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria e obrigatoria

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde. Na mesma solicitude acéptanse e decláranse as seguintes alíneas:

a) Que a entidade que solicita a subvención en especie acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.

b) Reflectir o conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que o concello, mancomunidade ou asociación de concellos non están incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello, mancomunidade ou asociación de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

2. Certificado do/da secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3.

3. Certificado do órgano competente da mancomunidade ou asociación de concellos en que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

4. No caso de realizar a petición conxunta con outro ou outros concellos, a certificación do pleno ou xunta de goberno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.

5. Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) en que conste o número de voluntarios asegurados e inscritos no Rexistro de Persoal Voluntario do servizo provincial de emerxencias. No caso de estaren incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou asociación de concellos, remitirase unha certificación do/da secretario/a destas entidades en que se indique o número de voluntarios incluídos dentro da póliza.

O defecto na solicitude ou a falta de documentos complementarios e obrigatorios será notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior por medios telemáticos, que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións.

Transcorrido o dito prazo, e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polas cinco persoas responsables das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en que actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, que non terá dereito a voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios, e conterá unha lista de reserva para a posible renuncia dalgún beneficiario ou a adquisición de máis material, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7. Criterios de avaliación e repartición

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos e operativos de protección civil, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación a quen teña maior número de mobilizacións e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de mobilizacións ao dobre da media do conxunto destas; a partir deste número resultante, adxudicarase a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

2. Mobilizacións das AVPC para prestaren colaboración noutras entidades locais en eventos programados ou de emerxencias, tanto por petición do Centro de Atención de Emerxencias 112 como doutros concellos ou dos servizos provinciais de emerxencias, ata un total de 10 puntos.

Para a valoración deste punto presentarase unha certificación ou declaración dos servizos provinciais ou dos concellos solicitantes da colaboración, na cal se reflicta o evento, a data, a AVPC participante, o número de voluntarios mobilizados por AVPC e o número de días que asistiron.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencia e protección civil en concellos asociados ou mancomunados, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

• Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión outorgaranse 10 puntos.

• Polo número de concellos asociados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos asociados ou mancomunados e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

4. Ratio de número de voluntarios/as asegurado/as e inscritos/as no Rexistro de Persoal Voluntario do servizo provincial de Emerxencias por risco de accidentes e morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes do concello, ata un máximo de 20 puntos. Outorgarase a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2016, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Así mesmo, e para fomentar a presentación de solicitudes conxuntas por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula de xestión compartida, serán valoradas en todo caso con 5 puntos este tipo de solicitudes.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística do ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Así mesmo, e para fomentar a presentación de solicitudes conxuntas por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula de xestión compartida, serán valoradas en todo caso con 5 puntos este tipo de solicitudes.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios: 

• 5 puntos, as AVPC inscritas ata o ano 1995 inclusive.

• 4 puntos, as AVPC inscritas ata o ano 2000 inclusive.

• 3 puntos, as AVPC inscritas ata o ano 2005 inclusive.

• 2 puntos, as AVPC inscritas ata o ano 2012 inclusive.

9. As AVPC inscritas nos catro últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 3 puntos, as AVPC inscritas no ano 2013.

• 4 puntos, as AVPC inscritas no ano 2014.

• 5 puntos, as AVPC inscritas nos anos 2015 e 2016.

10. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112, 5 puntos.

11. Pola presentación anual nos servizos de emerxencia provinciais, por parte da AVPC, dos seguintes documentos: memoria anual de actividades, acta da asemblea ordinaria anual, relación de voluntarios e xunta directiva actualizada, constatado por certificación do xefe do servizo de emerxencias da provincia, 15 puntos.

Quedarán excluídas das subvencións aqueles concellos cuxas súas AVPC teñan menos de 10 mobilizacións no ano 2015 comunicadas ao Centro de Atención de Emerxencias 112, excluídas as rexistradas no presente ano, e aqueles que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada no total de puntuación, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

Artigo 8. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución será adoptada polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a Comisión de Valoración, e procederase á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, por vía telemática e na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na notificación da resolución faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o interesado ao cal se conceda o equipamento, e que serán recollidas na acta de cesión correspondente:

a) Serán por conta dos beneficiarios os gastos do imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que poida supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que for a súa contía.

b) Compromiso de que o equipamento sexa destinado a misións de protección civil e emerxencias. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

d) O/a alcalde/sa do concello, presidente/a da mancomunidade ou representante da agrupación de concellos, a que se conceda o equipamento solicitado, disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia, tamén enviada por vía telemática.

No suposto de que, transcorridos cinco meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución de concesión poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, o material adquirido por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e adxudicado aos beneficiarios desta orde está afecto ao cumprimento dunha finalidade de carácter público, polo que ten a consideración de subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita polo/a secretario/a xeral técnico/a desta vicepresidencia e consellería, e debe constar nela o regulamentado no artigo 8 ao respecto.

No momento de asinar a acta de cesión, os beneficiarios deberán presentar a declaración actualizada do modelo do anexo II, asinada polo representante do concello, mancomunidade ou asociación de concellos.

Dado que os fondos presentados proveñen do programa de fondos Feder-Galicia 2014-2020, o concello quedará obrigado a cumprir cos requisitos de publicidade establecidos no número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, e o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos, e debe manter a rotulación do equipamento cedido. Así mesmo, tamén se deben adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras da competencia.

De igual xeito, e de acordo co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, os concellos quedarán obrigados ao mantemento dos bens cedidos un mínimo de cinco (5) anos.

Artigo 10. Reversión dos bens á Comunidade Autónoma

1. Se o equipamento cedido non se aplicar ao fin sinalado ou deixar de estalo con posterioridade, se descoidar ou utilizar con grave quebrantamento ou se incumpriren as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou da deterioración que experimentasen.

2. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva consigo a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Vicepresidencia e Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o equipamento concedido. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 12. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o citado órgano mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a emerxencias.interior@xunta.es .

Artigo 13. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional. Mancomunidades ou agrupación de concellos

Todos os documentos descritos no articulado da presente orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade ou agrupación de concellos, serán emitidos polo seu órgano competente.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase o director xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Lexislación como fondo Feder

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Comunidade Europea (Feder) estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable recollida no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, no Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, así como no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

Disposición derradeira cuarta. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file