Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 13 de abril de 2016 Páx. 13394

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 4 bar ás Neves, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/1-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 8.5.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal das Neves (Pontevedra), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 8.6.2009 e no Boletín Oficial da provincia do 11.6.2009.

O proxecto que serviu de base para esta autorización administrativa recolle a instalación da rede de distribución de gas natural na parte da plataforma loxística de Salvaterra, As Neves (Plisan) situada dentro do termo municipal das Neves, así como a súa conexión, para o seu abastecemento de gas natural, coa rede de distribución do termo municipal de Salvaterra de Miño.

O 2.2.2016 Gas Galicia SDG, S.A., solicitou a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 4 bar ás Neves (Pontevedra).

Este proxecto de execución recolle a instalación da rede de distribución no núcleo urbano das Neves e a súa conexión, para o seu abastecemento de gas natural, á rede do termo municipal de Salvaterra de Miño.

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución da rede de distribución de gas natural nas Neves, que se tramitará baixo o nº de expediente IN627A 2016/1-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa porque a infraestrutura gasista difire da prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural no termo municipal das Neves.

En consecuencia, o obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 4 bar ás Neves (Pontevedra).

Descrición das instalacións:

A rede de distribución das Neves terá o seu inicio na rede de distribución do veciño concello de Salvaterra de Miño, no lugar das Zamaroas. Desde aquí discorrerá soterrada pola estrada PO-400 ata o cruzamento coa estrada PO-415 no lugar da Igrexa. Desde este punto discorrerá por diferentes parroquias ata acadar a rúa Entrecís, onde se dividirá en varios ramais e se dividirá polas distintas rúas do núcleo urbano das Neves.

A rede dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 4,0 bar, terá unha lonxitude de 6.308 m e realizarase en tubaxe de polietileno PE100 SDR 17,6 / SDR 17 de varios diámetros (200, 110, 90 e 63 mm) e aceiro GrL245 de varios diámetros (8” e 4”).

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal das Neves, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: trescentos quince mil cento sesenta euros (315.160,00 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, que poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, r/ Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas