Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 12 de abril de 2016 Páx. 13188

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Ferroatlántica, S.A.U. as autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto de execución da adaptación da subestación de Santa Uxía 66/220 kV, no termo municipal de Dumbría (expediente IN407A 2005/258-1).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Ferroatlántica, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificación na estrada do Mirador, s/n, O Ézaro, 15297 Dumbría (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A empresa promotora, Ferroatlántica, S.A.U., conta cunha subestación eléctrica de 66 kV en funcionamento no Ézaro (Dumbría), que é utilizada para concentrar a enerxía procedente dos aproveitamentos hidroeléctricos C.H. Santa Uxía I e II, C.H. Castrelo e C.H. Novo Pinto existentes no río Xallas, e evacuala ás subestacións de Cee e Dumbría.

No seu día, ante as necesidades de evacuación de enerxía, preveuse a conversión da LAT Santa Uxía-Xestosa-Dumbría a un nivel de tensión de 220 kV e, despois das tramitacións administrativas correspondentes, executáronse os traballos necesarios nas liñas eléctricas para funcionar a unha tensión de 220 kV e quedou pendente a modificación das instalacións existentes na citada subestación para dotala dun transformador 66/220 kV de 175 MVA e da correspondente posición de liña de 220 kV.

Segundo. O 22 de novembro de 2006 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución da subestación eléctrica de Santa Uxía 220/66 kV 1×175 MVA, no termo municipal de Dumbría, promovida por Ferroatlántica, S.L. (expediente IN407A 2005/258-1), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 18 de xaneiro de 2007 e no Boletín Oficial da provincia do 19 de decembro de 2006.

A situación desta nova subestación estaba proxectada nun terreo estremeiro cos terreos ocupados pola subestación existente de 66 kV e a central de Santa Uxía, catalogado como solo rústico e incluído en zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre. Ante os condicionantes urbanísticos establecidos na tramitación dos correspondentes permisos, a empresa promotora optou por proxectar as novas instalacións (transformador 66/220 kV de 175 MVA e posición de liña de 220 kV) dentro dos terreos ocupados pola subestación existente de 66 kV e a central de Santa Uxía. En xuño de 2013, a empresa promotora obtivo os condicionantes urbanísticos para este novo proxecto.

Terceiro. O 18 de agosto de 2015 a empresa Ferroatlántica, S.A.U. presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción do proxecto de execución denominado Adaptación da subestación de Santa Uxía 66/220 kV, modif. 01: Adaptación aos condicionantes urbanísticos.

Este proxecto de execución ten por obxecto a reforma da subestación existente de 66 kV para dotala dun transformador 66/220 kV de 175 MVA e unha posición de liña de 220 kV, cuxas instalacións máis significativas son as seguintes:

• Paso aereosubterráneo con autoválvulas á saída da actual posición de liña de Xestosa en 66 kV.

• Transformador trifásico de potencia nominal 175 MVA (OFAF) e relación de transformación 66/220 kV.

• Subestación GIS 220 kV compacto baixo envolvente metálica conectada á terra, con illamento de gas SF6 presurizado. Incorpora as funcións de seccionador de posta á terra rápido, seccionador de illamento con posta á terra, interruptor automático, transformador de medida (intensidade e tensión) e descargadores de sobretensión.

• Liña subterránea de 220 kV, de 170 de lonxitude e condutor RHZ1-RA+2OL (AS) 127/220 1×630 AI2 H250, para a conexión coa liña aérea existente de Xestosa a través dun PAS.

• Instalacións auxiliares, obra civil, adecuación da nave, protección contra incendios, proteccións e control, etc.

No epígrafe 1.6 do citado proxecto de execución establécese que todas as propostas incluídas nel foron deseñadas conforme as diversas disposicións legais, regulamentos e demais normativa xeral vixente, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e da Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria.

Cuarto. O 23 de decembro de 2015 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada Subestación de Santa Uxía 66/220 kV, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 21 de xaneiro de 2016 e no Boletín Oficial da provincia do 21 de xaneiro de 2016.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. A xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do devandito proxecto de execución ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados pola mencionada infraestrutura eléctrica: Concello de Dumbría, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. A seguir reflíctese o pronunciamento destas entidades a respecto do proxecto da citada infraestrutura eléctrica:

• O Concello de Dumbría manifestou a súa conformidade mediante escrito do seu alcalde do 26 de xaneiro de 2016.

• A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ditou, con data do 20 de xaneiro de 2016, resolución pola que se autorizou a súa execución exixindo a adopción das medidas de protección ambiental recollidas na documentación achegada e a implantación dun sistema de vixilancia e seguimento cos mínimos indicados.

• A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou, con data do 16 de novembro de 2015, resolución pola que se autorizou a súa execución, exixindo o cumprimento das condicións técnicas indicadas.

• A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu, con data do 2 de febreiro de 2016, informe en que non se considera que estea comprendido nos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 2172013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Sexto. O 22 de febreiro de 2016 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable á autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da devandita infraestrutura eléctrica.

Con rexistro de saída do 24 de febreiro de 2016, a xefatura territorial trasladou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para os efectos da súa resolución, copia completa do expediente de referencia (IN407A 2005/258-1), xunto co citado informe.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Ferroatlántica, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución denominado Adaptación da subestación de Santa Uxía 66/220 kV, modif. 01: Adaptación aos condicionantes urbanísticos, no termo municipal de Dumbría (A Coruña).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Ferroatlántica, S.A.U., titulado Adaptación da subestación de Santa Uxía 66/220 kV, modif. 01: Adaptación aos condicionantes urbanísticos-Agosto 2015, asinado dixitalmente o 3 de decembro de 2015 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia); e no que figura un orzamento de execución material de 2.741.575,01 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como as demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitila despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A empresa promotora deberá cumprir os condicionados técnicos e ambientais fixados polas entidades consultadas e que se relacionan no antecedente de feito quinto.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas