Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 5 de abril de 2016 Páx. 12119

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2016, do Servizo da Delegación Provincial de Ourense, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación, con trámite de urxencia, e o intento de mutuo acordo para a expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción da restauración das marxes do río Miño no cruzamento da autoestrada AG-53, no termo municipal de Ourense (clave OU/11/073.01).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Mediante o Decreto 254/2003, do 24 de abril, en cumprimento do disposto na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, creouse a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A. (Aceousa), co obxecto de levar a cabo as actividades de construción, explotación e conservación do treito Alto de Santo Domingo-Ourense da autoestrada A-53, Santiago de Compostela-Ourense.

En xuño de 2011, a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A. foi absorbida pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. (SPI Galicia), a cal sucedeu a Aceousa en todas as súas obrigas e dereitos.

Para a construción, explotación e conservación da dita autoestrada, SPI Galicia precisa dispor dos terreos necesarios para a execución das obras comprendidas no proxecto anteriormente mencionado.

Con data do 2 de marzo de 2015 procedeuse á aprobación do proxecto de construción da restauración da ribeira do río Miño no cruzamento da autoestrada AG-53 pola Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, clave OU/11/073.01 (termo municipal de Ourense).

Con data do 18 de febreiro de 2016, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e á necesidade de urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para efectos de expropiación para a mencionada obra polo Decreto 20/2016, publicado no DOG núm. 45, do 7 de marzo.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo da delegación provincial, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se citan, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario, e ao intento de mutuo acordo.

Concello de Ourense.

Local: salón de plenos da casa do concello.

Data e horario: 26 de abril de 2016, das 10.30 ás 11.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes estarán expostos no Concello de Ourense e no Servizo da Delegación Provincial de Ourense da Axencia Galega de Infraestruturas (rúa Sáenz Díez, nº 1), 32003 Ourense.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegaren os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e último recibo da contribución. Poden ir acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e de notario.

Así mesmo e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, ou ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo da Delegación Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Ourense, 7 de marzo de 2016

Marcos Buide Pollán
Xefe do Servizo da Delegación Provincial de Ourense