Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2016 Páx. 10733

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as bases que rexen a convocatoria de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

O artigo 20 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, dispón que as corporacións locais con postos vacantes que xulguen necesario incluír no concurso ordinario anual, deberán aprobar en pleno as bases para a súa cobertura conforme as regras especificadas neste decreto. Os concellos de Frades, Viana do Bolo, Láncara e Pol enviaron á Dirección Xeral de Administración Local as bases específicas para a súa inclusión no concurso ordinario.

Examinadas as bases por parte deste centro directivo inclúense na presente resolución as correspondentes aos concellos de Láncara e Pol. Non obstante, a Dirección Xeral de Administración Local o 25 de febreiro resolve non incluír as bases específicas dos concellos de Frades (A Coruña) e Viana do Bolo (Ourense) no concurso ordinario para a provisión de postos reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, de acordo co disposto no artigo 27 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, artigo 17 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e o artigo 5 da Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a estes funcionarios (BOE núm. 192, do 12 de agosto) posto que os méritos específicos, co fin de garantir a idoneidade do candidato para o desempeño dun posto de traballo, deberán estar directamente relacionados coas características concretas e funcións correspondentes a el e estarán referidos a cursos de formación e perfeccionamento superados ou impartidos, valoración do traballo desenvolvido ou calquera outra actividade ou coñecemento relacionado coas ditas características e funcións. A valoración dos méritos sen atender ás regras anteriores suporá a non inclusión dos postos no concurso ordinario e a súa remisión ao concurso unitario inmediato.

De conformidade co disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e de acordo co establecido na Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a estes funcionarios (BOE núm. 192, do 12 de agosto), no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias, esta dirección xeral o 25 de febreiro de 2016 ditou resolución pola que se acorda non incluír as bases específicas dos concellos de Frades e Viana do Bolo no concurso ordinario. En consecuencia con todo o exposto

DISPÓN:

Primeiro. Dar publicidade á convocatoria do concurso ordinario de Galicia de traslados para a provisión dos postos de traballo reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional vacantes nas entidades locais, de conformidade coas bases comúns polas que se debe rexer o concurso, que se publican no anexo I, e a relación de bases, méritos autonómicos, méritos específicos e comisións avaliadoras aprobados por cada unha das corporacións locais que se mencionan no anexo II.

Segundo. Esta resolución produce os efectos de abrir o prazo para a presentación de solicitudes de participación no concurso ordinario así como tamén o prazo para a presentación dos recursos correspondentes contra as bases específicas ante os concellos que as aprobaron.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO I
Bases comúns

Primeira. Postos

Ofrécense neste concurso os postos vacantes reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional naquelas corporacións que aprobaron as bases específicas.

Segunda. Participación

1. Os funcionarios con habilitación de carácter nacional así como os funcionarios non integrados nas actuais subescalas, pertencentes aos extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios da Administración local a que se refire a disposición transitoria primeira, 1, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, poderán concursar aos postos que se ofrecen nos termos seguintes:

– Os secretarios de primeira, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría superior.

– Os secretarios de segunda, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría de entrada.

– Os secretarios de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría-intervención.

– Os secretarios de concellos a extinguir, ás secretarías de concellos con poboación que non exceda os 2.000 habitantes.

– Os interventores, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente a postos de intervención.

– Os depositarios, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, pero unicamente a postos de tesouraría.

2. Non poderán concursar:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firmes, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c) e d), da Lei de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o paso a elas.

d) Os funcionarios que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, salvo que concursen a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se encontren nos supostos do artigo 20.1.f), da Lei de medidas para a reforma da función pública.

Terceira. Documentación e prazo para participar

1. No prazo de quince (15) días naturais, a partir da publicación conxunta deste concurso no Boletín Oficial del Estado, os funcionarios con habilitación de carácter nacional que desexen tomar parte nel dirixirán á corporación local do posto a que concursan a seguinte documentación:

– Solicitude de participación comprensiva de declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño (BOE do 9 de xullo).

– Documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica de acordo co que establece a base cuarta desta resolución, así como os específicos de cada posto nos termos que se indican no anexo I.

2. Os concursantes a dous ou máis postos presentarán solicitude e documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica en todas as corporacións en que soliciten postos. Así mesmo, os concursantes a dous ou máis postos presentarán en idéntico prazo de quince (15) días naturais orde de prelación de adxudicacións ante a Subdirección Xeral de Relacións con outras administracións (María de Molina, nº 50, 28071 Madrid). A orde de prelación será única e comprensiva da totalidade de postos solicitados, e única, así mesmo, se se concursa a unha ou varias subescalas e categorías. A formulación da orde de prelación, cuxo único obxecto é evitar a adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante, non substituirá a solicitude de participación dirixida a cada corporación local.

3. Os requisitos exixidos, así como os méritos, deberán reunirse na data correspondente á resolución da Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarta. Méritos de determinación autonómica

Méritos de determinación autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional).

1. Méritos.

Os méritos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia serán incluídos polas corporacións locais na respectiva convocatoria.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos está constituído polos seguintes:

– Experiencia profesional: consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia que impliquen o coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia.

– Cursos de formación e perfeccionamento superados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública e que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

– Actividade docente: dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal e réxime económico-financeiro das entidades locais en cursos organizados pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración con esta.

– Publicacións: en materias relativas ás especialidades de organización territorial e do dereito propio de Galicia.

2. Valoración de méritos.

A proporción que corresponde a cada unha das clases de méritos expresados no artigo anterior é a seguinte:

– Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

– Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,50 puntos.

– Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

– Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

3. Regras para a puntuación de méritos.

Experiencia profesional: os servizos prestados valoraranse do seguinte xeito:

– Servizos prestados como funcionarios de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

a.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

a.2) De distinta subescala e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

– Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionarios de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

a.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

a.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

Máximo: 0,90 puntos.

Cursos de formación e perfeccionamento: a valoración dos cursos, con exclusión dos que formen parte dos procesos selectivos correspondentes, efectuarase da forma seguinte:

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas que, previamente, fosen homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para os efectos deste artigo.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia e exceptuaranse os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos convocados pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto.

Para o suposto de que a puntuación dos cursos non estea determinada nas súas convocatorias, a valoración farase exclusivamente respecto daqueles cursos en que a materia impartida teña relación coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, da forma seguinte:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento con duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Máximo: 1,5 puntos.

Actividade docente: valorarase cun máximo de 0,30 puntos, a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose os congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

Publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,30 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

4. Acreditación de méritos.

Os concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación do certificado correspondente ou a copia do título debidamente compulsada.

5. Valoración dos méritos pola comisión avaliadora.

A comisión avaliadora do concurso comprobará e valorará os méritos alegados de acordo coas regras e coas puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Quinta. Méritos específicos

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se detallan no anexo II.

Sexta. Valoración de méritos

1. De acordo coas previsións da convocatoria, a comisión avaliadora comprobará e valorará os méritos específicos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño.

Non se valorarán aqueles méritos que non se consideren suficientemente acreditados coa documentación presentada.

2. Para a valoración dos méritos autonómicos no concurso ordinario, as comisións avaliadoras poderán solicitar á consellería competente en materia de réxime local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

3. Coa puntuación que se deduza das valoracións, sumada aos méritos xerais e autonómicos, a comisión elevará proposta á corporación comprensiva dos/das candidatos/as coa orde da valoración final de méritos.

4. A comisión de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo aqueles que non os reúnan. A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte xeito, tendo en conta o parágrafo 6 do novo artigo 92 bis da Lei de bases de réxime local, introducido pola Lei 27/2013, onde se establece unha nova repartición de porcentaxes sobre o total da puntuación de méritos (30 puntos) de cara aos concursos de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional:

– Méritos xerais, deben supoñer un mínimo do 80 % da puntuación total, 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais dos habilitados nacionais aprobada pola Dirección Xeral de Función Pública, sen que sexa posible ningunha acreditación adicional por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte da comisión de valoración.

– Méritos específicos, un 5 % da puntuación total, 1,50 puntos, e méritos de determinación autonómica, non poderán superar o 15 % da puntuación total, ata un total de 4,5 puntos, con base na documentación acreditativa achegada polos concursantes.

Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, a comisión de valoración asignará unicamente a puntuación de méritos autonómicos, de existiren.

5. Tamén poderán sinalar unha puntuación mínima no caso indicado no artigo 21.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e a previsión dunha exposición oral para os efectos de concreción dos méritos.

6. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, a comisión avaliadora dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración deles determinada na normativa estatal. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Sétima. Proposta de resolución

Unha vez efectuadas polo tribunal a exclusión e a puntuación final de concursantes, elevaralle ao presidente da corporación proposta de resolución comprensiva de todos os non excluídos e as súas puntuacións ordenadas de maior a menor. Así mesmo, elevará relación fundada de excluídos.

Oitava. Resolución

1. O presidente da corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada polo tribunal de valoración.

2. A dita resolución será motivada con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso, deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos candidatos e comprender, por orde de puntuación, a totalidade dos concursantes non excluídos.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral da Función Pública dentro dos trinta días naturais seguintes ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Novena. Coordinación de nomeamentos

1. A Dirección Xeral da Función Pública transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, efectuará a coordinación de resolucións coincidentes a favor dun mesmo concursante, con adxudicación final de postos, atendendo á orde formulada polos interesados na folla de prelación e á puntuación obtida en cada un dos postos.

Décima. Formalización de nomeamentos

De acordo co resultado da coordinación nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións nos restantes, a Dirección Xeral da Función Pública formalizará os nomeamentos, enviaraos ás comunidades autónomas e publicaraos, no prazo dun mes, no Boletín Oficial del Estado.

Décimo primeira. Prazo de toma de posesión

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

2. Este prazo empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de nomeamentos no Boletín Oficial del Estado. Se o destino obtido comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computar desde a dita publicación.

3. O cómputo de prazos de toma de posesión iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se lles concedesen aos interesados.

4. Por necesidades do servizo, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que teña que cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferir o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres (3) meses; o segundo deles deberá dar conta deste acordo á Dirección Xeral de Cooperación Local.

Décimo segunda. Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos

Os concursantes non poderán renunciar ao concurso nin ao posto que sexa adxudicado a partir do momento en que os tribunais eleven proposta de resolución á corporación.

As adxudicacións de postos no concurso terán carácter voluntario e non xerarán, en consecuencia, ningún dereito ao aboamento de indemnización por traslado.

Décimo terceira. Cesamento e toma de posesión

1. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ao posto. O funcionario pasará a depender da correspondente corporación.

2. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes serán comunicadas á Dirección Xeral de Cooperación Local e á comunidade autónoma respectiva, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

Décimo cuarta. Recursos

Os actos administrativos dos tribunais de valoración poderán ser impugnados conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

ANEXO II
Bases específicas polas que se rexerán os concursos para a provisión de
postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional

*Secretaría-intervención do Concello de Pol (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Pol (Lugo).

Denominación e clase do posto: secretaría-intervención do Concello de Pol.

Subescala e categoría: secretaría-intervención sen categoría.

Poboación en data do 1.1.2015: 1.732 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 8.652 €.

• Baremo de méritos específicos.

A) Méritos profesionais (ata un máximo de 0,72 puntos):

– Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención en concellos de Galicia, en réxime de nomeamento definitivo, provisional ou comisión de servizos, nos cales a base fundamental da economía sexa fundamentalmente agrícola ou gandeira (0,01 puntos por mes completo de servizos ata un máximo de 0,36 puntos).

Para valorar este criterio, terase en conta as afiliacións en alta laboral por servizos, entendendo que o municipio é prioritariamente agrícola ou gandeiro cando as ditas afiliacións no sector agrícola ou gandeiro (epígrafe agricultura e pesca), superen as dos demais sectores (industria, construción ou de servizos); e iso segundo as cifras publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este dato débese facer constar nos certificados que acheguen as entidades locais en que se prestaron os servizos.

– Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención, en réxime de nomeamento definitivo, provisional ou en comisión de servizos, nos cales se tramitase un expediente de plan xeral de ordenación municipal que chegue, polo menos, á fase de aprobación definitiva (0,01 puntos por mes completo de servizos prestados, ata un máximo de 0,36 puntos).

– A experiencia profesional acreditarase mediante certificación expedida polo concello ou entidade en que se prestaron servizos.

Pol é un concello eminentemente agrario e gandeiro, onde as explotacións agropecuarias abarcan a maior parte do termo municipal, sendo este o eixe fundamental da economía do concello, é por iso que a corporación municipal acorda primar, á hora de cubrir este postos de traballo, a experiencia adquirida en municipios de Galicia nos cales a base fundamental da economía sexa fundamentalmente agrícola e gandeira, xa que é concordante coas características deste municipio e esa experiencia considérase fundamental para o desempeño deste posto de traballo.

O municipio está inmerso nos últimos anos nun procedemento tendente á aprobación do plan xeral de ordenación municipal, sendo este o instrumento fundamental para sentar as bases do desenvolvemento urbanístico do municipio, con propostas fundamentais para o seu desenvolvemento económico como é a implantación de dúas áreas industriais que se proxectan nel, por iso é polo que se considera tamén relevante a experiencia adquirida na tramitación de plans xerais de ordenación municipal.

O criterio de poboación máis ou menos de 2.000 habitantes perde a obxectividade, polo que procede non incluílo nas presentes bases.

A existencia ou non dun polígono ou parque empresarial non ten transcendencia á hora de valorar a capacitación suficiente ou cualificación dun profesional, como é o caso do posto de secretaría-intervención.

B) Cursos de formación e perfeccionamento (máximo 0,63 puntos):

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios.

– Soamente se valorarán os cursos impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP,...). Só se valorarán os cursos cunha duración igual ou superior a 150 horas. Cada curso será valorado con 0,63 puntos.

– Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados a que se refiren.

– A puntuación máxima nesta epígrafe será de 0,63 puntos.

Neste apartado valoraranse os cursos que versen sobre materias relacionadas coa área xurídica, o urbanismo, os recursos humanos, organización e xerencia pública, con arranxo ao seguinte baremo (máximo de 0,63 puntos).

Valoraranse o curso de dirección e xerencia pública na Administración local, o curso de diploma de directivos da Xunta de Galicia, o curso diploma de inspección de servizos da Xunta de Galicia, Curso Superior de Urbanismo.

Os cursos de formación e perfeccionamento en xeral xa son valorados tanto no baremo estatal como no autonómico, e por coherencia só se valorarán os relacionados coa competencia municipal que teñan un tratamento especializado e, polo tanto, só se valorarán os cursos cunha duración igual ou superior a 150 horas.

Tampouco se ten en conta ter superado algún exame, xa que o que se demostra é tamén o feito de non ter superado unha oposición.

C) Actividade docente (puntuación máxima 0,15 puntos):

– A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola EGAP ou INAP, ou realizados en colaboración con estes.

A súa valoración será a razón de 0,005 puntos por hora impartida e excluiranse congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

– En ningún caso se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, en caso de ser solicitadas posteriormente polo tribunal, nin os que se xustifiquen por copias simples.

D) Entrevista persoal.

Non se prevé a realización de entrevista persoal.

E) Comisión de valoración:

Tribunal titular:

Presidente: Manuel Castiñeira Castiñeira, xefe do Servizo de Asistencia e Asesoramento Xurídico e Técnico aos concellos da Deputación de Lugo.

Secretario: Manuel García Mel, xefe do Servizo de Recursos Humanos da Deputación de Lugo.

1º vogal: Fernando de Abel Vilela, profesor titular de Dereito Administrativo da USC.

2º vogal: Lois Eduardo Matías Sánchez, secretario-interventor do Concello de Bóveda.

3ª vogal: Ana Sampedro Millares, secretaria-interventora do Concello de Castroverde.

Tribunal suplente:

Presidente: Valentín Lago González, letrado-asesor da Deputación de Lugo.

Secretario: Xesús Arrizado Yáñez, técnico-asesor de Recursos Humanos da Deputación de Lugo.

1º vogal: Antonio Xabier Ferreira Fernández, profesor titular de Dereito Administrativo da USC.

2º vogal: Rafael Castillo Reboiro, secretario-interventor do Concello da Pobra de Brollón.

3ª vogal: Rosa Pérez López, secretaria-interventora do Concello de Navia de Suarna.

*Secretaría-intervención do Concello de Láncara (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Láncara (Lugo).

Denominación e clase do posto: secretaría-intervención do Concello de Láncara.

Subescala e categoría: secretaría-intervención sen categoría.

Poboación en data do 31.12.2014: 2.764 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 29 (no orzamento municipal para 2016 o posto figura co nivel 28, publicado no BOP de Lugo do 28 de xaneiro de 2016).

Complemento específico: 1.688,39 €/mes.

• Baremo de méritos específicos.

A) Formación:

Por cursos de formación en facendas locais e contabilidade, protección de datos, contratación pública e urbanismo impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP, universidades públicas). A razón de 0,1 puntos/hora cun máximo de 0,40 puntos.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiren. Non se valorarán os cursos con duración inferior a 20 horas. Para os efectos de garantir a actualización dos coñecementos, só serán valorados aqueles cursos cuxa data de expedición do diploma acreditativo sexa como máximo de hai 15 anos.

A limitación da puntuación por áreas de formación nesta epígrafe xustifícase polo tamaño desta entidade local, xa que o secretario interventor é o único funcionario do grupo A que presta servizos na corporación polo que se valora máis positivamente a formación en varias materias e non unha formación máis ampla referida a unha soa materia ou área de formación.

B) Experiencia profesional:

Por servizos prestados ininterrompidamente en concellos de clase terceira da Comunidade Autónoma de Galicia con orzamento igual ou superior a 1,5 millóns de euros de media nos últimos cinco anos. Este concello valora positivamente o feito da permanencia no posto de traballo:

– De maneira ininterrompida durante doce anos dentro dos quince anos naturais inmediatos anteriores ao desta convocatoria: 1,10 puntos.

– De maneira ininterrompida durante dez anos dentro dos doce anos naturais inmediatos anteriores ao desta convocatoria: 0,90 puntos.

– De maneira ininterrompida durante oito anos dentro dos doce anos naturais inmediatos anteriores ao desta convocatoria: 0,60 puntos.

– De maneira ininterrompida durante seis anos dentro dos doce anos naturais inmediatos anteriores ao desta convocatoria: 0,30 puntos.

Acreditarase con certificación expedida polo municipio en que prestaran os servizos.

O artigo 15 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo para funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, establece como mérito que se debe valorar a permanencia continuada no posto reservado desde o que se concursa. Criterio que se establece como xeral para todo o territorio nacional. Esta característica de mérito xeral da permanencia non impide a súa consideración como mérito específico predicable do posto de secretaría-intervención de calquera municipio, e neste caso concreto do municipio de Láncara. Este concello opta por este criterio de permanencia porque a media de idade do resto de persoal funcionario rolda os sesenta anos e o anterior titular do posto ocupouno durante vinte e cinco anos. En consecuencia, un secretario que acredite permanencia nun posto de traballo similar con carácter previo, posiblemente goce de permanencia no posto de secretario-interventor, garantindo o coñecemento e funcionamento propio desta Administración local.

O mérito de permanencia pode estar ao alcance de calquera funcionario durante o seu exercicio profesional, polo que é un criterio xeral e obxectivo aínda que algúns funcionarios poidan carecer desde mérito. A permanencia no posto valórase respecto de postos da mesma categoría e a introdución do referente orzamentario entra dentro dunha marxe propia dos municipios de clase terceira, por ser esta a cifra media do orzamento do concello nos últimos cinco anos. A permanencia valorarase de xeito ponderado, exixindo un mínimo de seis anos e ata un máximo de doce.

C) Outros méritos. Non se valoran.

En ningún caso se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, no caso de ser solicitadas posteriormente polo tribunal, nin os que se xustifiquen por copias simples.

D) Non se prevé a realización de entrevista persoal.

E) Comisión de valoración:

Tribunal titular:

Presidente: Julio González Casanova, secretario-interventor do Concello de Friol.

Secretario e 1º vogal: José Luis Vázquez Méndez, secretario-interventor da Agrupación de Concellos de Guntín e Portomarín.

2ª vogal: Elisa Múñoz Álvarez, secretaria do Concello de Baralla.

3º vogal: Manuel Castiñeira Castiñeira, xefe do Servizo de Asistencia e Asesoramento Xurídico e Técnico aos concellos da Deputación de Lugo.

4ª vogal: María Darriba Muñoz, secretaría-interventora do Concello da Fonsagrada.

Tribunal suplente:

Presidente: José López González, secretario-interventor do Concello de Paradela.

Secretario.

1º vogal: José Ángel Balseiro Amido, secretario-interventor do Concello de Rábade.

2ª vogal: Sofía Sanmartín Novoa, secretaría-interventora do Concello de Trabada.

3ª vogal: María Elena Sueiro Fernández, secretaria-interventora do Concello de Forcarei.

4º vogal: Antonio Lorenzo Morandeira, secretario-interventor do Concello de Begonte.

No non previsto nestas bases aplicarase o disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo para funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as normas que o desenvolven, e calquera outra que lle sexa de aplicación.