Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2016 Páx. 10571

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Redondeliño e Borraxeiros, da parroquia de Tortoreos, no concello das Neves, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Miguel Ángel Pérez Dubois.

(Xefe territorial).

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos.

(Xefa do Servizo de Montes).

X. Carlos Morgade Martínez.

(Representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Víctor Abelleira Argibay.

(Representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes da CMVMC de Tortoreos.

Mª del Pilar Álvarez Barbosa.

Manuel Eduardo Mariño Souto.

Secretaria:

Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 8 de febreiro de 2016, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Redondeliño e Borraxeiros, na parroquia de Tortoreos, solicitado a favor dos veciños da CMVMC de Tortoreos (As Neves).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 13 de abril de 2012, Fernando Pereira Alonso, actuando en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos, concello das Neves, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación dos montes denominados Redondeliño e Borraxeiros, como veciñal en man común a favor CMVMC que representa, acompañado da seguinte documentación: informe pericial realizado polo técnico competente, documentación topográfica, así como diversas declaracións xuradas dos veciños estremeiros das parcelas solicitadas.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión de 1 de abril de 2013, incoar o corresponde expediente de clasificación dos devanditos montes.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase informe preceptivo do Servizo de Montes con data do 13 de maio de 2013, que é recibido polo Xurado de Montes con data do 21 de maio de 2012, no cal se fai constar, entre outros aspectos relevantes “(...) Na inspección en campo da parcela afectada obsérvase que a parcela Redondeliño se sitúa entre o noiro da estrada PO-4203 e a estrada asfaltada, está rasa, sobre un afloramento rochoso extenso que limita o seu uso e atravesada por liña telefónica con asentamento de postes, liña eléctrica e poste con farola. No seu perímetro inclúe un hórreo, un garaxe actualmente en uso e pista de acceso formigonada.

A parcela Borraxeiros limita coa mesma estrada asfaltada xa citada e pista de servizo. Está poboada por masa clara de bastío-fuste alto de Eucaliptus globulos con pés illados de piñeiro e rexenerado esporádico de ambas as especies. Sotobosque de mato de toxo, fento e xesta e presenza de afloramentos rochosos.

Como resultado do anteriormente expuesto informo de que:

– A cartografía presentada é suficiente para a correcta localización dos terreos afectados.

– A solicitude presentada non afecta terreos clasificados como de utilidade pública ou como monte veciñal en man común.

– O perímetro cuxa clasificación se solicita superponse parcialmente sobre varias parcelas catastrais.

– Na parcela Redondeliño existen evidencias de uso privado”.

Cuarto. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, os montes obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: As Neves.

Parroquia: Tortoreos.

Nome do monte: Redondeliño.

Polígono 13, parcelas 369, 372 e 373.

Cabida: 1.878 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Xosé Antonio Rodríguez.

Sur: Xosé Antonio Gil Moreira.

Leste: estrada asfaltada (PO-4203).

Oeste: pista asfaltada.

Nome do monte: Borraxeiros.

Polígono 13, parcela 364.

Cabida: 1.504 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Saturnino Rodríguez Álvarez.

Sur: Alsira Díaz Rodríguez.

Leste: estrada asfaltada (PO-4203).

Oeste: estrada asfaltada.

Quinto. O Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica con data 12 de agosto de 2013 que: (...) o monte sito no concello das Neves, parroquia de Tortoreos, denominado Redondeliño, de mil oitocentos setenta e oito metros cadrados; e o monte sitos no mesmo lugar que o anterior denominado Borraxeiros, de mil quiñentos catro metros cadrados, non aparecen inscritos a favor de ningunha persoa, ao menos de forma en que poidan ser identificados segundo as descricións que me son subministradas.

Sexto. Unha vez feitas de xeito legal as comunicacións a todos os interesados e rematado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello das Neves, consta a presentación dun escrito de alegacións, formuladas por María Digna Ignacio Novoa e Pilar Otero Rodríguez, en calidade de herdeiras das parcelas 369/a, 369/b, 372/a, 372/b, 373/a e 373/b en contra da clasificación solicitada pola CMVMC de Tortoreos respecto da parcela Redondeliño.

No escrito de alegacións manifestan que as parcelas figuran inscritas catastralmente a nome dos seguintes propietarios: 369 a e b Ignacio Novoa María Digan, 372 a e b Otero Lago Prudencio e 373 a e b Gayoso Rodríguez Antonio obxecto do presente expediente, que pertenceron desde sempre ás súas respectivas familias; engaden que na parcela 369 a e b existe un garaxe construído desde hai 20 anos e que está cerrada por muro no seu linde. Nas parcela 372 existe un hórreo que figura documentado desde 1862 como propiedade familiar reclamante.

Con base nestas manifestacións, solicitan que se recoñeza a propiedade privada das citadas parcelas deixando sen efecto o expediente de clasificación como monte veciñal en man común.

Sétimo. No 3 de julio de 2015 a CMVMC de Tortoreos contesta as alegacións formuladas durante o trámite de audiencia manifestando, en resumo, que as alegacións deben ser desestimadas por canto carecen de base e fundamento e que é irrelevante para a clasificación que algunhas das parcelas teñan titularidade catastral (artículo 27 do Decreto 260/1992), e reiteran que as parcelas en cuestión teñen e tiveron, o igual que os restos dos seus terreos circundantes, un aproveitamento veciñal; engaden que non é un obstáculo o feito de que en tempos totalmente recentes, algúns veciños realizasen un uso máis intenso que os restantes ata o punto de chegar a levantar a construción dun garaxe pero sen desnaturalizar con isto o uso forestal da parcela e, o que é máis importante, sen privar nin excluír o uso polos demais veciños.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común “... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños”.

O artigo 27 do Decreto 240/1992 establece que “non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de estar incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, salvo que os asentos se practicasen en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo”.

Así pois, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e real o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais, que poderá ser revisado pola xurisdición ordinaria, artigo 13.a) da Lei 13/1989 e 30.a) do Decreto 260/1992 (STS de 12 de xullo de 1999 e 24 de marzo de 2000).

Deste xeito, as manifestacións realizadas por María Digna Ignacio Novoa e Pilar Otero Rodríguez durante o trámite de audiencia opoñéndose á clasificación do monte Redondeliños baseadas en cuestión relativas á propiedade deben ser rexeitadas considerando que o tema debatido, como sostén a sentenza do TSXG do 2 de noviembre de 2000 “non debe remitirse a unha confrontación de titulacións e de inscricións senón ao exame dos distintos elementos constantes en autos e no expediente para chegar a acadar unha convicción nun ou outro senso respecto á realidade de aproveitamento –dos montes que optan á súa clasificación como veciñais en man común–. Por iso, o decisivo para a inclusión dos indicados montes na categoría de veciñais en man común é que estea acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños en forma mancomunada”.

Terceiro. Para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de xeito continuado; así o establece artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de forma mancomunada (STS do 7 de marzo de 2001).

O promotor do expediente sustenta a petición de clasificación unicamente no informe técnico que acompaña a solicitude de clasificación, no cal de xeito moi breve se fai referencia a unha serie de supostos usos e aproveitamentos tradicionais (obtención de madeira, leñas e molime), ben que non se presenta nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento a tales afirmacións, agás diversas declaracións xuradas dalgúns dos veciños do lugar que dan fe da existencia dun uso consuetudinario, pero esta documentación resulta insuficiente, non só porque nela se recoñece que nunha das parcelas hai construcións de uso privativas (garaxe, hórreo, muros) circunstancia que impide considerar que a parcela obxecto de clasificación se estivese “aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade e sen asignación de cotas”, referendando o sinalado polo informe do Servizo de Montes: ademais, sendo coherentes co criterio fixado pola xurisprudencia e adaptado por este Xurado á hora de valorar se procede ou non a clasificación dunha determinada parcela como monte veciñal en man común, resulta exixible un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico –non se achegou nin un só documento que avale o carácter comunal das parcelas– como actual polos veciños de Tortoreos.

En definitiva, da escasa documentación que consta no expediente pódese deducir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter veciñal sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado de Montes acorda por unanimidade dos seus membros non clasificar os montes Redondeliño e Borraxeiros, solicitados pola CMVMC de Tortoreos (As Neves), ao non reuniren os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 25 de febreiro de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra