Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2016 Páx. 10043

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Outeiro, da parroquia de Guillán, no concello de Vilagarcía de Arousa, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Miguel Ángel Pérez Dubois.

(Xefe territorial).

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos.

(Xefa do Servizo de Montes).

X. Carlos Morgade Martínez.

(Representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Víctor Abelleira Argibay.

(Representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes da CMVMC de Guillán.

Ramiro Padín García.

Manuel Abuín Barcala.

Secretaria.

Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 8 de febreiro de 2016, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Outeiro, na parroquia de Guillán, solicitado a favor dos veciños da CMVMC de Guillán (Vilagarcía de Arousa).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 27 de setembro de 2010, Belén Raposo Pérez, actuando en calidade de representante da CMVMC de Guillán (Vilagarcía de Arousa) presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte Outeiro (subdividido en tres parcelas: a, b e c).

En relación a este aspecto debe sinalarse, así mesmo, que consta no expediente de referencia (folio 31 e seguintes) o informe emitido pola Sección de Topografía do Servizo de Montes, do 18 de outubro de 2010, onde se fai constar que parte do monte abrangue parcelas de titular catastral particular.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 27 de outubro de 2010, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 de Decreto 260/1992 solicítase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais, que consta no expediente administrativo de clasificación nos folios 60 e seguintes e emitido con data do 27 de xaneiro de 2010, no cal se fai constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

«(…) De acordo coa Lei 43/2003, do 21 de noviembre, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, esta parcela non pode definirse como monte por estar situada sobre solo de núcleo rural e solo rústico común, sen que a comunidade alcance a superficie mínima.

A parcela encóntrase practicamente rasa salvo pola presenza de matogueiras e rexenerado novo de eucalipto e carballo moi escaso e dous piñeiros, con abundantes afloramentos rochosos que limitan o seu aproveitamento.

Limitada por camiños de terra e valos con terreos edificados.

Está atravesada por pistas de servizo de propiedades particulares, que inclúen rúas urbanas asfaltadas, redes de media tensión e fíos telefónicos.

Non se observa aproveitamento recente».

Cuarto. Con data do 4 de marzo de 2011 o Concello de Vilagarcía de Arousa remite un informe emitido polo arquitecto municipal onde se recollen unha serie de observacións contrarias á clasificación do monte como veciñal en man común, informe que foi remitido á CMVMC de Guillán facendo alegación a el mediante escrito do 30 de abril de 2011 e do 23 de xuño de 2011.

Quinto. O Rexistro da Propiedade de Vilagarcía certifica con data do 14 de xaneiro de 2011 que as leiras de que se solicita certificación non constan inscritos a nome de persoa ningunha.

Sexto. Con data do 24 de xaneiro de 2013 presenta novo escrito Belén Raposo, en representación da CMVMC de Guillán, solicitando a clasificación dos montes obxecto deste expediente por silencio administrativo positivo ao abeiro do artigo 25 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e do disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño.

Sétimo. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto de clasificación é o monte Outeiro, de 7.120,80 metros cadrados, subdividido nas parcelas a, b e c e cos lindes e descrición que figuran debidamente publicados no DOG.

Fundamentos de dereito:

I) O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

II) De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia 7/2012, do 28 de xuño, cómpre entender por monte veciñal en man común:

«Artigo 1.

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestión relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

III) Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual dos montes, pódese deducir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

É certo que a solicitante fai un esforzo loable á hora de presentar documentación técnica para efectos para identificar de forma nítida as parcelas obxecto de clasificación, pero encóntrase a faltar a existencia dunha mínima documentación histórica tendente a acreditar de xeito claro o aproveitamento consuetudinario dos montes. De feito, non se atopa nin un só documento que refrende tal aspecto alén das propias reivindicacións subxectivas feitas pola interesada no seu escrito de solicitude e posteriores de alegacións.

Pola contra, consta no expediente administrativo, como se sinalou nos antecedentes de feito, o informe do Servizo de Montes, contundente á hora de sinalar:

«A parcela encóntrase practicamente rasa salvo pola presenza de matogueiras e rexenerado novo de eucalipto e carballo moi escaso e dous piñeiros, con abundantes afloramentos rochosos que limitan o seu aproveitamento.

Limitada por camiños de terra e valos con terreos edificados.

Está atravesada por pistas de servizo de propiedades particulares, que inclúen rúas urbanas asfaltadas, redes de media tensión e fíos telefónicos.

Non se observa aproveitamento recente».

Ao anterior debe engadirse a postura e alegacións presentadas polo Concello de Vilagarcía de Arousa, na mesma liña que o Servizo de Montes.

Deste xeito, e unha vez analizado con detalle o expediente de referencia, encóntrase a faltar, por exemplo, a título meramente de exemplo, documentos que acrediten o acondicionamento realizado sobre o monte, ou se presenten facturas relativas a unha posible corta de madeira, documentación referente a traballos de rozas e limpeza das parcelas.

Entendemos, en definitiva, que, tan importantes como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos por clasificar, é a presentación dunha mínima proba documental que sustente de xeito fiable a clasificación do monte como veciñal en man común.

De feito, a pretensión de clasificación que articula a CMVMC de Guillán susténtase unicamente no informe de delimitación, adxunto á solicitude inicial de clasificación, na cal, ben que se fai referencia a unha serie de supostos usos e aproveitamentos tradicionais, non se presenta nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento a tales afirmacións, sendo as declaración xuradas dos veciños ao respecto moi escasas.

IV) Finalmente, e respecto das alegacións realizadas pola interesadas solicitando a clasificación por silencio administrativo positivo, debe sinalarse, seguindo o criterio mantido por este xurado noutros supostos análogos, que non cabe tal clasificación por silencio ao abeiro do artigo 43 da Lei 30/1992, e isto en base nunha serie de argumentos que de xeito claro e evidente se recollen na Sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia do 31 de maio de 2012 e, entre outras, sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo de Vigo 171/2014, do 17 de setembro, da cal podemos extraer o seguinte:

«(…) Con todo, non calquera petición que os interesados dirixan á Administración é susceptible de producir o silencio positivo ao abeiro do artigo 43, senón exclusivamente, aquelas peticións que teñan entidade suficiente para determinar un procedemento administrativo expresamente formalizado e regulado, como tal procedemento, na norma.

Non pode pretenderse que calquera petición do administrado dá lugar e debe dar lugar a “un procedemento iniciado por solicitude do interesado” de modo que se non contesta a Administración no prazo máximo establecido para resolver, debe considerarse estimada por silencio, en aplicación do artigo 43.2.

Ese artigo 43 non se refire a solicitudes, senón a procedementos. É verdade que o seu parágrafo 2 di que os interesados poderán entender estimadas as súas solicitudes, pero trátase de solicitudes inseridas en determinados procedementos, procedementos que resultan da aplicación das correspondentes normas legais ás solicitudes presentadas polos interesados.

(...) Chegados a este punto, non pode considerarse que a pretensión dirixida polo residente da comunidade de montes, tendente á clasificación como veciñal dun monte, dese lugar a un procedemento dos que se inician por instancia de parte.

(...) É certo que o artigo 11.3 da Lei 3/1989 prevé que a resolución do expeiente teña que ser ditada no prazo dun ano e, que no noso caso se superou ese lapso temporal; (...) pero tamén o é que no anexo II da Lei 6/2001, de adecuación normativa á Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 4/1999, se estableceu expresamente como negativo o sentido do silencio ante a falta de resolución expresa dos procedementos ditados en aplicación da Lei 13/1989 (...)».

En definitiva, e partindo desta interpretación xurisprudencial, esta parte non pode estar de acordo co interesado de contrario en relación á estimación da solicitude de clasificación por silencio administrativo, máxime cando non se cumpren os requisitos fixados pola normativa vixente nesta materia á hora de considerar as parcelas como monte veciñal, e isto, pola falta total e absoluta de proba do uso consuetudinario.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón e o xurado acorda por unanimidade dos seus membros:

Non clasificar o monte Outeiro solicitado pola CMVMC de Guillán, concello de Vilagarcía de Arousa, ao non reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 25 de febreiro de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra