Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2016 Páx. 9837

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 22 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha explotación avícola destinada á produción de carne de pavo no concello de Xunqueira de Espadanedo (expediente 2015-IPPC-I-43).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo) e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico de solicitude de autorización ambiental integrada e estudo de impacto ambiental de explotación avícola destinada á produción de carne.

Promotora: Avícola de Xunqueira, S.L.

Situación: Porto das Bestas. Xunqueira de Espadanedo. Ourense».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide convenientes. A citada documentación estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental - Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultala na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no seguinte enlace: (http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Prevencion_e_control_de_actividades?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/seccion.html&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/dinamico/listado_ippc_central.html).

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2016

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2015-IPPC-I-43.

Peticionario: Avícola de Xunqueira, S.L.

Domicilio social: travesía da Gaiteira, nº 9, baixo esquerda, 15009 A Coruña.

Localización da instalación: Porto das Bestas, s/n, 32730 Xunqueira de Espadanedo (Ourense). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM (ETRS89): X: 611.133, Y: 4.687.284.

Actividade: explotación avícola de produción de carne.

Descrición do proceso: construirase unha explotación avícola de produción de carne, a cal estará formada por cinco naves con capacidade para albergar a 14.920 pavos en cada nave, é dicir, 74.600 prazas en total. Ademais, disporase de edificio de oficinas e vestiarios, centro de transformación, local para grupo electróxeno, báscula de pesaxe e instalación de depósitos de almacenamento de auga e propano. A execución das naves non se realizará simultaneamente, senón que se irán secuenciando en tres fases:

– Fase 1ª: execución de 2 naves (nave 1 e nave 2), que permitirá dispoñer de 29.840 prazas para pavos.

– Fase 2ª: execución de 2 novas naves adicionais (nave 3 e nave 4), que permitirá dispoñer dun total de 59.680 prazas para pavos.

– Fase 3ª: instalación da última nave, que permitirá acadar a capacidade total da instalación de 74.600 prazas para pavos.

O ciclo de produción durará 145 días, e haberá 2,5 ciclos al año. Os ciclos comezarán coa entrada nas naves dos animais cun día de vida, e pasarán a fase de ceba ata alcanzar un peso obxectivo, momento en que as aves serán enviadas ao matadoiro para o seu sacrifico.

Ao final de cada ciclo, retirarase o esterco xerado, que será entregado a un xestor autorizado. A continuación, procederase á limpeza e desinfección das instalacións e manterase un tempo de espera, de polo menos doce días, antes de introducir o seguinte lote de animais.

Verteduras: as augas residuais sanitarias procedentes dos aseos e das augas de limpeza das naves serán conducidas a través de canalizacións enterradas ata uns depósitos estancos prefabricados de 50.000 litros de capacidade unitaria, situados en cada edificación. Estes depósitos serán baleirados por xestores autorizados despois de cada ciclo. As augas residuais do edificio de oficinas serán dirixidas a un depósito estanco de 12.000 litros de capacidade, o cal será baleirado por xestor autorizado. As augas pluviais non serán recollidas e verteranse directamente ao terreo.