Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2016 Páx. 9662

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dá publicidade á relación de másteres universitarios que non poderán formar parte da oferta de titulacións oficiais universitarias do Sistema universitario de Galicia para o curso 2016/17.

A Secretaría Xeral de Universidades é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería.

Desde a publicación do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e modificado polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, un dos criterios establecidos pola Secretaría Xeral de Universidades é a racionalización da oferta do mapa de titulacións do Sistema universitario de Galicia (SUG), xa que a experiencia dos últimos anos demostrou unha clara deficiencia relacionada coa aplicación do requisito mínimo de demanda nas titulacións oficiais para ser impartidas polas universidades.

Neste proceso de racionalización, os/as vicerreitores/as responsables de titulacións das tres universidades integrantes do Sistema universitario galego e persoal da Secretaría Xeral de Universidades reuníronse inicialmente o 15 de decembro de 2015 para a análise da situación actual da oferta de titulacións de másteres universitarios existentes no Sistema universitario de Galicia, e procederon con posterioridade, a unha análise pormenorizada das titulacións afectadas con cada unha das universidades.

É competencia da Secretaría Xeral de Universidades, recoñecida no Decreto 222/2011, a facultade de permitir as universidades do SUG a non impartición dunha titulación durante un curso académico, autorización que se poderá facer extensible un ano máis cando razóns excepcionais debidamente xustificadas polas universidades así o consideran.

En consecuencia, o secretario xeral de Universidades, en virtude das competencias e atribucións establecidas no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación de másteres universitarios que non poderán formar parte da oferta de titulacións oficiais nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso 2016/17:

– Universidade da Coruña (UDC):

Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxía do Láser; conxunto das tres universidades do SUG e coordinado pola Universidade de Vigo.

Máster universitario en Computación de Altas Prestacións; conxunto entre a UDC e a USC e coordinado pola USC.

Máster universitario en Dereito. Estudos da Unión Europea.

Máster universitario en Tecnoloxía da Edificación Sustentable.

– Universidade de Santiago de Compostela (USC):

Máster universitario en Computación de Altas Prestacións; conxunto entre a UDC e a USC e coordinado pola USC.

Máster universitario en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética.

Máster universitario en Fiscalidade Internacional e Comunitaria.

Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxía do Láser; conxunto das tres universidades do SUG e coordinado pola Universidade de Vigo.

Máster universitario en Lóxica e Filosofía da Ciencia; conxunto con cinco universidades de fóra do SUG.

Máster universitario en Psicoxerontoloxía; conxunto con tres universidades de fóra do SUG. (Acordo de alternancia).

– Universidade de Vigo (UVIGO):

Máster universitario en Ciencias Biolóxicas: Bioloxía Molecular, Computacional e Ambiental e Bio-Industrias.

Máster universitario en Contaminación Industrial: Avaliación, Prevención e Control.

Máster universitario en Enxeñaría de Organización.

Máster universitario en Enxeñaría Química.

Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxía do Láser; conxunto das tres universidades do SUG e coordinado pola Universidade de Vigo.

Máster universitario en Xestión do Desenvolvemento Sustentable.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, de acordo co establecido nos artigos 107.1 e 114 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2016

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades