Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 15 de marzo de 2016 Páx. 9510

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de marzo de 2016 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións oficiais de máster universitario nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de seren autorizadas para implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición.

O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación; a non impartición da titulación oficial autorizada; a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza son causas suficientes para proceder á revogación da autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades do 26 de febreiro de 2016, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.l) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable a revogación da autorización ás universidades do Sistema Universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a seguir.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Revogar a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balneoterapia, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro, inscrito no RUCT co código 4312895. É un máster conxunto das universidades da Coruña e Vigo, coordinado pola Universidade da Coruña.

Artigo 2

Revogar a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Biotecnoloxía, autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014; inscrito no RUCT co código 4315055.

2. Máster universitario en Ciencias Odontolóxicas, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro; inscrito no RUCT co código 4312584.

3. Máster universitario en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro; inscrito no RUCT co código 4311751.

4. Máster universitario en Filosofía: Cuestións Actuais, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro; inscrito no RUCT co código 4311762.

5. Máster universitario en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro; inscrito no RUCT co código 4311774.

Artigo 3

Revogar a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balneoterapia, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro; inscrito no RUCT co código 4312895. Máster conxunto das universidades da Coruña e Vigo, coordinado pola Universidade da Coruña.

2. Máster universitario en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro; inscrito no RUCT co código 4311041.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria