Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2016 Páx. 9439

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2016, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Palas de Rei (expediente 002/2014 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle (Ourense) aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 4 de abril de 2014, a citada empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica denominada liña de media tensión derivada Marzá I, no concello de Palas de Rei, para o cal presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE do 27 de decembro, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE do 27 de decembro, núm. 310), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 9 de novembro de 2015. Esta resolución foi publicada no xornal El Progreso do 20 de xaneiro de 2016, no BOP de Lugo do 12 de decembro de 2015 e no DOG do 30 de novembro de 2015, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Palas de Rei. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos emiten informe en relación con que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás cales se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro) e 175/2015, do 3 de decembro (DOG núm. 232, do 4 de decembro), polos que se crea e establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tendo en conta o Decreto 36/2001, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, correspóndelle resolver sobre a presente solicitude.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial resolve:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada liña de media tensión derivada Marzá I, no concello de Palas de Rei, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV con orixe no apoio existente P-2 da LMT PAL803 Guntín e final no CT proxectado Marzá I, cunha lonxitude de 562 metros en condutor tipo LA-56.

2. Centro de transformación intemperie Marzá I, cunha potencia proxectada de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada liña de media tensión derivada Marzá I, visado o día 24 de marzo de 2014 co número 20140695, polo ICOIIG e asinado polo enxeñeiro industrial Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no xornal El Progreso de Lugo do 20 de xaneiro de 2016, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 12 de decembro de 2015 e no Diario Oficial de Galicia do 30 de novembro de 2015, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Palas de Rei. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante a Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto denominado liña de media tensión derivada Marzá I presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución se realiza tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 23 de febreiro de 2016

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo