Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 14 de marzo de 2016 Páx. 9431

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche e desmantelamento da planta de coxeración que Aluminios Cortizo, S.A. posúe no concello de Padrón e se cancela a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 13 de xullo de 1994, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio autorizou a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica (en diante a instalación) á empresa Aluminios Cortizo, S.A., no concello de Padrón (A Coruña), e concedeulle á dita empresa a condición de autoxerador eléctrico.

Segundo. O 29 de setembro de 1995, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da instalación.

Terceiro. O 10 de novembro de 1995, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha parcial da instalación, para unha potencia de 5.350 kVA.

Cuarto. O 31 de xaneiro de 1996, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da totalidade da instalación, coas seguintes características básicas:

– Dous motores de combustión interna, de fuel óleo, de 4.800 kW de potencia cada un.

– Dous xeradores eléctricos de 5.350 kVA c/u, e tensión de xeración 6 kV.

– Dous transformadores 6/20 kV de 6.000 kVA c/u, e un centro de transformación de 800 kVA 20/0,4 kV para servizos auxiliares da central.

– Equipamentos auxiliares de protección, control e medida.

Quinto. O 6 de febreiro de 1996, a Dirección Xeral de Industria inscribiu definitivamente a instalación no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, con número RE-96-05, cunha potencia de 5.350 kVA, correspondente á autorización de posta en marcha parcial mencionada no antecedente terceiro.

Sexto. O 3 de abril de 1996, a Dirección Xeral de Industria modificou a inscrición definitiva da instalación no mencionado rexistro, incorporando a potencia total da instalación recollida na autorización de posta en marcha mencionada no antecedente cuarto.

Sétimo. O 26 de novembro de 1999, a Dirección Xeral de Industria modificou a inscrición definitiva da instalación no mencionado rexistro e quedou inscrita cun novo número, RE-99-50.

Oitavo. O 9 de xuño de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou e incluíu no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha modificación substancial da instalación. Finalmente estas modificacións non se executaron.

Noveno. O 3 de maio de 2013, Aluminios Cortizo, S.A. presentou unha solicitude de baixa da instalación no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Industrial, e achegou o correspondente proxecto de peche e desmantelamento. Posteriormente, o 29 de outubro de 2014, Aluminios Cortizo, S.A., en resposta ao requirimento do 6.6.2013 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, achega nova documentación. Finalmente, o 27 de novembro de 2014, a devandita sociedade solicita a autorización administrativa de peche da instalación.

Décimo. O 12 de decembro de 2014, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da instalación, facendo constar que non incidiría na seguridade do sistema nin na garantía de subministración eléctrica.

Décimo primeiro. O 27 de novembro de 2015, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a solicitude presentada.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción, requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Aluminios Cortizo, S.A. o peche definitivo e o desmantelamento da planta de coxeración de 10.700 kVA que posúe no concello de Padrón (A Coruña) segundo o proxecto de peche e desmantelamento da planta de coxeración de Aluminios Cortizo, S.A. en Extramundi e o seu anexo de outubro de 2014, redactados polos enxeñeiros técnicos industriais Fidel Gude Sampedro e Javier González Casanova, colexiados nº 1.438 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña e nº 402 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, respectivamente.

Segundo. Cancelar a inscrición definitiva no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia da instalación citada, con número de rexistro autonómico RE-99-50.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que pecharse e desmantelarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e no seu anexo, referidos no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para o peche e o desmantelamento da instalación será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións impostas, polo facilitamento de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas