Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 8 de marzo de 2016 Páx. 8854

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de marzo de 2016 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 301811.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previamente a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, a proxectos audiovisuais das seguintes modalidades:

1.a. Modalidade A: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de ficción, segundo as seguintes submodalidades:

– Modalidade A.1: longametraxes de ficción de autoría galega que poñan en valor a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego, posúan unha alta capacidade de internacionalización e o seu orzamento total non supere o importe de 1.200.000 euros.

– Modalidade A.2: longametraxes que posúan un especial valor cinematográfico, cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego, teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional e conten cun orzamento total de produción superior a 1.200.000 euros.

1.b. Modalidade B: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de animación que posúan un especial valor cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego e teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional.

1.c. Modalidade C: produción e coprodución de longametraxes documentais con especial valor cinematográfico que non empreguen como especial instrumento a recreación de ficción.

1.d. Modalidade D: produción de curtametraxes de ficción, animación e documental de autoría galega e en versión orixinal galega, cunha duración máxima de 30 minutos.

1.e. Modalidade E: producións ou coproducións de autoría galega destinadas a seren emitidas por televisión de acordo coas seguintes submodalidades:

– Modalidade E.1: longametraxes e miniseries televisivas de ficción, de autoría galega, que promovan a cultura galega, empreguen e salienten os valores creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego e teñan un decidido propósito de difusión. Consideraranse longametraxes de ficción para televisión aquelas producións que teñan unha duración mínima de 60 minutos. Consideraranse miniseries de ficción aquelas producións de dous capítulos que teñan unha duración mínima de 52 minutos cada un.

– Modalidade E.2: longametraxes documentais para televisión, de autoría galega, que contribúan a difundir a cultura galega, a poñer en valor as manifestacións creativas e artísticas galegas ou aborden calquera aspecto da realidade social galega, pero sen empregar como principal instrumento a recreación de ficción. As longametraxes documentais para TV deberán ter un mínimo de 52 minutos de duración.

– Modalidade E.3: series de animación infantil e xuvenil destinadas a seren emitidas por televisión que destaquen polo seu carácter innovador, fomenten a aplicación das novas tecnoloxías da produción e teñan unha clara vocación de comercialización a nivel nacional e internacional. As series de animación deberán ter unha duración mínima global de 80 minutos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de marzo de 2016 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de total 2.000.000 euros, coa seguinte distribución por anualidades, na aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0:

2016: 214.000 euros.

2017: 1.204.000 euros.

2018: 582.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais