Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 8 de marzo de 2016 Páx. 8936

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Garabulla e outros, da parroquia de Guillán, no concello de Vilagarcía de Arousa, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Miguel Ángel Pérez Dubois (xefe territorial).

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos (xefa do Servizo de Montes).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes da CMVMC de Guillán:

Ramiro Padín García.

Manuel Abuín Barcala.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 8 de febreiro de 2016 coa asistencia das persoas na marxe citadas, reúnese na 2ª planta do Edificio Administrativo sito no número 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Garabulla e outros na parroquia de Guillán, solicitada a favor dos veciños da CMVMC de Guillán (Vilagarcía de Arousa).

Antecedentes de feito:

Primero. Con data de entrada 21 de maio de 2008, Belén Raposo Pérez, actuando en calidade de representante da CMVMC de Guillán (Vilagarcía de Arousa) presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación dos montes denominados:

a) Parcela 1, monte Garabulla.

b) Parcela 2, monte Raposeira.

c) Parcela 3, Raposeira.

d) Parcela 4, monte Brasal.

Coa solicitude de clasificación xúntase informe de planimetría, a cal se viu complementada mediante informe achegado a este organismo mediante escrito con rexistro de entrada 12 de decembro de 2008. A dita planimetría considerouse como suficiente para a correcta identificación das parcelas.

En relación con este aspecto debe sinalarse, así mesmo, que consta no expediente de referencia (folio 40 e seguintes) informe emitido pola Sección de Topografía do Servizo de Montes, con data 11 de setembro de 2009, onde se fan constar unha serie de aspectos e circunstancias para ter en conta en relación coas diferentes parcelas cuxa clasificación se insta, e deben destacar as seguintes:

1. Parcela 1: na parcela nº 1 denominada Garabulla solicítase a clasificación de dúas parcelas catastrais que teñen como titular catastral a propia CMVMC de Guillán, pero inclúe unha estrada con referencia catastral 36060A01909022 que consta a nome do Concello de Vilgarcía e que forma parte da rede de comunicacións do lugar de Garabulla. (…) Esta parcela localízase na parroquia veciña de Arealonga.

2. Na parcela 3, denominada Raposeira, solicítase a totalidade da parcela e o concello de Vilagarcía é o titular catastral e con cualificación de urbana. (…) Un anaco da parcela consta a nome de María Teresa Porto Díaz e outro anaco a titular catastral en identificación.

3. Na parcela 4, denominada Brasal, solicítase a totalidade da parcela con titular catastral o Concello de Vilagarcía (…).

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 26 de novembro de 2009, incoar o corresponde expediente de clasificación do dito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992 solícitase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais, que consta no expediente administrativo de clasificación nos folios 60 e seguintes e emitido con data 27 de xaneiro de 2010, no cal se fan constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

«En contestación á pregunta primeira, se se pode considerar como monte –tal como o define a Lei 43/2003, de montes– todas e cada unha das catro parcelas solicitadas para clasificación, tan só a parcela 1 (Garabulla) é monte.

En contestación á pregunta segunda, se os aproveitamentos observados son de carácter comunal, a resposta para as catro parcelas é negativa, pois non se observan na actualidade aproveitamentos agroforestais de ningún tipo nin de natureza xurídica de índole colectiva (comunal).

En contestación á pregunta terceira, si se observan instalacións e si estas teñen carácter comunal e quen as promoveu; cómpre informar que a parcela 4 (Brasal) alberga dúas construcións para uso común (polideportivo e casa de cultura) sen que polos datos de que se dispón se poida atribuír a súa promoción e xestión á CMVMC de Guillán. Tamén existe unha pequena superficie destinada a uso de descanso (mesas e asentos) na dita parcela, sen dispor de información da entidade que os situou alí (…)».

Cuarto. Con data 26 de marzo de 2010 remítese por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa certificado expedido pola Secretaría do Concello onde se fai constar que a Xunta de Goberno local, en sesión de data 16 de marzo de 2010, acordou manifestar a súa desconformidade coa solicitude de clasificación presentada pola CMVMC de Guillán, facendo constar, entre outros datos relevantes, os seguintes:

«(…) As parcelas 3 e 4 hai moitos anos que non tiveron aproveitamento forestal, xa que serven como equipamentos públicos do Concello de Vilagarcía, un deles en estado ruinoso e outro en pleno uso.

Na parcela número 3 existe unha edificación que no seu día foi a escola de nenas de Guillán, e tras ser ocupada como vivenda en condicións precarias hoxe está en total abandono.

Na parcela 4 levántase o centro cultural de Guillán, o polideportivo e unha zona de lecer, composta por parque infantil e área de descanso. Todos estes equipamentos de uso e titularidade pública foron executados polo Concello de Vilagarcía de Arousa.

Quinto. O Rexistro da Propiedade de Vilagarcía certifica con data 17 de febreiro de 2010 que os predios dos cales se solicita certificación non constan inscritos a nome de ningunha persoa.

Sexto. Con data do 8 de abril de 2010, presenta a CMVMC de Guillán escrito de alegacións en resposta ao sinalado no informe de Montes e xunta sentenza ditada no procedemento ordinario número 458/2007, xunto co informe emitido polo enxeñeiro de montes Alejandro Arias Otero, datado o 8 de abril de 2010.

Sétimo. Con data do 14 de xaneiro de 2013, presenta novo escrito Belén Raposo, en representación da CMVMC de Guillán, en que solicita a clasificación dos montes obxecto do presente expediente por silencio administrativo positivo ao abeiro do artigo 25 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e do disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño.

Oitavo. Á vista da documentación achegada polo solicitante, o informe do Servizo de Montes; os montes obxecto do presente expediente abranguen unha superficie de:

Parcela 1, Garabulla: 6.324,8 metros cadrados.

Parcela 2, Raposeira: 985,5 metros cadrados.

Parcela 3, Raposeira: 0,26 hectáreas.

Parcela 4, Brasal: 13.219,93 metros cadrados.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia, 7/2012, do 28 de xuño, cómpre entender por monte veciñal en man común:

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual dos montes, pódese colixir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

É certo que a parte solicitante fai un esforzo loable á hora de presentar documentación técnica para os efectos de identificar de forma nítida as parcelas obxecto de clasificación, pero bótase en falta a existencia dunha mínima documentación histórica tendente a acreditar de xeito claro o aproveitamento consuetudinario dos montes. De feito, non se atopa nin un só documento que referende tal aspecto máis alá que as propias reivindicacións subxectivas feitas pola interesada.

Pola contra, si consta no expediente administrativo, como se sinalou nos antecedentes de feito, o informe do Servizo de Montes, contundente á hora de sinalar que non se observan na actualidade aproveitamentos agroforestais de ningún tipo nin de natureza xurídica de índole colectiva (comunal).

Ao anterior debe engadirse a postura e alegacións presentadas polo Concello de Vilagarcía de Arousa, na mesma liña que o Servizo de Montes, á hora de sinalar que non lle consta ningún aproveitamento veciñal desde tempos inmemoriais pola CMVMC de Guillán e que as instalacións de uso público existentes na parcela (polideportivo e área de recreo) foron promovidas polo propio concello.

Deste xeito e unha vez analizado con detalle o expediente de referencia, bótanse en falta, por exemplo, a título meramente exemplificativo, documentos que acrediten o acondicionamento realizado sobre o monte, ou se presenten facturas relativas a unha posible corta de madeira, documentación referente a traballos de rozas e limpeza das parcelas.

Entendemos, en definitiva, que tan importante como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos que se van clasificar é a achega dunha mínima proba documental que sustente de xeito fidedigno a clasificación do monte como veciñal en man común.

De feito, a pretensión de clasificación que se articula pola CMVMC de Guillán susténtase unicamente no informe de delimitación, que se xuntou coa solicitude inicial de clasificación en que, ben que se fai referencia a unha serie de supostos usos e aproveitamentos tradicionais, non se achega nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento a tales afirmacións, e as declaracións xuradas dos veciños ao respecto son moi escasas.

Cuarto. Finalmente, e respecto das alegacións realizadas pola interesadas en que solicitan a clasificación por silencio administrativo positivo, debe sinalarse, seguindo o criterio mantido por este xurado noutros supostos análogos, que non cabe tal clasificación por silencio ao abeiro do artigo 43 da Lei 30/1992, e isto con base nunha serie de argumentos que de xeito claro e evidente se recollen na Sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia con data do 31 de maio de 2012 e, entre outras, Sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo de Vigo 171/2014, do 17 de setembro, da cal podemos extraer o seguinte:

«(…) Con todo, non calquera petición que os interesados dirixan á Administración é suceptible de producir o silencio positivo ao abeiro do artigo 43, senón exclusivamente aquelas peticións que teñan entidade suficiente para determinar un procedemento administrativo expresamente formalizado e regulado, como tal procedemento, na norma.

Non pode pretenderse que calquera petición do administrado dá lugar e debe dar lugar a «un procedemento iniciado por solicitude do interesado», de modo que se non a contesta a Administración no prazo máximo establecido por resolver, debe considerarse estimada por silencio, en aplicación do artigo 43.2.

Ese artigo 43 non se refire a solcitudes, senón a procedementos. É verdade que o seu parágrafo 2 di que os interesados poderán entender estimadas as súas solicitudes, pero trátase de solicitudes inseridas en determinados procedementos; procedementos que resultan da aplicación das correspondentes normas legais ás solicitudes presentadas polos interesados.

(…)

Chegados a este punto, non pode considerarse que a pretensión dirixida polo presidente da Comunidade de Montes, tendente á clasificación como veciñal dun monte, dese lugar a un procedemento dos que se inician por instancia de parte.

(…) É certo que o artigo 11.3 da Lei 3/1989 prevé que a resolución do expediente teña que ser ditada no prazo dun ano e, que no noso caso se superou ese lapso temporal; (…) pero tamén o é que no anexo II da Lei 6/2001 de adecuación normativa á Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 4/1999 se estableceu expresamente como negativo o sentido do silencio ante a falta de resolución expresa dos procedementos ditados en aplicación da Lei 13/1989.(…)».

En definitiva, e partindo desta interpretación xurisprudencial, esta parte non pode estar de acordo co interesado de contrario en relación coa estimación da solicitude de clasificación por silencio administrativo, máxime cando non se cumpren os requisitos fixados na normativa vixente nesta materia á hora de considerar as parcelas como monte veciñal, e isto pola orfandade total e absoluta de proba do uso consuetudinario.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón e o xurado acorda por unanimidade dos seus membros:

A non clasificación do monte Garabulla e outros solicitado pola CMVMC de Guillán, concello de Vilagarcía de Arousa, ao non reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor con carácter potestativo recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 25 de febreiro de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra