Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2016 Páx. 8594

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2016 pola que se convoca un curso de xestión de proxectos con PMBOK para persoal TIC, para persoal informático funcionario ou laboral con destino actual na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 4 de xaneiro de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de xestión de proxectos con PMBOK para persoal TIC (CV16003).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de xestión de proxectos con PMBOK para persoal TIC (CV16003), que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

O obxectivo do curso céntrase en que o alumnado coñeza os principais procesos e ferramentas aplicables á xestión de proxectos de desenvolvemento informático, así como o vocabulario estándar máis empregado no mercado, e como os procesos e habilidades de xestión poden axudar a xestionar proxectos complexos nun contorno de desenvolvemento de aplicacións informáticas.

Os aspectos xerais que cubrirá polo curso son:

Coñecer os procesos principais da xestión de proxectos de desenvolvemento informático con PMBOK.

Entender como tales procesos contribúen á mellora na xestión de proxectos.

Coñecer as principais ferramentas e habilidades que soporta a xestión dun proxecto.

Familiarizarse coas actividades clave que debe realizar un xefe de proxecto.

Proporcionar unha linguaxe común para falar de dirección de proxectos de desenvolvemento informático.

Facer énfase nas habilidades máis relevantes asociadas ás actividades de xestión de proxectos.

Segunda. Contido

Módulo 1. Marco conceptual da dirección de proxectos (5 horas).

O obxectivo deste módulo é fixar os conceptos base do que é un proxecto, como encaixan no ámbito de xestión das organizacións e, sobre todo, establecer unha linguaxe común. Os puntos que se tratarán son:

– Introdución á xestión de proxectos. Neste punto presentaranse os distintos modelos de xestión, que entendemos por proxecto e as principais habilidades que debe adquirir un xefe de proxecto, e farase mención ás metodoloxías e estándares máis utilizados.

– Que e un proxecto e a diferenza con outros modelos de xestión.

– Proxecto na organización: proxecto, programa e portfolio.

– As responsabilidades dun director de proxecto.

– Ciclo de vida dun proxecto: áxiles vs preditivos.

– Diferenzas entre ciclo de vida de proxecto, produto, operación e como se poden integrar.

– A tripla restrición de todo proxecto.

Módulo 2. Procesos clave na dirección de proxectos (20 horas).

Neste módulo o alumnado coñecerá os procesos clave identificados por PMBOK 5ª edición para así poder realizar de forma efectiva a xestión de todo proxecto informático de desenvolvemento:

– O inicio do proxecto. O alumnado entenderá cando se inicia un proxecto e cales son os elementos e entregables clave durante esta fase. A formalización do proxecto é un punto clave xa que determinará en gran medida a súa evolución.

– A planificación do proxecto. Xestionar un proxecto é algo máis que elaborar un cronograma. Gran parte do peso do director do proxecto céntrase en determinar como deberá compararse o proxecto desde distintos puntos de vista. Que temos que facer? (alcance), cando o temos que facer? (tempo), canto nos vai custar? (custo), que recursos necesitamos? (recursos) e cales son os retos que nos podemos atopar? (riscos).

– A execución do proxecto. Unha vez fixado o obxectivo en detalle, o labor dun director de proxecto é asegurar que o plan se executa e coordinar e dirixir o equipo asignado ata obter os entregables previstos. Neste punto, a comunicación cobra especial relevancia para asegurar a correcta compresión da situación do proxecto en cada momento.

– Seguimento e control. Xa temos claro o que imos facer; agora, como directores de proxecto, temos que asegurarnos de que todo se está levando a cabo conforme o planificado e, en caso contrario, do control do proxecto a traves do proceso de control de cambios e control dos riscos identificados. A verificación e o control do alcance é un dos elementos máis relevantes, xa que un dos factores que máis impacta nun proxecto é a variación do alcance inicial.

– Peche do proxecto. O proxecto non remata cando se entrega o produto. Hai unha serie de actividades relevantes que nos axudarán a entender que pasou no proxecto e identificar as boas prácticas que debemos aplicar nos seguintes, así como identificar as malas prácticas para tentar evitalas.

Terceira. Destinatarios

Terá preferencia o persoal informático funcionario ou laboral con destino actual na Amtega e que estea a realizar tarefas de dirección ou xestión de proxectos de desenvolvemento de aplicacións informáticas. De non cubrir as prazas con este colectivo, poderá optar ao curso o resto de empregados públicos da Administración autonómica galega que no desenvolvemento das súas funcións empreguen sistemas TIC.

Cuarta. Desenvolvemento

Nº de edicións: dúas.

Duración: 25 horas por edición.

Prazas: 20 por edición.

Lugar: salón 2 pequeno do Centro de Innovación Cultural de Galicia (Cinc). Cidade da Cultura-Monte Gaiás-Santiago de Compostela.

Datas: 1ª edición: 4 de abril ao 2 de maio de 2016.

2ª edición: 23 de maio ao 20 de xuño de 2016.

Horario e datas: luns das 9.00 ás 14.00 horas.

Realizarase unha proba final presencial de avaliación do aproveitamento do curso: primeira edición, o día 2 de maio e segunda edición, o día 20 de xuño de 2016.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo: http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 987 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Amtega poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Amtega reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Amtega garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Oitava. Certificados

Ao remate do curso terán dereito á expedición dun certificado de aproveitamento aqueles alumnos inscritos que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.