Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2016 Páx. 8565

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de febreiro de 2016 pola que se autoriza a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña.

O representante da entidade O Castro British School A Coruña, S.L. solicita autorización de apertura e o funcionamento do centro privado estranxeiro Coruña British School situado na r/ Roma, nº 1 da Coruña, para impartir as ensinanzas do sistema educativo británico a alumnado español e estranxeiro.

No certificado de inspección, o British Council sinala que se pode conceder unha autorización temporal para un máximo de 100 alumnos/as desde o curso de Nursery (3 anos de idade) ata o curso Year 1 (5 a 6 anos de idade) do Currículo Nacional de Inglaterra e País de Gales; ensinanzas que se corresponden co segundo ciclo da educación infantil do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro

1. Autorizar a apertura e funcionamento, con carácter temporal, do centro privado estranxeiro Coruña British School, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 anos de idade) ata o curso de Year 1 (5 a 6 anos de idade) do Currículo Nacional de Inglaterra e País de Gales.

2. Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro.

Denominación específica: Coruña British School.

Código do centro: 15032984.

Titular: O Castro British School A Coruña, S.L.

Enderezo: r/ Roma nº 1.

Localidade: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Código postal: 15008.

Provincia: A Coruña.

Ensinanzas que se autorizan con carácter temporal:

Desde o curso de Nursery (3 anos de idade) ata o curso Year 1 (5 a 6 anos de idade) do Currículo Nacional de Inglaterra e País de Gales.

Alumnado: español e estranxeiro.

Número de postos escolares: 100.

Segundo. O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Terceiro. O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no punto anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Cuarto. A autorización temporal a que fai referencia o punto primeiro desta orde terá validez ata o 31 de agosto de 2016, conforme o certificado emitido polo British Council. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada Británica.

Quinto. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria