Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 2 de marzo de 2016 Páx. 7937

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo de encomenda de xestión coa Xerencia de Xestión Integrada da Coruña para a xestión material do expediente de contratación do servizo de fretaxe total de aeronaves para o transporte aéreo de órganos humanos para transplantes e do persoal sanitario encargado da súa extracción con destino ás estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela.

A Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada da Coruña subscribiron, con data do 27 de xaneiro de 2016, un acordo polo que se encomenda á dita xerencia a xestión material do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de fretaxe total de aeronaves para o transporte aéreo de órganos humanos para transplantes e do persoal sanitario encargado da súa extracción con destino ás estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela.

Para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no punto 4 do artigo 8 da Lei 16/2000, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, disponse a súa publicación como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2016

Lourdes Vilachán Angueira
Directora xeral de Recursos Económicos

ANEXO

Acordo entre a Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada da Coruña para a encomenda a esta última da xestión material do expediente de contratación do servizo de fretaxe total de aeronaves para o transporte aéreo de órganos humanos para transplantes e do persoal sanitario encargado da súa extracción con destino ás estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela.

Dunha parte, Lourdes Vilachán Angueira, directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Doutra parte, Francisco José Vilanova Fraga, xerente da Xestión Integrada da Coruña,

EXPOÑEN:

O artigo 3 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, nos seus puntos 1.b) e 2.b) establece as competencias da Dirección Xeral de Recursos Económicos para actuar como órgano de contratación e de xestión do gasto nas contratacións centralizadas ou que afecten unha pluralidade de centros do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, establece a posibilidade de realizar encomendas de xestión intrasubxectivas, entre órganos integrados na mesma persoa xurídica, e intersubxectivas, realizadas entre persoas xurídicas distintas, para a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos dentro do sector público autonómico. Esas encomendas rexeranse polo disposto nos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No Servizo Galego de Saúde é habitual que determinadas actividades técnicas e administrativas de centralización de compras sexan realizadas desde as súas estruturas organizativas periféricas, del tal xeito que todos os recursos humanos e técnicos destinados á contratación administrativa participen e colaboren nestas actividades corporativas do organismo autónomo. A finalidade é non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Polo exposto, encoméndase á Xerencia de Xestión Integrada da Coruña a tramitación do expediente de contratación do servizo de fretaxe total de aeronaves para o transporte aéreo de órganos humanos para transplantes e do persoal sanitario encargado da súa extracción con destino ás estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela. Ambas as dúas partes subscriben o presente instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto da encomenda de xestión

A Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia de Xestión Integrada da Coruña acordan, no marco do disposto na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que a citada xerencia leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación por parte do Servizo Galego de Saúde do servizo de fretaxe total de aeronaves para o transporte aéreo de órganos humanos para transplantes e do persoal sanitario encargado da súa extracción con destino ás estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela, mediante procedemento aberto.

Segunda. Natureza e alcance da encomenda

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) O inicio, impulso e tramitación do expediente de contratación en todas as súas fases, así como dos contratos que deriven del desde a súa formalización ata a súa finalización.

b) A solicitude das autorizacións e dos informes que estableza a normativa de contratos do sector público ou a normativa orzamentaria e administrativa.

c) A recepción das ofertas dos licitadores e de calquera outro documento que durante a tramitación se reciba, destinado ao órgano de contratación.

d) A convocatoria, preparación e realización das mesas de contratación.

e) A proposta e preparación material de todos aqueles actos e resolucións que deba ditar a Dirección Xeral de Recursos Económicos.

Terceira. Financiamento

A presente encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actuacións que deben realizar.

Cuarta. Prazo de vixencia

O prazo de vixencia do presente acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente de contratación.

Quinta. Titularidade da competencia

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias en materia de contratación e orzamentaria, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta. Actos e disposicións

É responsabilidade da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto da presente encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016

Lourdes Vilachán Angueira, directora xeral de Recursos Económicos; Francisco José Vilanova Fraga, xerente de Xestión Integrada da Coruña