Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2016 Páx. 7238

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 5 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 300999

Obxecto: axudas á produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Contía: a contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 euros). Ano 2016: 90.000,00 euros. Ano 2017: 110.000,00 euros do seguinte modo:

A. Para a tradución desde outras linguas ao galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000 euros.

B. Para a tradución desde o galego a outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000 euros.

C. Quedarán excluídos destas axudas aqueles proxectos que, despois de aplicado o baremo previsto nesta orde, alcancen unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

D. A contía fíxase en 20 euros por páxina, como máximo.

E. O cómputo e a determinación da contía realizarase sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres.

F. A axuda non pode superar, en ningún caso, os 6.000 euros.

Solicitantes: poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, de acordo co establecido no artigo 4.b) das bases.

Xustificación: a contía correspondente á primeira anualidade (45 % do orzamento total) librarase antes do 1 de novembro de 2016, tras a aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor, que terá data posterior á publicación desta orde no DOG. Para o pagamento da segunda anualidade (55 % do orzamento total) débese presentar, antes do 1 de novembro de 2017, a factura xunto co xustificante do pagamento realizado ao tradutor, así como cinco exemplares da tradución editada, a factura e o xustificante do pagamento á imprenta, onde quede acreditado que a tiraxe se corresponde co manifestado na solicitude.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria