Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2016 Páx. 7240

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de febreiro de 2016 pola que se aproban as bases e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2015/16.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ante o proceso de converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos/ás estudantes co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

En aplicación do anterior e sendo conscientes da importancia da mobilidade estudantil, no senso de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera oportuno apoiar a mobilidade dos/das estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, concedendo unha axuda complementaria á outorgada pola Unión Europea e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ao alumnado participante no programa comunitario Erasmus+ de mobilidade.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas aos/ás estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2015/16.

Artigo 2. Orzamento e dotación económica

As accións derivadas desta convocatoria ascenden a un total de 25.000 euros, sen prexuízo de poderen ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas desta consellería, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma e con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422E.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Artigo 3. Período

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2015/16.

Artigo 4. Requisitos dos/das solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de centros públicos que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán da Unión Europea ou estranxeiro non comunitario con residencia legalizada no Estado español.

b) Estar matriculado no curso 2015/16 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores nesta comunidade autónoma.

c) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2015/16.

d) Que a duración mínima da estadía, para os efectos de concesión da bolsa, sexa de tres meses e a máxima de nove meses.

e) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. As axudas establecidas na presente orde serán compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que as conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, pola persoa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED322A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes serán subscritas directamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán dirixir as súas consultas ao correo electrónico xsere@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado) presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Copia do DNI da persoa solicitante (só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade).

– Documento acreditativo de ter concedida unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2015/16.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Tramitación

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase unha listaxe das solicitudes admitidas e excluídas, e sinalaranse as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nos centros de ensinanzas artísticas superiores correspondentes. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. As persoas interesadas disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dun prazo de 10 días, e poderán presentar a documentación que corresponda ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Unha vez transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Contía e criterios de distribución das axudas

1. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Todos/as os/as solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán unha axuda económica uniforme en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+, que se distribuirá do seguinte modo:

a) 150 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) 120 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) 80 €/mes para un país de destino do grupo 3.

Grupo 1

Países do programa con custos de vida maiores

Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega, Suíza.

Grupo 2

Países do programa con custos de vida media

Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia, Turquía.

Grupo 3

Países do programa con custos de vida máis baixos

Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Antiga República Iugoslava de Macedonia.

3. Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, será adxudicado aos/ás solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico, asignándoselles unha contía uniforme de 500 euros, ata esgotar o orzamento.

En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, establecida a dous decimais, procederase ao desempate tendo en conta a nota media a catro decimais por orde de prelación de maior a menor. De persistir o empate, terase en conta o maior número de créditos cursados e aprobados.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. A selección dos/das candidatos/as será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

– Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de música e artes escénicas.

Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

– Secretario/a: un/unha asesor/a de música e artes escénicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 11. Resolución

1. Unha vez efectuada a selección pola Comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a resolución correspondente. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. As persoas solicitantes excluídas poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Pagamento

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada pola persoa interesada, unha vez presentado o anexo II (declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», regulado na Orde do 26 de marzo de 2012 (DOG do 4 de abril) desta consellería, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-Secretaría Xeral Técnica-Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.es

Disposición adicional primeira. Infraccións e sancións

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Obrigas

As persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Impugnación

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file