Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2016 Páx. 7035

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca.

Antecedentes:

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e no anexo II, parte A, sección I, da Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, declárase a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, establécense as zonas demarcadas para esta praga e adóptanse medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

En datas posteriores ás da publicación desa resolución producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio e, por tanto, deberá aplicarse o establecido no punto 4 da mencionada resolución.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Establecer como zonas demarcadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca) na Comunidade Autónoma de Galicia os concellos de Ferrol, Narón e Neda na provincia da Coruña e os concellos de Cervo, Foz, Xove, O Valadouro e Viveiro na provincia de Lugo.

2. Manter as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, se establecen as zonas demarcadas para esta praga e se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias