A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e, no artigo 3.i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.
O Consorcio ten como misión primordial a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención na xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos na forma de recursos, equipamentos, proxectos, programas e prestacións, e no ámbito territorial dos municipios que o compoñen, co obxecto de garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente, que contribúa a reforzar a igualdade de oportunidades na utilización da rede social de atención, segundo o disposto no artigo 6 dos estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Conforme o exposto,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
A presente resolución ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e integradas na Rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul para o curso 2016/17.
Artigo 2. Requisitos para ser adxudicataria/o
Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria/o de prazas nas escolas infantís 0-3 xestionadas polo Consorcio:
a) Que a/o nena/o nacese no momento da presentación da solicitude.
b) Que teña unha idade mínima de tres meses no momento do ingreso.
c) Non ter cumpridos os tres anos de idade en 31 de decembro de 2016.
Non obstante, poderán quedar exentos do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo.
Para a renovación de praza é requisito imprescindible estar ao día no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.
Para a presentación da solicitude de novo ingreso será requisito imprescindible estar ao día no pagamento dos prezos de cursos anteriores, no caso daquelas familias que xa tivesen escolarizada/o a outra/o filla/o no mesmo centro ou en calquera outro centro da rede.
Artigo 3. Orde de adxudicación das prazas
1. Procedemento ordinario.
As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:
a) Renovación de praza:
As nenas e os nenos escolarizadas/os durante o curso 2015/16 terán dereito á renovación automática da súa praza sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2, e sempre que estivesen matriculadas/os no presente curso con anterioridade ao 31 de xaneiro de 2015, tal e como se recolle no artigo 14.2.a do RRI.
As persoas usuarias de media xornada só poderán variar o horario establecido na súa solicitude, de haber prazas vacantes no horario solicitado. De haberen máis solicitudes que prazas vacantes, a adxudicación de prazas na nova franxa horaria farase en función da orde de puntuación acadada no proceso de baremación polo que se incorporou á escola segundo o recollido no artigo 15.A do RRI.
Poderá renovarse praza noutro centro xustificando o cambio de domicilio e/ou lugar de traballo cando, logo de rematado o proceso de renovación de praza do alumnado da propia escola, existan prazas suficientes.
b) Novo ingreso:
As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:
1º. As/os fillas/os do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 xestionadas polo Consorcio, cando soliciten a praza para o centro onde preste servizo a nai, o pai, a acolledora ou o acolledor e a titora ou o titor legal.
2º. As persoas solicitantes con irmán ou irmá con praza no centro para o que solicitan a praza, renovada ou de novo ingreso.
3º. Menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.
4º. Ao resto de persoas solicitantes adxudicaráselles as prazas que queden vacantes segundo a puntuación obtida pola aplicación do baremo que figura no anexo V. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas dentro dos criterios de prioridade para adxudicación de prazas previstos no artigo 14.1 do Regulamento de réxime interno das escolas infantís xestionadas polo Consorcio:
En primeiro lugar obterán praza nas escolas, os/as nenos/as empadroados no concello en que se sitúe a escola. En segundo lugar, de existiren prazas vacantes, poderán obter praza os/as fillas/os de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo no concello en que se localice a escola. En terceiro lugar, poderán acceder tamén persoas dos concellos limítrofes.
2. Procedemento extraordinario.
a) Ingresos urxentes:
Para os ingresos de máxima urxencia reservarase, polo menos, unha praza por cada grupo de idade e, como máximo, unha por unidade aberta.
Terán a consideración de ingresos urxentes os seguintes casos:
– Menores tuteladas/os pola Consellería de Política Social.
– Fillas/os de mulleres que estean en casas de acollida ou vítimas de violencia de xénero.
– Aqueloutros nos cales concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.
A adxudicación ou denegación de praza nestes supostos será resolta pola Xerencia Adxunta para Escolas Infantís no prazo de 5 días contados a partir da data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa a solicitude terase por desestimada. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no prazo dun mes que comezará a contar o día seguinte ao da notificación desta resolución.
b) Solicitudes fóra de prazo:
Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 do artigo 9 desta resolución, nos seguintes casos:
1. Nacemento, acollemento ou adopción da/o nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.
2. Cambio de concello de residencia da unidade familiar.
3. Outras circunstancias que motivadamente aprecie a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir acompañadas coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro onde se solicita a praza.
3. Traslado de centro.
Poderá concederse o traslado de centro a nenas e nenos con praza concedida nunha escola infantil da Administración autonómica, cando se xustifique un cambio de domicilio e/ou lugar de traballo, sempre que na escola infantil para a cal se solicita o traslado existan prazas vacantes.
No caso de non existiren prazas vacantes, ocupará o primeiro lugar na lista de agarda, logo de aplicar os criterios de prelación establecidos no número 1.b) do artigo 3 desta resolución.
Artigo 4. Horario e calendario das escolas
1. Horario.
A relación de escolas infantís 0-3 xestionadas polo Consorcio, xunto cos seus enderezos e o seu horario de apertura e peche para o curso 2016/17 poderá consultarse no anexo VII desta resolución e nas páxinas web https://benestar.xunta.es e http://www.igualdadebenestar.org.
As franxas horarias poderán ser reducidas no horario do peche establecido cando o número de nenas/os no centro sexa inferior ao 10 % do número de prazas da escola, excluídas aquelas xornadas por quendas.
As escolas con horario de peche establecido por riba das 18.00 horas manterán o horario de haber demanda suficiente para manter unha unidade internivelar (15 nenas/os).
En ningún caso a/o nena/o que sexa recollida/o en último lugar poderá exceder a súa permanencia na escola máis alá de 30 minutos despois da saída do resto das/dos nenas/os.
As persoas usuarias dentro do horario de apertura e peche do centro, poderán optar polas seguintes tipos de xornadas:
A) Xornada completa, coas seguintes modalidades:
a) Continua: aquela en que a/o nena/o permanece na escola ata o máximo de oito horas, sen solución de continuidade.
b) Partida: aquela na que a/o nena/o permanece na escola ata o máximo de 8 horas, con solución de continuidade. Neste caso, o tempo de permanencia da/do nena/o na escola, con carácter xeral, non poderá ser inferior a 3 horas tanto na xornada de mañá como na xornada de tarde.
c) Por quendas: aquela na que por motivos persoais ou laborais dos proxenitores ou representantes legais da/do nena/o debidamente acreditados, ésta/éste e asiste semanas alternas en horarios distintos.
B) Media xornada: as medias xornadas serán como mínimo de 3 horas e como máximo de 4 horas.
A permanencia da alumna ou do alumno no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando, por circunstancias excepcionais debidamente xustificadas e acreditadas, teña que permanecer un tempo superior ao máximo establecido. Neste suposto, o caso será estudado e, de ser o caso, autorizado pola Xerencia Adxunta para Escolas Infantís.
2. Calendario.
Nas escolas infantís 0-3 reguladas por esta resolución, o curso escolar dará comezo o día 5 de setembro.
Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral.
As escolas pecharán ás 15.00 horas os días 5 de xaneiro e martes de Entroido.
De ser o caso, os nenos e nenas deberán ser recollidos ás 15.00 horas os días en que se celebren festas na escola en horario de tarde que exixan a participación do persoal e que estean previstas na programación anual. As datas serán notificadas mediante unha circular informativa a todas as persoas usuarias.
Con carácter xeral, as escolas permanecerán pechadas no mes de agosto. Excepcionalmente a Xerencia poderá acordar a prestación do servizo nun determinado número de escolas de garda e poderá establecer un sistema rotativo entre aquelas radicadas nun mesmo concello ou atendendo a unha distribución zonal para o resto das escolas.
Os centros que eventualmente poidan permanecer abertos serán determinados pola Xerencia atendendo ao número de solicitudes debidamente xustificadas con base en motivos laborais ou enfermidades graves.
Para a apertura da escola de garda será necesaria unha demanda de prazas que permita crear, polo menos, unha unidade internivelar (15 nenos/as de entre 0-3 anos).
O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2016/17.
En casos excepcionais debidamente xustificados poderase admitir a asistencia do neno ou da nena durante os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes, agás imprevistos de carácter grave, que será estudada e, se procede, autorizada pola Xerencia Adxunta de Escolas Infantís do Consorcio.
Artigo 5. Prestacións
As persoas usuarias poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:
a) Atención educativa con comedor.
b) Atención educativa sen comedor. O horario para o alumnado que opte por esta modalidade de servizo será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.
As nenas e nenos que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos solicitándoo con antelación suficiente, sempre que xustifiquen a súa necesidade e aboen o prezo estipulado.
A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.
Artigo 6. Prezos
1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias serán os establecidos no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.
2. Todas as persoas usuarias aboarán a contía de once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e no artigo 4.2 desta resolución.
3. A inasistencia do alumno ou da alumna durante un período determinado non supón ningunha redución nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.
Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe que hai que pagar
Para a determinación do importe mensual que deberán aboar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos para as escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:
a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:
1. As fillas e os fillos menores, con excepción dos que, con consentimento das nais e/ou dos pais, vivan independentes destes.
2. As fillas e os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
3. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.
A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2014.
b) Tomarase o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro e segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas (IRPF). Para estes efectos tomarase para o cálculo da cota a declaración do IRPF correspondente ao ano 2014.
c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.
Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.
Non obstante, cando as circunstancias concorrentes na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias do momento da presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos. En todo caso, estas circunstancias deberán xustificarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.
Artigo 8. Solicitudes e documentación
O procedemento de solicitude de praza será como segue:
1. Renovación automática de praza.
1.1. Para a renovación automática da praza do alumnado escolarizado durante o curso 2015/16, presentarase o modelo oficial segundo o anexo VI desta resolución, debidamente formalizado e asinado, que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa nos enderezos electrónicos http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos e http://www.igualdadebenestar.org, así como nas propias escolas infantís 0-3.
Xunto coa solicitude, a persoa interesada achegará o anexo II debidamente cuberto e asinado polo cónxuxe ou parella, de ser o caso.
1.2. Documentación que se ten que presentar coas solicitudes:
a) Anexo II, agás no caso de familias cunha soa persoa proxenitora.
b) Copia do DNI da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
c) Copia da declaración do IRPF da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao ano 2014, só no caso de non autorizar a consulta dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Copia do título de familia numerosa, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou sendo expedido por esta, non se autorice a súa consulta.
Así mesmo, no caso de se produciren cambios que afecten a unidade familiar e que poidan incidir no cálculo da renda desta, a persoa interesada presentará, dentro do mesmo prazo, aqueles documentos que os acrediten ou xustifiquen.
2. Novo ingreso.
2.1. Para as solicitudes de novo ingreso presentarase o modelo oficial segundo o anexo I desta resolución. Neste impreso poderá solicitarse praza para máis dunha escola, indicando a orde de preferencia. Presentarase unha única solicitude na escola que se indique como primeira opción.
Os impresos están dispoñibles na guía de procedementos e servizos que se atopa nos enderezos electrónicos http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos e http://www.igualdadebenestar.org e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza.
2.2. Documentación que se ten que presentar coas solicitudes:
a) Anexo II, agás no caso de familias cunha soa persoa proxenitora.
b) Anexo III, no caso de optar á axuda do programa Bono Concilia.
c) Anexo IV, no caso de optar a unha praza concertada nunha escola infantil de titularidade privada adscrita a este programa.
d) Copia do DNI da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
e) Copia da declaración do IRPF da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso, correspondente ao ano 2014, só no caso de non autorizar a consulta dos datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Copia do libro de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
g) Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia, do neno ou da nena para o cal se solicita praza, se é o caso, só no suposto de non autorizar a súa consulta ou cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma.
h) Informe emitido polo equipo de valoración e orientación da xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social sobre a necesidade de integración do neno ou da nena na escola infantil, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.
i) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, só no caso de non prestar autorización para a súa consulta ou cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.
j) Xustificación de ocupación ou desemprego actualizada:
– No caso de persoas por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral.
– No caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta propia ou da correspondente mutualidade.
– No caso de persoas desempregadas certificación de ser demandante de emprego (con efectos do día anterior ao da publicación desta resolución) da nai, do pai, da titora ou titor legal ou do acolledor ou acolledora.
k) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:
– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da nai, do pai, do acolledor ou acolledora, do titor ou titora legal, só no caso de non autorizar a súa consulta ou cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, e/ou doutros membros da unidade familiar.
– Certificado de convivencia e sentenza de separación, divorcio ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental.
– Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou, sendo expedido por esta, non se autorice a súa consulta.
l) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:
– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
– Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
m) Certificado de empadroamento da/do nena/o e dun dos proxenitores ou representante legal que será expedido polo concello en que residan (con efectos desde o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes).
n) Nos casos de non estar censado no concello onde estea a escola, pero algún dos proxenitores ou representante legal da/do nena/o teñan os seus postos de traballo no municipio en que se localice aquela, xuntarase o certificado da empresa ou da institución correspondente.
ñ) Certificado de empadroamento da unidade familiar expedido polo concello correspondente no cal se fará constar a data de alta no padrón municipal de habitantes que, en todo caso, deberá ser anterior ao 1 de xaneiro do ano en que se solicite a praza, nos supostos de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas.
o) Cando se produzan variacións de ingresos que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 30 % no cómputo anual fronte aos que figuren na declaración do IRPF correspondente ao ano 2014, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica.
A falta de presentación dalgún destes documentos dentro do prazo de solicitude e emenda suporá a non valoración, na correspondente epígrafe do baremo que se recolle como anexo V, de calquera das circunstancias alegadas.
3. Participación no programa de concerto de prazas en escolas infantís privadas.
As persoas interesadas en optar a unha praza concertada nalgunha das escolas infantís de titularidade privada adscritas ao programa de concerto da Consellería de Política Social, que non obteñan praza en ningunha das escolas públicas solicitadas, deberán cubrir a epígrafe correspondente no modelo de solicitude do anexo I desta resolución, e ademais presentar o anexo IV debidamente cuberto, no cal se seleccionarán un máximo de tres escolas infantís privadas con prazas concertadas.
A relación de escolas adscritas a este programa poderá consultarse no anexo VIII desta resolución, así como na páxina web https://benestar.xunta.es e http://www.igualdadebenestar.org.
4. Participación no programa Bono Concilia.
Así mesmo, as persoas interesadas en participar no programa Bono Concilia da Consellería de Política Social, que consiste nunha axuda económica mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos, que vai dirixido a quen non obteña praza en ningunha das escolas solicitadas e deberán cubrir a epígrafe correspondente no anexo I desta resolución e ademais presentar:
– Declaración de non percibir outras axudas para o mesmo concepto, ou de percibilas coa indicación da súa contía (anexo III).
– Declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Comunidade Autónoma, non ter débedas por resolución de procedencia de reintegro e de estar ao día coa Seguridade Social (anexo III).
Para os solicitantes que opten simultaneamente tanto a unha praza concertada como á axuda do programa do Bono Concilia, a orde de valoración das opcións será en primeiro lugar a de praza concertada e de non obter praza nesta modalidade pasaría a ser valorado para o Bono Concilia.
Artigo 9. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes de renovación de praza e de novo ingreso deberán presentarse en soporte papel na propia escola infantil, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
No suposto de renovación de praza nun centro distinto daquel que estea matriculada a/o nena/o, a solicitude presentarase nesta escola, indicando o centro para o cal solicita a renovación de praza.
O formulario normalizado está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, na páxina web do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar http:/www.igualdadebenestar.org, así como nas escolas infantís 0-3.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
Artigo 10. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. Xunto coas solicitudes deberanse presentar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Artigo 11. Tramitación dos expedientes
As direccións que xestionen este procedemento comprobarán que as solicitudes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.
A dirección do centro e a persoa titular da Xerencia Adxunta de Escolas Infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos e a súa debida acreditación documental que coiden precisos para a máis eficaz realización da súa función.
Artigo 12. Avaliación das solicitudes
1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo V. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia, en primeiro lugar, as solicitudes coa renda per cápita máis baixa e despois as de xornada completa con servizo de comedor, sobre as solicitudes de media xornada.
2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase o consello escolar de cada centro, conforme o previsto no artigo 7.c) do Regulamento de réxime interior das escolas infantís de Galicia xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
A relación provisional de persoas admitidas e a lista de espera coas puntuacións obtidas farase pública o 3 de maio e poderase consultar nas páxinas https:/benestar.xunta.es e http:/www.igualdadebenestar.org e nos respectivos centros.
Artigo 13. Reclamacións
As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.
Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.
Artigo 14. Relación definitiva de adxudicatarias/os de praza
1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, a Xerencia do Consorcio, aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida. Cada alumna/o só poderá ser adxudicataria/o dunha praza pública de escola infantil da Xunta de Galicia.
A relación definitiva coa puntuación poderase consultar desde o día 30 de maio nas páxinas web https://benestar.xunta.es e http:/www.igualdadebenestar.org, así como nos respectivos centros.
Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a Presidencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución da Xerencia do Consorcio pola que se fan públicas as listas definitivas de persoas admitidas e de espera.
2. As persoas que obteñan praza disporán desde o día 1 ata o día 10 de xuño, ambos os dous incluídos, para matricularse, para o cal presentarán no centro onde obtivesen praza o impreso de matrícula debidamente cuberto xunto coa documentación prevista no artigo 19 do RRI.
O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web https:/benestar.xunta.es e http://www.igualdadebenestar.org.
Para os ingresos fóra de prazo disporase de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión de praza.
3. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a persoa interesada decaerá da súa solicitude.
4. A renuncia a unha praza concedida implica a imposibilidade de obter calquera outra praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia.
5. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
6. Na relación definitiva de admitidas/os e na listaxe de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que teñan entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional de admitidas/os.
Artigo 15. Lista de espera
1. A lista de espera estará constituída polas persoas solicitantes que non obteñan praza nas escolas seleccionadas, ordenadas segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.
2. Para a xestión da lista de espera e cobertura das prazas vacantes observarase o previsto no artigo 21 do RRI.
3. O alumnado integrante da listaxe de espera, que opte ao programa Bono Concilia, será excluído desta ao concedérselle esta axuda, aínda no caso de que renuncie á dita axuda, agás no suposto de que no momento da tramitación da concesión do Bono Concilia se producisen vacantes nalgún dos centros solicitados e non exista lista de espera neles.
Así mesmo, darase de baixa na lista de espera ao que opte a unha praza concertada nas escolas infantís privadas que participan neste programa e se lle conceda, aínda no caso de que renuncie a ela.
Artigo 16. Revisión do prezo
Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, nos seguintes casos:
a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.
Diminución ou incremento dos ingresos en máis do 30 % en cómputo anual respecto aos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de seis meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola AEAT ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Xerencia Adxunta de Escolas Infantís do Consorcio, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.
b) A variación no número de membros da unidade familiar.
Neste sentido, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.
A modificación do prezo, de ser o caso, será resolta pola Xerencia Adxunta de Escolas Infantís e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.
Artigo 17. Baixas
Será causa de baixa nas escolas infantís:
a) Incumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.
b) A solicitude das nais, dos pais ou das/dos representantes legais.
c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda.
d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.
e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer na escola.
f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.
g) Por incumprimento reiterado das normas da escola.
Naqueles casos en que a falta de asistencia sexa xustificada e se prolongue máis dun mes, haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.
Artigo 18. Protección de datos
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades». O órgano responsable deste ficheiro é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia do Consorcio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, rúa Amor Ruibal, nº 30-32, baixo, 15702 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a: consorcio@igualdadebenestar.org.
Disposición adicional primeira. Solicitudes de escolarización e/ou flexibilización de nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo
As familias dos/das nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo escolarizados/as durante o curso 2015/16, e aquelas outras con nenas/os con necesidades que non estivesen escolarizadas nese mesmo curso, e que tivesen cumpridos os tres anos en 31 de decembro de 2016, poderán solicitar permanencia na escola ou o seu ingreso nela durante un curso máis para o que deberán presentar as solicitudes de renovación ou novo ingreso, e cubrir a parte correspondente á flexibilización.
Xunto coa solicitude deberán presentar os informes dos/das profesionais que levan o seguimento do neno ou da nena (unidade de atención temperá, unidade de rehabilitación, pediatra).
Para o suposto de nenos/as de NEAE xa escolarizados a dirección da escola elaborará un informe de observación e seguimento do neno ou da nena e realizará unha valoración sobre a pertinencia da permanencia deste/a na escola infantil, tendo en conta a evolución do alumno ou alumna, as consideracións da familia e os informes doutros/as profesionais. En ambos os dous casos, a escola remitirá a solicitude xunto co resto da documentación á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu traslado ao equipo de orientación específico, que emitirá o correspondente ditame de escolarización.
No caso de que o ditame de escolarización sexa favorable, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica emitirá a resolución de permanencia do/da alumno/a na escola infantil 0-3 para o curso escolar solicitado.
Paralelamente, a familia deberá solicitar praza para o segundo ciclo de educación infantil nun centro que imparta este nivel educativo dentro dos prazos anuais establecidos para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para asegurar a súa escolarización nun centro da súa elección no caso de que o ditame de escolarización sexa desfavorable á flexibilización do período de escolarización.
Con carácter xeral todos/as os/as nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo incorporaranse no grupo que lle corresponde atendendo á súa idade cronolóxica. Excepcionalmente poderán ser acomodados noutro grupo considerando a súa idade madurativa segundo as recomendacións explicitadas nos informes das e dos profesionais que fan o seguimento e valoración do neno ou da nena.
Disposición adicional segunda. Ratios nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo
No caso de integrarse nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilízanse como dúas.
Disposición adicional terceira. Escolas de nova apertura
Para as escolas de nova apertura da Coruña-A Sardiñeira, Ames-Bertamiráns, Fene-Barallobre, Marín-Seixo, Oza-Cesuras e Tomiño-Goián, o curso dará comezo na data que se comunique con posterioridade ao momento da matrícula dos/das nenos/as, en función da concesión das preceptivas autorizacións administrativas para o seu funcionamento e das obras e prazos que deberán terse en conta para a debida posta en marcha dun centro de nova apertura. A matrícula destes centros formalizarase nos lugares e no horario exposto na relación que se publica xunto con esta resolución nas páxinas web https://benestar.xunta.es e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar http://www.igualdadebenestar.org.
Disposición derradeira
A presente resolución entrará en vigor el día seguinte al de su publicación en el Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2016
Perfecto Rodríguez Muíños
Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar