Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2016 Páx. 5054

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de febreiro de 2016 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega na empresa Transportes Pellejero e Hijos, S.L., que comeza o día 15 de febreiro de 2016 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

Á Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), en virtude do establecido no artigo 10 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, correspóndelle a función de xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade, no parágrafo segundo do dito artigo 10, que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na devandita lei e nos correspondentes plans de residuos da Xunta, para o cal deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos iniciase coa recepción dos residuos de máis de 295 municipios, atendendo unha poboación superior a 2 millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.400 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama en Cerceda por medio de camións e/ou trens, neste último caso, procedentes de Ourense e Vigo.

A convocatoria de folga foi presentada pola Confederación Intersindical Galega e afecta todos os traballadores da empresa contratista de Sogama denominada Transportes Pellejero e Hijos, S.L.

Polo tanto, a parada deste servizo considérase extratéxica para a continuidade da xestión dos residuos, cuxa alteración suporía o colapso das estacións de transferencia e imposibilita directamente a prestación do servizo público que foi expresamente regulado na Lei 10/2008, do 13 de novembro, de residuos de Galicia, e na Lei de bases de réxime local, que cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 9 de outubro de 2002, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección primeira, nº 1538/2002, rec. 380/2002).

O proceso que se realiza nas instalacións de Sogama débese desenvolver en ciclo continuo e, polo tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases, pero a paralización nunha fase inicial como é o transporte de residuos desde as plantas de referencia ata o centro de xestión de Cerceda (A Coruña) provocaría de inmediato colapso desta planta por non poder evacuar os contedores de residuos cheos ata o mencionado centro de xestión, e quedarían sin posibilidade de tratamento sobre 2.400 toneladas de residuos diarias.

En Galicia actualmente non existe outra instalación que poida asumir tal cantidade de toneladas diarias de lixo, polo que a acumulación de residuos sen tratamento durante varios días non podería ser reparada de forma axeitada polo complexo Medioambiental de Sogama, aínda que traballase a pleno rendemento, una vez finalizada a folga, sen decretar os servizos mínimos.

No tocante á folga comunicada e que afecta todos os traballadores da empresa, comezará ás 0.00 horas do día 15 de febreiro de 2016 e ten una duración indefinida, o cal significa que, no caso de non decretárense os servizos mínimos, se ten que paralizar totalmente a actividade de xestión dos residuos durante os días que dure a folga.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que, no mellor dos casos, tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, e non se pode garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalación no sinalamento de servizos esenciais para a comunidade, ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, oído o comité de folga,

ACORDO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta os traballadores da empresa contratista de Sogama Transportes Pellejero e Hijos, S.L., que se iniciará ás 0.00 horas do vindeiro día 15 de febreiro de 2016 e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación:

– Condutores: 52.

– Mecánicos: 2.

Os servizos mínimos propostos son proporcionados ao afectaren ao 55 % do cadro de persoal atinxido pola folga.

Artigo 2

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio do persoal que deberá cubrir os distintos servizos será realizada pola dirección da empresa Transportes Pellejero e Hijos, S.L.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio