Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2016 Páx. 5057

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2015 pola que se convoca o curso Actuación técnica en intervención operativa policial, para persoal de seguridade privada e especialidades.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria do curso Actuación técnica en intervención operativa policial, para persoal de seguridade privada, organizado en colaboración coa Comandancia da Garda Civil da provincia de Pontevedra de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Actuación técnica en intervención operativa policial.

Tipo: curso.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 12.

Modalidade: presencial.

Obxectivos.

Cubrir os aspectos de defensa persoal na seguridade privada, considerando as reformas lexislativas actuais.

Contido.

1. Normativa aplicable.

2. Arco de intervención gradual.

3. Posicionamento.

4. Defensa contra agarradas, golpes e armas.

5. Técnicas de percusión.

6. Técnicas de control.

7. Técnicas de derrubamento.

8. Identificación e cacheos.

9. Colocacion grillóns, bridas e lazos.

10. Traslados e condución.

11. Actuación con vehículos.

12. Utilización de armas regulamentarias.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatario.

Persoal de seguridade privada-gardas rurais e especialidades.

Prazas ofertadas.

80 prazas.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es . A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 18 de febreiro de 2016.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es .

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es , que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

As prazas distribuiranse por orde de inscrición.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 24 de febreiro de 2016 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberá comunicarse por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22. Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

O alumnado deberá vestir o uniforme regulamentario.

Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De superar esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp.

Datas: 3 e 4 de marzo de 2016.

Horario: o día 3 de marzo das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas, e o 4 de marzo das 9.00 ás 13.00 horas.

Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten á súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así o exixan circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 25 de xaneiro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública