Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 28 de xaneiro de 2016 Páx. 3114

II. Autoridades e persoal

c) Substitucións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2016 sobre suplencia no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

O artigo 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 12 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establecen que os titulares dos órganos administrativos poderán ser suplidos temporalmente, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen designe o órgano competente para o nomeamento daqueles, especificando que se non designa suplente, a competencia do órgano administrativo será exercida por quen designe o órgano administrativo inmediato de quen dependa.

A Resolución do 7 de marzo de 2014 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Administración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) que aproba modificación da estrutura organizativa do Instituto Enerxético de Galicia configura no artigo 2 a Xerencia como o órgano ao que corresponde o desenvolvemento de todas as iniciativas e actuacións encamiñadas a asegurar o funcionamento operativo dos servizos do Instituto, abranguendo, polo tanto, dentro do seu ámbito competencial, o deseño, impulso, seguimento e control económico-financeiro e de procedementos internos do Inega, a xestión integral dos seus recursos de persoal, orientando, a este respecto, a súa actividade á integración do persoal nos obxectivos do Instituto, así como todas aquelas actuacións dirixidas á adquisición dos bens e servizos necesarios para o seu funcionamento e o mantemento das súas instalacións, o deseño dos obxectivos anuais e o seguimento e control da súa execución, a xestión dos programas europeos e internacionais, e as funcións de formación, información e publicacións que competen ao Instituto. Corresponde a este departamento, así mesmo, a xestión da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) nos termos establecidos no Decreto 66/2013, do 18 de abril, así como a xestión e coordinación de todos aqueles proxectos desenvolvidos entre o Inega e outras administracións públicas. Atribúese tamén a este departamento a xestión do procedemento de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude, e conforme o previsto no artigo 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 12 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Designar suplente do titular da Xerencia do Instituto Enerxético de Galicia, para os supostos de vacante, ausencia ou enfermidade deste, a xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do dito centro directivo.

Segundo. Sempre que se exerzan competencias con base na suplencia establecida nesta resolución, deberá facerse constar así nos actos e resolución administrativas correspondentes.

Terceiro. A presente resolución producirá efectos desde a data en que se dite.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia