Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2016 Páx. 3047

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se acorda o inicio da fase de liquidación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.

Os artigos 62 e seguintes da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, regulan a extinción e o procedemento de disolución das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación. A este respecto, de acordo co dito réxime legal, procederá a extinción das cámaras no suposto de que non sexa posible a celebración de eleccións e a conseguinte constitución dos correspondentes órganos de goberno da cámara afectada; en particular, considerarase que concorre causa de extinción das cámaras cando, tras a disolución dos seus órganos de goberno e a correspondente convocatoria de eleccións, non se presentase ningunha candidatura válida no prazo establecido para o efecto.

De acordo co artigo 63 da dita lei, a administración tutelante, logo da audiencia á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras, con data do 16 de outubro de 2015 ditou o acordo de inicio do procedemento de disolución (Diario Oficial de Galicia número 199, do 19 de outubro), o cal contén, entre outro contido, a designación como administrador independente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol da empresa Landwell-PricewaterhouseCoopers Tax & Legal Services, S.L., a cal resultou adxudicataria do contrato de servizos para a designación dun administrador independente que se encargue da realización de todas as actuacións necesarias para a disolución e liquidación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol.

Pola súa banda, o artigo 64 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, sinala que, unha vez determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores, a administración tutelante, por instancia do órgano xestor, acordará a fase de liquidación.

Así as cousas, en aplicación do previsto no artigo 64 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e das obrigas contractualmente asumidas, o administrador elaborou e presentou perante o órgano xestor, dentro dos prazos establecidos para o efecto nesta fase inicial, a relación de bens e dereitos da Cámara e a relación de acredores e dos respectivos créditos fronte a ela.

Así mesmo, con data do 22 de decembro de 2015, a comisión xestora acordou solicitar á administración tutelante a apertura da fase de liquidación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, de acordo co previsto no devandito artigo.

Por todo o anterior, unha vez determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores, por instancia da Comisión Xestora da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

RESOLVO:

Primeiro. Iniciar a fase de liquidación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, de conformidade co previsto no artigos 65 e seguintes da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Segundo. Incorporar durante esta fase, á denominación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, a expresión «en liquidación».

Terceiro. Dispoñer o cesamento da comisión xestora da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, designada mediante a Resolución da Dirección Xeral de Comercio do 28 de xaneiro de 2014 e do 12 de xaneiro de 2015.

Cuarto. Encomendar a actividade da liquidación ao administrador independente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol e, en consecuencia, a realización de todas as actuacións necesarias para a súa liquidación, de conformidade co previsto no artigos 65 e seguintes da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, a quen lle correspoderán, así mesmo, a xestión e a defensa dos intereses da cámara.

Quinto. Chamar as restantes cámaras de Galicia para que, no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución, acheguen, de ser o caso, as súas propostas para a asunción das funcións da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, co obxecto de adoptar as medidas necesarias para garantir que as persoas físicas e xurídicas do ámbito territorial da devandita cámara reciban os servizos propios destas.

A asunción das funcións da cámara que se vai extinguir por outra cámara de Galicia comportará a modificación da demarcación territorial mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2016

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio