Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2016 Páx. 1195

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2015 pola que se aproba o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios da Illa de Arousa.

A área de explotación e planificación portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios das instalacións portuarias competencia da Comunidade Autónoma de Galicia situadas no termo municipal da Illa de Arousa, na provincia de Pontevedra, e adscritas ao ente público para a súa xestión. Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia na falta de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia celebrada o día 15 de decembro de 2015, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios da Illa de Arousa, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria do 11.12.2015, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 15.12.2015 que dá a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios da Illa de Arousa e o eleva e propón para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida pola Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios da Illa de Arousa (Pontevedra), na súa versión asinada en decembro de 2015 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos Andrés D. Cervantes Refojos, como xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2015

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia