Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2016 Páx. 1197

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 18 de decembro de 2015 pola que se notifica requirimento previo de desafiuzamento administrativo do departamento número 37 do novo edificio de departamentos do porto de Rianxo.

De conformidade co disposto nos artigos 59.5 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro) modificada pola Lei 15/2014, do 16 de setembro (BOE nº 226, do 17 de setembro) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se notifica a Cunchas da Ría, S.L., mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, requirimento previo de desafiuzamento administrativo do departamento número 37 do novo edificio de departamentos do porto de Rianxo, por non ser posible a notificación a través do servizo de correos no último domicilio coñecido sito no Departamento 37 do novo edificio de departamentos do Porto de Rianxo, en Rianxo, provincia da Coruña.

Segundo informe da Xefatura da Zona Centro, o departamento está ocupado sen autorización, unha vez vencida e non renovada a autorización outorgada no ano 2011, e incumpriuse un requirimento da Zona para proceder voluntariamente ao desaloxo, sen que sexa posible outorgar nova autorización dada a existencia de débedas en concepto de taxas portuarias.

O presente acto administrativo, que emite a Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia, de acordo coas competencias previstas no artigo 114 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, emítese en aplicación do artigo 113 desa lei, do artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e do artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o regulamento da entidade pública Portos de Galicia.

O departamento deberá de ser abandonado nun prazo máximo de dez (10) días contados desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, o que se formalizará coa entrega das chaves ao persoal de Portos de Galicia.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, se ben a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de dez (10) días hábiles contados desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, durante o cal poderán formularse alegacións e presentarse os documentos ou xustificacións que se achen pertinentes.

Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interdictais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2015

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia