Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49696

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de decembro de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de decembro de 2015, do Xurado Provincial de Montes de Ourense, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común do Pereiro e da Mezquita, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC do Pereiro, resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. Con data do 16 de marzo de 2015 (número de entrada 40363/rx 509444) presentouse unha solicitude co obxecto de que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común ditase resolución aprobatoria sobre o deslindamento parcial levado a cabo entre a CMVMC do Pereiro e a CMVMC da Mezquita. O día 17 de agosto de 2015 achegouse a seguinte documentación: acta de deslindamento parcial; acta de conciliación redactada no Xulgado de Paz da Mezquita e o certificado de aprobación en asemblea da acta de deslindamento.

Segundo. Con data do 25 de setembro de 2015, o Servizo de Montes informou sobre que a documentación achegada cumpría as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o deslindamento realizado establece o límite entre ambos os dous montes dun xeito claro e inequívoco.

Terceiro. Na documentación presentada achégase plano no cal queda definida a superficie obxecto de deslindamento.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que cómpre seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes, do 25 de setembro de 2015, acordou por unanimidade o día 4 de novembro de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre a CMVMC do Pereiro e a CMVMC da Mezquita, ambas no concello da Mezquita, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989; nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de decembro de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense