Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 17 de decembro de 2015 Páx. 47204

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 181/2015, do 3 de decembro, sobre a extinción da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria e da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia.

O artigo 40 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, autorizou a creación dunha axencia en materia de docencia, formación, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de sanidade, que ten como fins xerais e obxectivos básicos realizar a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

A dita axencia asumirá os medios persoais e materiais que na actualidade lles corresponden á Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria, ao Servizo de Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e ás unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de formación, investigación e innovación que se supriman no momento de creación da Axencia, que quedarán integradas nela, sen que supoña incremento do gasto público.

A mesma Lei 14/2013, no seu artigo 42, autorizou a creación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos como axencia pública autonómica adscrita, a través do Servizo Galego de Saúde, á consellería competente en materia de sanidade, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas coa doazón e o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e tecidos, e o procesamento e almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas humanas con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación.

Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais que na actualidade lles corresponden á Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia e aos bancos de tecidos e ás unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde con competencias neste campo que se supriman no momento de creación da Axencia, que quedarán integradas nela, sen que supoña incremento do gasto público.

De conformidade coas previsións legais indicadas, aprobáronse o Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e se aproban os seus estatutos.

A disposición adicional segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, autorizou a Consellería de Sanidade para levar a cabo os trámites de extinción e liquidación da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria e da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, coa finalidade de integralas nas axencias públicas sinaladas nos artigos 40 a 43 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Segundo as previsións normativas citadas, a creación das axencias leva aparellada a extinción e liquidación tanto da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria coma da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, coa finalidade de integralas nas axencias públicas de nova creación.

De conformidade co previsto nos respectivos estatutos, os padroados das citadas fundacións públicas adoptaron os correspondentes acordos de extinción o 6 de novembro de 2015.

O Protectorado ratificou os acordos de extinción por resolución de data 9 de novembro de 2015.

En consecuencia, este decreto culminará o proceso de extinción das ditas fundacións públicas, de conformidade coas previsións legais anteriormente citadas, como paso previo e necesario para a posta en funcionamento das axencias xa creadas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, segundo o disposto no artigo 37.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, no artigo 114.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 2 do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto autorizar, nas condicións que nel se establecen, a extinción das seguintes fundacións públicas:

a) Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

b) Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia.

Artigo 2. Comisións liquidadoras

1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Sanidade, e oída a Consellería de Facenda, designará para cada unha das fundacións que se van extinguir unha comisión liquidadora integrada por 3 peritos/as de recoñecida profesionalidade.

A designación non poderá recaer en candidatos/as que estivesen vinculados nos cinco anos anteriores á fundación en cuxa liquidación interveñan.

2. A Comisión liquidadora designada elevaralle ao Consello da Xunta, a través da Consellería de Sanidade, unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución da fundación.

3. Aprobada a proposta, a Comisión liquidadora levará a efecto as operacións de liquidación no prazo máximo dun mes, tendo en conta o acordo de extinción adoptado polo Padroado e ratificado polo Protectorado e as disposicións contidas neste decreto. O Padroado aprobará o balance de situación para os efectos da extinción, condicionado ao que resulte do informe da respectiva Comisión liquidadora. O dito acordo será elevado a escritura pública e remitido ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

4. A actividade da Comisión liquidadora designada será supervisada polo Protectorado da Consellería de Sanidade, no exercicio das funcións que ten legalmente atribuídas.

5. Realizadas as operacións de liquidación, as respectivas comisións aprobarán e remitirán as contas con seus respectivos informes ao Protectorado, para os efectos da súa constancia e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

6. As operacións de liquidación e o resultado destas enténdese sen prexuízo da facultades de inspección e control atribuídas aos órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego

1. O Protectorado promoverá a inscrición da extinción das fundacións a que se refire o artigo 1 deste decreto no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que se instará mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

2. Ao Rexistro de Fundacións incorporarase o acordo de extinción, así como a documentación resultante do proceso de liquidación, que deberá incluír a escritura pública a que se refire o parágrafo quinto do artigo 2 deste decreto.

3. A inscrición da extinción das fundacións no Rexistro de Fundacións implicará a extinción da personalidade xurídica daquelas e suporá o cesamento dos membros dos seus padroados.

Artigo 4. Efectos

1. A inscrición da extinción das fundacións a que se refire este decreto levará aparellada a cesación da súa actividade como tales, que pasa a formar parte das respectivas axencias.

2. A subrogación das axencias na totalidade dos bens, dereitos, obrigas e persoal das fundacións que se van extinguir levarase a cabo tendo en conta as previsións que para tal efecto se conteñen no Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, e no Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e se aproban os seus estatutos, respectivamente.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do previsto no presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dos mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade