Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 15 de decembro de 2015 Páx. 46899

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza.

A Orde do 26 de abril de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 91, do 11 de maio, aproba a regulamentación específica do libro xenealóxico da raza Can de Palleiro e o seu estándar racial, que figuran respectivamente como anexo I e II desta orde.

Pola súa parte, no anexo I –Regulamentación específica do libro xenealóxico da raza Can de Palleiro, 4. Comisión Reitora do Libro Xenealóxico, na letra d) das competencias da comisión reitora establécese que corresponde a esta propor as modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que considere convenientes.

Con data do 4 de decembro de 2014 reuniuse en convocatoria extraordinaria a Comisión Reitora do Libro Xenealóxico e aprobou por unanimidade a modificación do número 3 do anexo I.

A presente modificación realízase atendendo ao establecido no Real decreto 558/2001, do 25 de maio, polo que se regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacións de criadores de raza pura.

En consecuencia, conforme o previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 9 e a disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo I da Orde do 26 de abril de 2001 da Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria, pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza

O número 3 do anexo I da Orde do 26 de abril de 2001 queda redactado nos seguintes termos:

O libro xenealóxico da raza Can de Palleiro constará das seguintes seccións e rexistros:

1. Sección anexa:

1.1. Rexistro Fundacional (RF).

1.2. Rexistro Auxiliar (RA).

2. Sección principal:

2.1. Rexistro Definitivo (RD).

2.2. Rexistro de Méritos (RM).

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, o titular ou o seu representante legal deberá solicitalo de xeito expreso nun impreso normalizado e aprobado, para o efecto, pola Comisión Reitora do Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro e acreditando os criterios de inscrición especificados nesta orde.

O paso dos animais dun rexistro a outro prodúcese automaticamente segundo o establecido nesta regulamentación.

Como referendo aos rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía de inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Reitora do Libro Xenealóxico deberá realizar as dilixencias e investigacións que coide pertinentes para aclarar cantos aspectos considere necesarios, e poderá, así mesmo, recorrer á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

O libro xenealóxico desta raza contará con dúas seccións, sección anexa e sección principal, en cada unha das cales haberá dous rexistros.

a) Sección anexa: poderán ser inscritos os cans que carecen total ou parcialmente de documentación xenealóxica que acredite a súa ascendencia, pero que polas súas características étnicas poidan contribuír á mellora da raza.

Rexistro Fundacional (RF): rexistraranse aqueles animais, maiores de 18 meses, con pais descoñecidos ou non rexistrados e que previamente pasasen a confirmación de raza.

Este rexistro ten unha vixencia limitada, que virá determinada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Auxiliar (RA): nel inscribiranse todos aqueles animais que polo menos teñan aos pais rexistrados. Cumpridos os 18 meses, obrigatoriamente deberán pasar a confirmación de raza.

b) Sección principal: poderán ser inscritos os cans de raza pura.

Rexistro Definitivo (RD): inscribiranse todos aqueles animais que teñan rexistrados no libro xenealóxico da raza os pais, 4 avós e 8 bisavós. Cumpridos os 18 meses, deberán pasar a confirmación de raza.

Rexistro de Méritos (RM): é para aqueles animais adultos, inscritos no Rexistro Definitivo, que polas súas calidades morfolóxicas (fenotipo), reprodutoras (xenéticas) e de traballo (se procede), destaquen significativamente sobre o resto dos animais rexistrados. Excepcionalmente e consensuado polo comité técnico e criadores do libro xenealóxico, unha vez autorizado pola autoridade competente, poderían incluírse animais inscritos no Rexistro Auxiliar ou no Fundacional.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural