Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 10 de decembro de 2015 Páx. 46249

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2015 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa, da actividade docente, investigadora e de xestión, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Por Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio de 30 de xaneiro de 2001 para a creación do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que, mentres a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23 dos estatutos, se seguirán aplicando os establecidos polas normas en vigor, no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na súa redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

En consonancia co anterior, a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento polos cargos de xestión levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (DOG do 26 de outubro).

Con respecto ao establecido no artigo 8.1 da devandita orde, por acordo da CGIACA do 13 de outubro de 2015, concretáronse os cargos que poderán asimilarse aos sinalados na citada Orde do 16 de outubro de 2006, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

De conformidade coa citada normativa, o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia convocará, mediante resolución, a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a asignación destes complementos retributivos.

Por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, polos que se delegan na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias, para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión establecido no artigo 2.4 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Segunda. Destinatarios

De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor en activo das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, o artigo 6.4 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2.2 da Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración positiva, será preciso:

1. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamento, director de instituto universitario, en calquera das institucións universitarias ou de educación superior públicas galegas, estatais ou europeas; e aqueles cargos directamente relacionados coa xestión académica ou da investigación equiparados, para efectos exclusivos deste complemento, pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación recollidos no anexo I desta resolución.

2. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.

Computaranse os períodos de tempo de ocupación dos correspondentes cargos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, ata o 31 de decembro de 2014, sempre e cando nesta derradeira data xa se tivese producido o cesamento efectivo.

Cuarta. Formalización e presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a instancia e a relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2014, nos modelos dispoñibles na aplicación informática (anexos II e III), á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es. Non se valorarán os méritos que non fosen incorporados telematicamente.

2. Unha vez cubertos os impresos (anexos II e III) telematicamente, deberán imprimirse e presentarse nos lugares sinalados no punto 4, debidamente asinados.

3. Xunto cos impresos sinalados no punto anterior (anexos II e III) e sempre que non se tivese remitido telematicamente a través da plataforma informática, deberá presentarse en soporte dixital (DVD, CD-ROM, lapis de memoria) a documentación que se relaciona a seguir:

• DNI ou documento equivalente, no caso de non prestar autorización á ACSUG para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

• Documentación acreditativa dos cargos desempeñados:

○ Cargos desempeñados nas universidades pertencentes ao Sistema universitario de Galicia: só no caso de non autorizar a súa consulta ás correspondentes universidades.

○ Cargos desempeñados no resto de institucións: deberá achegarse a documentación xustificativa: certificado oficial emitido pola secretaría xeral da correspondente universidade ou órgano equivalente, ou, se é o caso, fotocopia dos boletíns ou diarios oficiais en que consten, respectivamente, o nomeamento e o cesamento.

4. As solicitudes dirixiranse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e poderán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia con domicilio https://sede.xunta.es e, de xeito presencial, en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como nos rexistros de calquera das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia.

Quinta. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Sétima. Prazo

O prazo para presentar as instancias solicitando a asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitava. Admisión a trámite e emenda das solicitudes

1. A ACSUG comprobará que as solicitudes presentadas en prazo cumpran cos requisitos establecidos pola Orde do 16 de outubro de 2006 e demais normativa de aplicación necesarios para admitilas a trámite.

2. Será imprescindible presentar a seguinte documentación:

– Modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo II.

– DNI ou equivalente (no caso de non prestar autorización á ACSUG para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade antes sinalada).

– Relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2014 (anexo III).

3. Cando as solicitudes presentadas en prazo non acompañen os documentos exixidos no parágrafo anterior, ou non reúnan os requisitos exixidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda, de conformidade co disposto no citado artigo. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

4. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as correspondentes avaliacións faranse con base na documentación acreditativa dos cargos desempeñados que achegase o interesado ata ese momento e nas certificacións posteriores emitidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia por solicitude da ACSUG.

Novena. Procedemento

1. O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión.

2. No suposto de que algún dos cargos desempeñados e alegados polos solicitantes non estivese incluído no anexo I desta resolución, a CGIACA será a encargada de decidir sobre a súa inclusión e valoración.

Décima. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 13 de abril). Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que procedan, se é o caso, polos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo primeira. Recurso

1. Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, poderán ser impugnados en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarse en calquera dos rexistros indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Décimo segunda. Efectos económicos

Cando, de conformidade co disposto na base anterior, se proceda á asignación dos referidos complementos polas universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2015 e nas cantidades establecidas na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Décimo terceira. Protección de datos de carácter persoal

Nesta convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Lamas de Abade, s/n, Edif. CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través do enderezo electrónico acsug@acsug.es.

Décimo cuarta. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO I
Cargo académico * e equivalencias exclusivamente
para os efectos deste complemento

Cargo académico

Puntos/ano

Reitor/a

1,00

Conselleiro/a competente en materia de universidades

1,00

Vicerreitor/a, adxunto/a ao/á reitor/a

0,80

Director/a xeral ou equivalente en materia de universidades

0,80

Secretario/a xeral

0,80

Valedor/a universitario/a, presidente/a da Comisión/Tribunal de Garantías

0,80

Representante/delegado/a na CIUG

0,80

Director/a ACSUG

0,80

Presidente/a ou vogal da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación

e Acreditación **

0,80

Presidente/a da ACSUG

0,80

Decano/a e director/a de facultade/escola

0,50

Vogal do consello de dirección da ACSUG

0,50

Adxunto a secretaría xeral/vicesecretario xeral

0,40

Adxunto/a ao/á vicerreitor/a, vicerreitor/a adxunto/a e comisionado/a, director/a

de área/director/a UTC

0,40

Director/a do centro de posgrao ou escolas de doutoramento

0,40

Director/a departamento

0,40

Vicedecano/a, subdirector/a de facultade/escola

0,30

Director/a de instituto universitario

0,30

Secretario/a facultade/escola

0,30

Presidente/a ou secretario/a do tribunal único das PAAU

0,30

Secretario/a departamento

0,25

Director/a do Centro de Linguas

0,20

Director/a centros propios ou adscritos docentes, Escola de Práctica Xurídica, Estación Biolóxica, Observatorio Astronómico

0,15

Director/a IV ciclo, universidade sénior

0,15

Presidente/a comisión de doutoramento, posgrao

0,15

Presidente/a ou secretario/a das comisións delegadas das PAAU/director/a grupo de traballo da CIUG

0,15

Secretario/a instituto universitario

0,15

* As equivalencias dos cargos desempeñados nas administracións públicas autonómica, estatal ou europeas aos que se refire o artigo 6.4.1 do Decreto 54/2004, do 4 de marzo, que regula os presentes complementos, serán decididas pola CGIACA individualmente, tendo en conta a relevancia do cargo e a súa relación coa xestión da educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

** En exercicio das funcións establecidas nos artigos 22 e seguintes dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), aprobado por Resolución do 10 de decembro de 2008 (DOG do 20 de xaneiro de 2009).

missing image file
missing image file
missing image file