Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 10 de decembro de 2015 Páx. 46348

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT, RBT Sarreaus, no concello de Maceda (expediente IN407A 2015/47-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de refencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 8.6.2015 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 26 de xuño de 2015, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, publicada no DOG do 20.7.2015, no BOP de Ourense do 21.7.2015, no xornal La Región de Ourense do 30.9.2015, no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas alegacións polos propietarios dos predios nº 5 e 11, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto; destas alegacións, nas cales se pide a variación do trazado por entenderen os alegantes que existen limitacións legais nas servidumes de paso previstas, así como afectación á saúde das persoas, e tamén perdas económicas que ocasionará a construción desta liña eléctrica, déuselle traslado á empresa solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 40.230,93 euros, son as seguintes:

• LMT aérea a 20 kV de 571 m, con condutor LA-56/54,6 mm2, con orixe na LMT ALL807-CT Calvelo, e remate no CT proxectado Sarreaus de 50 kVA e R/T 20.000/400-230 V. RBT aérea de 195 m, con condutor RZ 3×95 Al, derivada do CT proxectado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1.5.2009).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do citado Real decreto 1955/2000.

Terceiro. Non se poden aceptar as alegacións presentadas por Carmen Núñez Garrido (predio nº 5) e Eligio Martínez Rey (predio nº 11), xa que:

• No que se refiren ao menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso do tendido eléctrico proxectado non corresponde a esta fase do procedemento entrar na súa valoración, pois iso é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano ao cal se lle remitirá o expediente logo do levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se indicarán de xeito singularizado as afeccións que se terán en conta segundo o perito da Administración, así como as alegacións que queiran realizar os asistentes, e tamén coa incorporación das follas de valoración contraditorias que presenten as partes.

• Ao contrario do sinalado nas alegacións, no presente caso non existen as limitacións ao paso de enerxía eléctrica previstas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000, pois nos predios afectados non se dan as condicións que naquel se indican, respectando o trazado, a xuízo do proxectista, e en cumprimento da ITC-LAT 07, número 1.5.1, do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas de alta tensión, a mínima afectación a terreos particulares, así como que o impacto ambiental sexa o mínimo posible, todo iso no intento de chegar á mellor solución técnico-económica posible.

• Polo que se refire aos efectos sobre a saúde das persoas ou animais, debemos sinalar que as instalacións eléctricas proxectadas cumpren toda a normativa e regulamentación en materia de seguranza que lle pode se aplicada, ao cal se lle pode engadir que con este tipo de instalacións non se acadan os niveis establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea 1999/519/CE, do 12 de xullo de 1999, relativa á exposición ao público en xeral a campos electromagnéticos de 0 Hz a 200 GHz.

Cuarto. O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da infraestrutura eléctrica, na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, resolve:

1º. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse en prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 16 de novembro de 2015

Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe territorial de Ourense