Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 3 de decembro de 2015 Páx. 45599

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de outubro de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de outubro de 2015 relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Chaira, Castromil, Fisga e Xeixosa, por un lado, e Seixo e Val, por outro, nos concellos de Ramirás e Gomesende.

Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC da parroquia de Escudeiros, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 24 de xullo de 2015 o presidente do MVMC de Chaira, Castromil, Fisga e Xeixosa, da parroquia de Escudeiros, no concello de Ramirás, presentou unha solicitude co obxecto modificar os lindes existentes entre o citado monte e o de Seixo e Val, pertencente á parroquia de Poulo, no concello de Gomesende. Coa súa solicitude achegou unha acta de conciliación asinada polos presidentes das dúas comunidades ante o Xulgado de Paz de Gomesende, así como as certificacións dos acordos acadados polas asembleas xerais respectivas.

Segundo. Con data do 16 de setembro de 2015 o Servizo de Montes informou favorablemente o deslindamento solicitado. No referido informe faise constar que a estrema conciliada queda definida por marcos de granito e penedos característicos e ben descritas na acta do Xulgado de Paz.

Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:

Comeza o deslindamento na esquina suroeste do campo de fútbol de Escudeiros na paraxe denominada Chaira, onde se sitúa o vértice 1. Prosegue en dirección norte-noroeste coincidindo coa pista forestal, ata o vértice 2, onde existe un gran marco de granito con cunha sección aproximada 40×40 cm e de altura superior a 120 cm. Desde aquí, cambia a dirección norte para coincidir a marxe coa devasa feita coa finalidade de deslindamento, continuando pola paraxe Chaira nos vértices 3 e 4, onde tamén se sitúan marcos das características descritas anteriormente. Cambia á dirección noreste ata chegar á paraxe Silvares, vértice 5, caracterizado en campo por un marco (idem anteriores), continúa a marxe pola devasa ata a paraxe de Paizás, vértice 6, tamén caracterizado en campo por un marco (idem anteriores), despois de pasar por un vértice intermedio, vértice 5b, que describe unha curva na devasa cambiando á dirección noroeste. Continuando pola mesma devasa, novamente con dirección noreste, e usando dous vértices intermedios de apoio 6b e 6c que definen dous pequenos quebros na devasa, chegamos á paraxe de Xeixosa, tamén denominada polos veciños de Poulo como Barragáns no transcurso ao longo desta paraxe sitúanse os vértices 7 e 8 caracterizados en campo por marcos (idem anteriores) e o vértice 9 caracterizado en campo por un afloramento rochoso en forma de crista. Continuando pola mesma devasa ata o Coto do Rodrigo, vértice 10, representado por un penedo arredondado, punto onde volve cambiar a dirección do linde a norte-noreste para dirixirse ao Penedo da Moura, vértice 11, situado no cruzamento da devasa con outros dous camiños, representado por un penedo na súa beira. Desde o Penedo da Moura e con dirección á Peneda das Hedras, pasando pola paraxe de Campaza, onde se sitúa o vértice 12, chega o linde ao seu final no río Arnoia, vértice 13.

Xunto co acordo de lindes exposto tivéronse en conta as aclaracións efectuadas polos presidentes das respectivas comunidades nun escrito presentado o día 9 de setembro de 2015, e que supoñen unha mellora da descrición contida na acta de conciliación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en man común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 16 de setembro de 2015, acordou por unanimidade o día 22 de setembro de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas comunidades dos montes veciñais en man común Chaira, Castromil, Fisga e Xeixosa, do concello de Ramirás, e Seixo e Val, do concello de Gomesende, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 23 de outubro de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense