O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do 7 de novembro de 2015, acordou aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de San Sadurniño, e someter o expediente a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión na provincia.
Durante ese prazo, que se computará a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, todos os propietarios e demais interesados directamente afectados poderán formular as alegacións ou reclamacións que consideren pertinentes.
De acordo co disposto no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o acordo de aprobación inicial determinará a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. Poderanse outorgar licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do aprobado inicialmente.
A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contado desde a dita aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.
San Sadurniño, 9 de novembro de 2015
Secundino García Casal
Alcalde