Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 25 de novembro de 2015 Páx. 44610

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2015, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada Reforma LMT VLL810-VLL825, no concello do Pereiro de Aguiar (expediente IN407A 2015/49-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de refencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 4 de xuño de 2015 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado número 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 6 de xullo de 2015, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, publicada no DOG do 28 de xullo de 2015, no BOP de Ourense do 31 de xullo de 2015, no xornal La Voz de Galicia-Ed. Ourense do 1 de outubro de 2015, no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso non se presentou ningunha alegación en contra do establecemento destas instalacións eléctricas.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 13.350,93 euros, son as seguintes:

• Reforma da LMT aérea a 20 kV en dobre circuíto VLL810-VLL825, nun treito de 289 m de lonxitude, con condutor LA-110 mm2 Al, con orixe no apoio nº 44 e remate no apoio nº 46, coa instalación de novo apoio tubular metálico para elevar a liña e corrixir situación antirregulamentaria.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do citado Real decreto 1955/2000.

Terceiro. O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, téndose efectuado a comprobación sobre o terreo da traza da infraestrutura eléctrica, na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás cales se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, resolve:

1. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente. Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse en prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 29 de outubro de 2015

Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe territorial de Ourense