Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 23 de novembro de 2015 Páx. 44227

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de novembro de 2015 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Instituto Médico-Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael) con domicilio na avenida das Xubias, número 82, na Coruña.

Feitos:

1. Benigna Peña Sánchez, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 30 de xullo de 2015, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 2.083, por Benigna Peña Sánchez, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– O desenvolvemento e o fomento da investigación biomédica e a súa promoción no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de favorecer a aplicación de novos produtos, técnicas e tecnoloxías para o tratamento e a prevención das enfermidades co máximo nivel que ofreza, en cada momento, a comunidade científica;

– A promoción da saúde en xeral, a través da docencia e da divulgación;

– A organización de actividades de formación continua dirixidas ao colectivo de profesionais sanitarios;

– O apoio, cos seus recursos e coñecementos, ao desenvolvemento e a protección de colectivos vulnerables ou desfavorecidos.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Benigna Peña Sánchez como presidenta; Aquilino Peña Sánchez como vicepresidente; Francisco Javier Peña García como secretario e Gonzalo Peña Pérez, José Cuenca Castillo e Joaquín Mosquera Oses como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de outubro de 2015,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael) e adscribila ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza