Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 19 de novembro de 2015 Páx. 43766

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 171/2015, do 5 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial LU-P-1502 de Burela por Vilaestrofe a Ferreira, entre o p.q. 0+000 (orixe no porto de Burela) e o p.q. 1+200 (tramo urbano ata o cuartel da Garda Civil), a prol do Concello de Burela.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Lugo solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade a prol do Concello de Burela da estrada provincial LU-P-1502 de Burela por Vilaestrofe a Ferreira, entre o p.q. 0+000 (orixe no porto de Burela) e o p.q. 1+200 (tramo urbano ata o cuartel da Garda Civil), os cales discorren integramente polo municipio de Burela e se sitúan no treito urbano como rúa Eijo Garay, rúa Pascual Veiga e rúa Vilaestrofe.

Ao abeiro das previsións legais, o Pleno do Concello de Burela aceptou o cambio de titularidade do tramo da seguinte estrada provincial:

LU-P-1502 de Burela por Vilaestrofe a Ferreira, entre o p.q. 0+000 (orixe no porto de Burela) e o p.q. 1+200 (tramo urbano ata o cuartel da Garda Civil).

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Burela do tramo da estrada provincial LU-P-1502 de Burela por Vilaestrofe a Ferreira, entre o p.q. 0+000 (orixe no porto de Burela) e o p.q. 1+200 (tramo urbano ata o cuartel da Garda Civil).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Burela deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Burela, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda