Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 19 de novembro de 2015 Páx. 43764

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería do Mar

DECRETO 170/2015, do 5 de novembro, polo que se dispón o nomeamento de varios vogais do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

O Consello de Administración é o órgano superior colexiado de dirección do ente público Portos de Galicia, tal e como se dispón no artigo 10 do Regulamento do ente aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo. No citado artigo sinálase a composición do Consello de Administración, así como a forma de nomeamento e cesamento dos seus vogais, que son todos eles nomeados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do presidente do ente público Portos de Galicia, agás os representantes da Administración autonómica, que serán nomeados por proposta dos respectivos conselleiros.

O artigo 10 do Regulamento, no seu número 5, sinala que os vogais representantes das administracións locais serán nomeados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do presidente do ente público, e corresponderá un a cada provincia costeira. A proposta ao presidente efectuarase mediante acordo adoptado por maioría simple entre os concellos que teñan no seu territorio algún porto integrado no ente público, propoñendo un vogal ou unha terna de vogais no conxunto dos concellos que pertencen a cada unha das provincias costeiras. Así mesmo, o citado artigo 10 dispón no seu número 8 que os vogais representantes das administracións locais, agás as causas de cesamento que nel se consignan, desempeñarán o seu cargo durante catro anos e o número 10 do mesmo artigo indica que ditos vogais se renovarán por metades cada dous anos e poderán ser reelixidos unha soa vez ao finalizaren o seu mandato.

Considerando que os vogais representantes das administracións locais do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia esgotaron o seu mandato, e recibidas propostas de cesamento e novo nomeamento por parte das deputacións da Coruña e Lugo, vista a proposta do presidente do ente público Portos de Galicia, por proposta da conselleira do Mar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

O nomeamento de Bernardo Fernández Piñeiro como vogal do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, en representación das administracións locais pola provincia da Coruña.

Artigo 2

O nomeamento de José Demetrio Salgueiro Rapa como vogal do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, en representación das administracións locais pola provincia de Lugo.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar