Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 17 de novembro de 2015 Páx. 43393

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza o peche e o desmantelamento da planta de coxeración que Enerxía Riveira, S.A. posúe no concello de Ribeira e se cancela a súa inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 6 de outubro de 1997 a Dirección Xeral de Industria autorizou a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica no concello de Ribeira (A Coruña), á empresa Sociedad Cooperativa del Mar Santa Eugenia, S.L. e incluíuna no réxime especial regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables.

Segundo. O 23 de decembro de 1998 a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da planta de coxeración de referencia.

Terceiro. O 27 de abril de 2000 a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio autorizou a acta de posta en marcha da planta de coxeración de referencia, coas seguintes características básicas:

• 2 motores de combustión interna Caterpillar de gasoil de 1.056 kW cada un.

• 2 xeradores síncronos trifásicos de 1.320 kVA cada un, e tensión de xeración 0,4 kV.

• 1 centro de transformación con relación de transformación 20/0,4 kV con 2 transformadores de 1,25 MVA de potencia cada un, montado en interior.

• Instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor, almacenamento de combustible, protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Cuarto. O 20 de setembro de 2000 a Dirección Xeral de Industria realizou a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da planta de coxeración titularidade de Sociedad Cooperativa del Mar Santa Eugenia, S.L., outorgándolle o número RE-00-66.

Quinto. O 24 de novembro de 2000, a Dirección Xeral de Industria autorizou o cambio de titularidade e a subrogación do recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica da central de coxeración de Sociedad Cooperativa del Mar Santa Eugenia, S.L., a favor de Energía Riveira, S.A.

Sexto. O 28 de xullo de 2014, Energía Riveira, S.A. solicitou a autorización administrativa para o peche e o desmantelamento da central mencionada.

Sétimo. O 19 de xaneiro de 2015 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a devandita solicitude.

Oitavo. O 12 de decembro de 2014 a Red Eléctrica de España emitiu informe sobre a solicitude de peche da coxeración de referencia, facendo constar que non compromete a seguridade da subministración da zona desde a rede de transporte.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, no artigo 19 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 116/2014, do 11 de setembro.

Segundo. O artigo 53.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que o peche definitivo das instalacións de produción de enerxía eléctrica requirirá de autorización administrativa previa e este procedemento regúlase nos artigos 135 a 139 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Ademais, determina que en todo caso, o peche definitivo das instalacións de xeración requirirá o informe do operador do sistema.

Terceiro. O artigo 42 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, establece que procede a cancelación da inscrición definitiva no rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica no caso de cesamento da actividade como instalación de produción a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e resíduos.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente o peche definitivo e o desmantelamento da planta de coxeración que a mercantil Energía Riveira, S.A. posúe no concello de Ribeira (A Coruña), de 2.112 kW, consonte o proxecto redactado polo enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau e visado polo ICOIIG o 22 de xullo de 2014 co núm. 20141838.

2. Cancelar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da instalación de coxeración de referencia, á que lle fora outorgado o núm. RE-00-66.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. O desmantelamento terá que realizarse conforme as especificacións e os planos que figuran no proxecto achegado pola empresa e referido na parte dispositiva desta resolución.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberá cumprirse en todo momento canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións no desmantelamento que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do desmantelamento que resulten procedentes, e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para o desmantelamento que se autoriza será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Esta autorización caducará se transcorre o devandito prazo sen producirse o desmantelamento.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións impostas, pola facilitación de datos inexactos ou ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización do desmantelamento autorizado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas