Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 11 de novembro de 2015 Páx. 42832

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., autorizada polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de maio de 2015.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de maio de 2015 adoptou, por proposta da conselleira de Facenda e por iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os acordos polos que se autorizaba a modificación dos artigos dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos artigos modificados dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2015

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio
da Consellería de Facenda

ANEXO

Artigo 18.2. Duración do cargo de conselleiro

«Os/as conselleiros/as poderán percibir unha cantidade fixa en concepto de axuda de custos de asistencia ás reunións do Consello de Administración, que será fixada pola Xunta Xeral de Accionistas logo de acordo do Consello da Xunta, contando co informe favorable da consellería competente en materia de facenda».

Artigo 21. Facultades do consello

«k) Todas aquelas que a lei outorgue cos límites e restricións que a normativa en vigor recolla en cada momento».

Artigo 22.1. Creación de comisións executivas

«O Consello de Administración poderá designar no seu seo unha comisión executiva con carácter permanente ou ocasional, coa composición e atribucións, que máis conveña á recta xestión e administración dos intereses sociais, sen que en ningún caso poidan atribuírse as facultades indelegables segundo lei».

Artigo 23. O/a presidente/a

«3. En todo caso, requirirá autorización da Xunta Xeral de Accionistas calquera transacción que supere o 10 por cento dos activos sociais, cando se trate do suposto previsto no artigo 230 da Lei 1/2010, de sociedades de capital, referido a dispensa de abstención nos casos de conflito de interese».