Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 5 de novembro de 2015 Páx. 42330

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2015 pola que se convoca un curso monográfico sobre Administración, empresa e urbanismo sustentable.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase, en colaboración coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Rede Empresa e Administración e Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público un curso monográfico sobre Administración, empresa e urbanismo sustentable, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar aos destinatarios unha visión ampla dos principais problemas urbanísticos, afondando e debatendo sobre as súas consecuencias sociais, ambientais, económicas e empresariais. Neste senso, co obxectivo de analizar a cuestión desde unha perspectiva global, contarase con expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo, coa finalidade de que cada un deles achegue as súas experiencias e coñecementos, tentando entre todos propor posibles melloras que se poidan adoptar nas actuacións futuras para obter un urbanismo sustentable desde todos os puntos de vista, sen esquecer o ámbito económico e empresarial.

Todo isto sen esquecer a necesidade de contrastar puntos de vista de expertos de fóra da nosa comunidade autónoma, contando con profesionais da Administración do Estado, de distintas comunidades autónomas e de países da nosa contorna comunitaria.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A protección do litoral: a incidencia do dereito da Unión Europea.

– Panel de expertos: ordenación do territorio e sustentabilidade: unha perspectiva desde a actuación empresarial.

– A ordenación do territorio, especial referencia ao caso de Galicia.

– Ordenación do territorio e contención do consumo do solo.

– Parámetros para o desenvolvemento dunha ordenación territorial sustentable: o equilibrio entre actividade empresarial e intereses socio-ambientais.

– Responsabilidade social e sustentabilidade no ámbito urbanístico.

– Actividade empresarial e urbanismo.

– Panel de expertos: a intervención administrativa na actividade das empresas relacionadas co urbanismo e a ordenación do territorio.

– Problemas de competencia no mercado do solo.

– Actividade empresarial, fiscalidade e urbanismo.

– Réxime laboral e urbanístico: seguranza e hixiene no traballo.

– A participación cidadá no urbanismo: posibles respostas ás críticas desde as instancias europeas.

– Panel de expertos: urbanismo e accións públicas.

– A acción pública xudicial. Recursos administrativos e contencioso-administrativos contra licenzas urbanísticas.

– Actuacións obstrucionistas á execución de sentenzas.

– A acción pública ambiental e o control ambiental do uso do solo: a incidencia do dereito da Unión.

– A anulación do planeamento.

– Panel de expertos: a incidencia da anulación do planeamento nos dereitos e intereses dos cidadáns.

– A nulidade sobrevida de licenzas.

– A responsabilidade patrimonial por anulación do planeamento.

– O réxime de fóra de ordenación.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.

Este curso valorarase con 0,10 puntos a aqueles/as alumnos/as que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento da Administración local, de conformidade co establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 30 de novembro e 1 de decembro.

Horario: mañá e tarde os dous días.

Duración: 20 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 26 de novembro de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública