Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 5 de novembro de 2015 Páx. 42334

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2015 pola que se establece o prazo e se regula o procedemento mediante o cal os beneficiarios da Seguridade Social asignados á área de Povisa poden elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, o 1 de setembro de 2014, un concerto coa entidade Policlínica Vigo, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na súa carteira de servizos, á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente o elixan, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueles outros que a Administración determine do concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto, establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, por resolución, establecerá o prazo e o procedemento para que os beneficiarios da Seguridade Social, que ten a obriga de protexer, poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

A través da Instrución 7/2014 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, do 1 de setembro, estableceuse que o período anual de elección sería entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano de vixencia do concerto citado anteriormente.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio da presente resolución

RESOLVO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e de Vigo asignados a área de Povisa, poderán elixir libremente ao provisor de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada será efectuada pola persoa autorizada ou mediante titor legal, que presentará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento identificativo do/da solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte, que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un titor ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do/da interesado/a.

– Documento acreditativo da tutela legal ou, se é o caso, orixinal da autorización específica do/da interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición.

Terceiro. O prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no primeiro punto da presente resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada, será o comprendido entre o 1 e o 30 de novembro de 2015.

Cuarto. O cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada será efectivo cando o usuario opte libre e voluntariamente pola prestación de asistencia especializada e sexa adscrito polo Servizo Galego de Saúde, sen que existan prazos de carencia para realizar atención sanitaria.

A solicitude así formulada polos beneficiarios levará implícita a súa permanencia ata, como mínimo, a apertura do seguinte periodo anual, en que de novo poderán exercer o seu dereito.

Quinto. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2015

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file