Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 4 de novembro de 2015 Páx. 42201

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se acorda incorporar a área sanitaria de Lugo como ámbito territorial de inscrición nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría de técnico/a superior en radioterapia e se amplía o prazo de inscrición correspondente ao proceso de actualización de 2015.

Por razóns organizativas e asistenciais derivadas da próxima posta en funcionamento das unidades de medicina nuclear e radioterapia do Hospital Lucus Augusti, esta dirección xeral, de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e pola Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVE:

Primeiro. Incorporar a área sanitaria de Lugo como ámbito territorial de inscrición nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría de técnico/a superior en Radioterapia.

Segundo. Co obxecto de garantir a dispoñibilidade de aspirantes nas distintas áreas sanitarias nas listas que se xeneren derivadas do proceso de actualización correspondente a outubro de 2015, acórdase ampliar, con carácter extraordinario, ata o 21 de novembro de 2015, o prazo de inscrición nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría de técnico/a superior en Radioterapia, incluíndo a área sanitaria de Lugo.

A inscrición formalizarase a través de Fides/expedient-e (www.sergas.es) e deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os méritos das persoas aspirantes que se terán en conta serán os causados ata o día 15 de outubro de 2015.

As persoas aspirantes que, antes do 16 de outubro de 2015, tivesen formalizado a súa inscrición nesta categoría e non desexen modificar as súas condicións de participación, non terán que realizar ningunha actuación.

As persoas aspirantes que, antes do 16 de outubro de 2015, tivesen formalizado a súa inscrición nesta categoría e desexen modificar a área sanitaria de inscrición ou calquera outra condición de participación, poderán efectuar esta no prazo indicado a través de Fides/expedient-e (www.sergas.es).

Terceiro. Resultarán de aplicación no proceso de inscrición e elaboración de listas as disposicións reguladoras dos procesos de selección temporal contidas na Resolución do 26 de abril de 2011 (DOG núm. 89, do 9 de maio), Resolución do 12 de setembro de 2013 (DOG núm. 181, do 23 de setembro) e a Resolución do 26 de outubro de 2011 (DOG núm. 207, do 28 de outubro).

Cuarto. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou, potestativamente e con carácter previo, recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos