Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 3 de novembro de 2015 Páx. 42050

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión a Tragsatec, ordenada pola Resolución do 21 de outubro de 2015, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a realización de tarefas de xestión de liquidación de expedientes pendentes do marco 2007-2013 e tarefas de análise de expedientes de instrumentos financeiros xestionados por este instituto.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a dar publicidade á encomenda de xestión a Tragsatec, ordenada por Resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 21 de outubro de 2015, para a realización de tarefas de xestión de liquidación de expedientes pendentes do marco 2007-2013 e tarefas de análise de expedientes de instrumentos financeiros xestionados polo Igape.

1. A actividade obxecto de encomenda é para a realización de tarefas de xestión de liquidación de expedientes pendentes do marco 2007-2013 e tarefas de análise de expedientes de instrumentos financeiros xestionados polo Igape.

2. Tragsatec cumpre cos requisitos establecidos nos artigos 4.1.n) e 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, por disposición expresa do establecido na disposición adicional vixésimo quinta do mesmo texto legal e tendo a consideración de medio propio instrumental das comunidades autónomas e poderes adxudicadores dela dependentes, como é o caso do Igape, e está obrigada a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estas lle encomenden na consecución dos seus obxectivos de interese público, nas materias sinaladas no número 4 da disposición adicional vixésimo quinta do TRLCSP.

A relación de Tragsatec coa Consellería de Economía, Emprego e Industria-Igape ten natureza instrumental e non contractual e é de carácter interno, independente e subordinado, tal como resulta do artigo 2 do Real decreto 1072/2010, do 20 de agosto, polo que se desenvolve o réxime xurídico da Empresa de Transformación Agraria, Sociedade Anónima e das súas filiais.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, na súa condición de órgano competente e promotor das actuacións, exercerá en todo momento o control da execución da encomenda, a cal non supón cesión de titularidade da competencia nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e será responsabilidade do encomendante ditar os actos e resolucións que dean soporte ás tarefas materiais obxecto de encomenda.

Tragsatec actuará no desenvolvemento das actuacións obxecto de encomenda en calidade de entidade colaboradora na xestión de axudas públicas do Igape, ao prestar apoio nas tarefas de xestión de liquidación de expedientes pendentes do marco 2007-2013, e nas tarefas de análise de expedientes de instrumentos financeiros xestionados polo Igape, nos termos regulados nos artigos 9, 12 e concordantes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e sen que esta colaboración se estenda á entrega e distribución de fondos.

3. O prazo de execución dos traballos será:

a) Tarefas de xestión e liquidación de expedientes do marco 2007-2013: desde a data de inicio da execución, que comezará coa data da orde de encarga dos traballos, e ata o 31 de decembro de 2015.

b) Tarefas de análise de expedientes de instrumentos financeiros: desde a data de inicio da execución, que comezará coa data da orde de encarga dos traballos, e ata o 30 de marzo de 2016.

Poderá prorrogarse por igual período en caso de persistencia da necesidade da encomenda.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2015

P.A.
Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral do Instituto Galego de Promoción Económica