Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 3 de novembro de 2015 Páx. 42052

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do día 30 de xullo de 2015, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar o Programa de préstamos do Igape para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), facultando o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do Programa de préstamos do Igape para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), e convocar os devanditos préstamos, que non terán a consideración de axuda de estado, en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte; e rematará o 31 de maio de 2016 ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.

Terceiro. Dotación orzamentaria.

Establécese unha liña de préstamos directos do Igape por importe máximo de 23.000.000 €. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 08.A1.741A.8310 e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Ano

Importe

2015

14.500.000,00 €

2016

8.500.000,00 €

Total

23.000.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Programa de préstamos do Igape para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI)

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

O Banco Europeo de Investimentos (BEI), establecido polo Tratado de Roma e creado en 1958, é a institución financeira da Unión Europea, e contribúe á integración europea e ao desenvolvemento económico das rexións desfavorecidas. Entre outras actividades, o BEI financia a realización de investimentos de pequenas e medianas empresas (pemes) en industria, turismo, servizos, investigación e desenvolvemento, promoción da innovación e da sociedade da información, así como proxectos dirixidos ao aforro enerxético e á protección do ambiente.

Por razóns de orde práctica, o BEI non pode financiar directamente proxectos de investimento pequenos ou medianos no marco dos préstamos individuais. Por iso estableceu, coa intermediación de entidades colaboradoras, o sistema de préstamo ou financiamento global, que permite ao BEI ofrecer o seu apoio a proxectos de menor dimensión.

Enmarcado no sistema de préstamos globais, o día 1 de xuño de 2007, o Igape como entidade colaboradora do BEI, asinou un contrato de financiamento co BEI, polo que puxo á disposición das empresas galegas un importe global de 30 millóns de euros. Posteriormente o 30 de xaneiro de 2009 ambas as dúas partes asinan un novo contrato polo cal se poñen á disposición 200 millóns de euros adicionais. Ata a data, foron desembolsados 65 millóns de euros e para o desembolso dos restantes 135 millóns asinouse, con data do 27 de xullo de 2015, unha novación pola cal o Igape pode dispoñer desta cantidade para conceder préstamos a empresas galegas.

Ao obxecto de complementar os instrumentos de financiamento público actualmente existentes no mercado, o Igape pon á disposición das empresas galegas estes recursos en dúas modalidades diferenciadas: préstamos Igape-BEI-Circulante e préstamos Igape-BEI-Investimento. Con eles, baixo a súa responsabilidade, prestará os fondos debidamente fraccionados, para proxectos que cumpran os criterios de selección do BEI, xestionará directamente os eventuais préstamos, analizando e valorando os proxectos, seleccionando aqueles que se vaian financiar e asumindo o risco destas operacións.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza, con data do 30 de xullo de 2015, tomou o acordo de aprobar un programa de préstamos destinado a financiar proxectos de acordo cos seguintes artigos:

Artigo 1. Modalidades

O Igape poderá conceder préstamos para financiar actividades empresariais en dúas modalidades:

A) Préstamos Igape-BEI-Circulante, destinados a proporcionar un fondo de manobra estable, que permita ás empresas galegas, industriais ou exportadoras, fortalecer a súa estrutura financeira para desenvolver plans de crecemento.

B) Préstamos Igape-BEI-Investimento, destinados a financiar proxectos de investimento en Galicia, fundamentalmente do sector industrial e estratexicamente relevantes.

Artigo 2. Prestameiros

2.1. Definicións.

Exclusivamente para os efectos dos préstamos regulados nestas bases, defínense os seguintes conceptos:

I. Peme: aquelas empresas nas cales o seu número de empregados en nómina a tempo completo non sexa superior a 250.

II. Peme independente: aquelas que:

a) Non teñan máis do 25 % do seu capital en mans dunha ou varias sociedades.

b) Se o 25 % ou máis do seu capital pertence a outra/s empresa/s, sempre que o número total de empregados do grupo consolidado sexa inferior a 250 persoas.

c) Se 25 % ou más do seu capital pertence a un ente local, sempre que este teña menos de 5.000 habitantes e un orzamento anual inferior a 10 millóns de euros.

d) Se o 25 % ou máis do seu capital pertence a empresas ou institucións que se adecúen ás excepcións recollidas no punto 2 do artigo 3º da Recomendación da Comisión 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003, é dicir: sociedades de capital-risco ou grupos de persoas físicas que practican unha actividade regular de investimento en capital-risco (investidores providenciais ou business angels) sempre que o seu investimento total nunha mesma empresa non sexa superior a 1.250.000 euros; universidades ou centros de investigación sen fin de lucro; e investidores institucionais incluíndo, entre outros, os fondos de desenvolvemento rexional.

III. Peme dependente: aquela peme que non cumpra os criterios de independencia recollidos no punto anterior.

2.2. Prestameiros.

2.2.1. Poderán ser prestameiros:

a) As sociedades mercantís que poidan ser consideradas peme independente conforme o artigo 2.1 das presentes bases.

b) As sociedades mercantís que poidan ser consideradas peme dependente conforme o artigo 2.1 das presentes bases, dentro da limitación de contía de préstamos para este tipo de prestameiros establecida nos contratos de financiamento asinados entre o Igape e o BEI.

c) Para o programa de préstamos Igape-BEI-Investimento, poderán ser prestameiros empresas que non cumpran a definición de peme, sempre que pertenzan ao sector do automóbil. Neste caso as devanditas operacións de préstamo terán que ser previa e formalmente autorizadas polo BEI.

d) Para o programa de préstamos Igape-BEI-Circulante, as empresas deberán ter o seu domicilio social e fiscal en Galicia. Para o programa Igape-BEI-Investimento, a prestameira deberá ter ou crear cando menos un centro de traballo en Galicia, debendo estar situados os investimentos en Galicia.

2.2.2. As sociedades holding financeiras ou as sociedades de leasing non poderán recibir financiamento mediante os préstamos regulados nestas bases.

2.2.3. Non poderán ter a condición de prestameiros as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño): «Solicitar a declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, estar suxeitos á intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso».

Artigo 3. Conceptos de gasto e proxectos financiables

3.1. Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá no acordo de concesión individual correspondente os investimentos e gastos financiables ata o termo do prazo de execución do proxecto.

3.2. Os bens de investimento obxecto de financiamento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3.3. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

3.4. Segundo a modalidade do préstamo, as actuacións que se van financiar deberán responder aos seguintes criterios de elixibilidade:

A) Os préstamos Igape-BEI-Circulante destinaranse a financiar o capital circulante estrutural necesario para o crecemento do negocio. Os fondos do préstamo serán aplicados ao pagamento de provedores por aprovisionamento de mercadorías, acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións, gastos de persoal, impostos e tributos, gastos financeiros asociados á operativa, e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

B) Os préstamos Igape-BEI-Investimento financiarán novos investimentos e/ou intervencións de ampliación ou mellora de instalacións existentes que se realizarán na Comunidade Autónoma de Galicia. Considerarase investimento financiable:

– A adquisición de activos produtivos materiais. O financiamento da compra de terreos quedará excluído a non ser que por motivos técnicos resulte de todo punto indispensable para o investimento, nese caso o custo do investimento, logo de dedución dos custos de adquisición de terreos e doutros custos non admisibles, sempre debe ser superior ao importe do financiamento do BEI. O financiamento da compra de terreos agrícolas está totalmente excluído.

– Activos intanxibles: aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licenzas de fabricación e patentes. Para ser considerados financiables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:

1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.

2) consideraranse activos amortizables.

3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado.

4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

– A creación de redes de distribución nos mercados nacionais ou outros dentro da UE (adquisición de activos ou marcas, custos de explotación e custos de persoal).

– Aumento con carácter permanente do capital circulante necesario para o crecemento do negocio. Entenderase como capital circulante o valor das existencias (materias primas, produto en curso e produto rematado) máis o saldo resultante da diferenza entre as contas de clientes e provedores.

3.5. Non serán financiables aqueles proxectos que poidan ser susceptibles de apoio ao abeiro doutros instrumentos financeiros xestionados polo Igape na modalidade de préstamos directos. En particular, serán excluídos aqueles proxectos que poidan ser financiados cos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (Resolución do 3 de xuño de 2014, DOG nº 108, do 9 de xuño), ou outros programas similares que sexan habilitados no marco do programa operativo Feder 2014-2020.

Artigo 4. Sectores económicos financiables

4.1. Para os préstamos da modalidade Igape-BEI-Circulante, poderán ser beneficiarias aquelas empresas que desenvolvan actividades industriais encadrados nas seccións B e C da Clasificación Nacional de Actividades Económicas CNAE-2009, así como aqueloutras actividades cuxo ámbito xeográfico de actuación inclúa mercados exteriores.

4.2. En todo caso, estarán excluídas aquelas empresas que desenvolvan algunha das seguintes actividades:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.

e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Artigo 5. Importe do financiamento

5.1. Contía máxima dos préstamos Igape-BEI-Circulante.

O importe mínimo dos préstamos que se poderán solicitar ao Igape baixo esta modalidade é de 150.000 € e o máximo de 500.000 €. Dentro dos devanditos límites, o importe máximo que o Igape poderá conceder será o 25 % da suma dos aprovisionamentos e gastos de persoal, co límite máximo da porcentaxe do 50% dos fondos propios, segundo as contas anuais do último exercicio.

Para aquelas empresas cunha antigüidade inferior a 42 meses, cuxos estados financeiros do exercicio non sexan representativos das necesidades de fondo de manobra, o Igape poderá determinar o importe máximo do préstamo con base no incremento de fondo de manobra estrutural financiable mediante outro criterio alternativo. Para iso, a solicitante deberá achegar un estudo sustentado das necesidades de incremento do seu fondo de manobra seguindo unha metodoloxía analítica, sobre a base dunha previsión de actividades e do ciclo de explotación da empresa, detallando custos, marxes e períodos medios de pagamento a provedores, almacenamento, fabricación, venda e cobramento.

5.2. Contía máxima dos préstamos Igape-BEI-Investimento e dimensión dos proxectos financiables.

Baixo esta modalidade, poderanse financiar proxectos cuxo investimento financiable estea comprendido entre 150.000 € e 25.000.000 €. O importe do préstamo non superará en ningún caso o 50 % do investimento financiable.

5.3. Contía dos préstamos a conceder polo Igape.

O importe do préstamo que o Igape conceda poderá ser inferior ao solicitado e aos límites máximos anteriormente sinalados, se como resultado da análise técnica do proxecto, do investimento elixible, das necesidades financeiras, da avaliación da capacidade de reembolso, da análise dos riscos vinculados á operación, das garantías ofrecidas, necesidade de reforzar os fondos propios ou da capacidade de acceso a financiamento alternativo, se considera xustificado conceder unha contía inferior.

Artigo 6. Tipo de xuro

O tipo de xuro determinarase de acordo coa seguinte norma:

1. Tipo de referencia: para o ano 2015 o tipo de referencia será de 0,187 puntos porcentuais.

Nos anos sucesivos determinarase anualmente sobre a base da media do euríbor a un ano rexistrado nos meses de setembro, outubro e novembro do exercicio anterior. O tipo fixado deste modo entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de cada ano.

Ao longo do ano, revisarase o tipo de referencia cando se produza unha variación significativa do euríbor. Para ter en conta variacións significativas ao longo do ano, farase unha actualización cada vez que o euríbor medio calculado sobre os tres meses anteriores se desvíe máis dun 10 % do tipo en vigor. Este novo tipo será, se é o caso, obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e entrará en vigor no primeiro día do segundo mes seguinte aos meses utilizados para o cálculo.

2. Tipo adicional: determinarase en función da cualificación crediticia da empresa beneficiaria no momento da concesión, e do nivel de garantías ofrecidas ao Igape, conforme a metodoloxía e termos da Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C14/02 (DOCE do 19 de xaneiro), para que o préstamo estea exento de axuda de Estado. Desta forma, o tipo adicional oscilará entre o 0,6 % e o 4,00 % conforme a seguinte táboa:

Puntuación da garantía

Cualificación do risco

Alta

Normal

Baixa

Excelente

0,60 %

0,75 %

1,00 %

Boa

0,75 %

1,00 %

2,20 %

Satisfactoria

1,00 %

2,20 %

4,00 %

Onde a cualificación de risco e a puntuación das garantías serán determinadas conforme os criterios establecidos no artigo 12.2.

3. A remuneración de xuros será por días naturais, base 360, con liquidacións trimestrais, que comezarán a computarse a partir do primeiro día inmediato posterior á data de disposición. Non obstante, o primeiro período de liquidación será irregular e igual ou inferior aos tres meses polos días que transcorran desde a data da disposición ata o último día do trimestre en que se realizou a disposición.

4. Xuros de demora: en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro de referencia do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

Os importes vencidos e non satisfeitos capitalizaranse como aumento de capital debido e reportarán, pola súa vez, novos réditos ao tipo de xuro moratorio que resulte segundo o parágrafo anterior.

Os xuros moratorios percibiranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.

Artigo 7. Amortización e carencia dos préstamos

7.1. Amortización ordinaria.

1. Os préstamos que conceda o Igape na modalidade Igape-BEI-Circulante terán un prazo de amortización máximo de 5 anos, podendo incluír un período de carencia máximo de 1 ano.

2. Nos préstamos Igape-BEI-Investimento o prazo máximo para a súa amortización será de 12 anos, sen que poidan superar a vida económica e técnica dos bens financiados. Poderán incluír un período de carencia adaptado ás características do proxecto.

3. En ambas as dúas modalidades o prazo mínimo de amortización será de 24 meses.

4. Con carácter xeral, unha vez finalizado o período de carencia, o préstamo será amortizado mediante cotas trimestrais iguais. Poderán establecerse cotas de amortización crecentes para adaptar o calendario de amortización á capacidade de reembolso da prestameira, cando polas características do proxecto así se xustifique na solicitude.

7.2. Amortización anticipada voluntaria.

A prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial do préstamo, mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles. A amortización total anticipada do préstamo, antes de transcorrer 24 meses desde a formalización do préstamo, levará consigo unha comisión do 6 % sobre o préstamo inicial. Calquera outra amortización total ou parcial non supoñerá a remuneración de ningunha comisión.

7.3. Amortización anticipada obrigatoria por incumprimento do préstamo.

1. No caso de producirse o incumprimento das condicións do contrato de préstamo, o Igape poderá dalo por vencido, e as prestameiras terán a obriga de reembolso do capital vivo, os xuros ordinarios e de demora, se é o caso, percibidos.

2. No caso de incumprimentos relativos á xustificación do préstamo:

A. Pola parte proporcional daquelas cantidades que resultasen indebidamente dispostas respecto ao principal inicial, percibirase unha amortización anticipada obrigatoria.

B. A beneficiaria deberá aboar xuros calculados ao tipo legal de demora desde o momento da disposición indebida do préstamo ata a data da amortización anticipada obrigatoria. Aos devanditos xuros de demora restaranse os xuros ordinarios que efectivamente aboase por devanditas cantidades.

C. Se o grao de incumprimento supera o 50 % do disposto, supoñerá a cancelación total do préstamo, coa conseguinte remuneración de xuros desde a disposición.

Artigo 8. Garantías

O Igape tomará as garantías adecuadas segundo as características de cada operación. Se, como consecuencia do seguimento e control que se efectúe durante a vixencia da operación, fose notoria a diminución de solvencia da prestameira, procuraranse as accións precisas para reforzar a eventual obriga de reembolso.

Artigo 9. Consideración de axuda de estado

Os préstamos que o Igape conceda ao abeiro destas bases reguladoras non terán a consideración de axuda de Estado. Para tal efecto percibirán xuros adaptados á cualificación de risco e garantías, determinados conforme a Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).

Artigo 10. Dereito privado

Os contratos mediante os cales se formalicen as operacións someteranse ao dereito privado, aínda cando a débeda a favor do Igape por razón destes préstamos terá a cualificación de crédito de dereito público.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

11.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

11.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

11.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia na que foron presentados ou, se é o caso, emitido, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

11.4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

11.5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas prestameiras e o importe dos préstamos concedidos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas prestameiras e a referida publicidade.

Artigo 12. Tramitación

12.1. Presentación de solicitudes.

12.1.1. Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Ao citado formulario anexaranse os seguintes documentos electrónicos:

a) Informe da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

b) Memoria en formato PDF, co seguinte contido mínimo:

1. Antecedentes da entidade:

– Capacidade técnica e tecnolóxica: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, patentes I+D+i, certificacións de calidade e ambientais.

– Capacidade comercial da entidade: canles de comercialización, mercados, grao de internacionalización, exportacións.

– Capacidade económica da entidade: principais activos e aspectos máis significativos dos estados financeiros.

2. O mercado:

– Tamaño, características, competencia, etc.

– Análise comercial do produto (cota de mercado e comparación fronte á competencia).

3. Para préstamos da modalidade Igape-BEI-Circulante:

– Xustificación da necesidade de incremento de capital circulante: previsións de crecemento e necesidades de financiamento.

– Descrición do proceso de actividade da empresa, especificando períodos de entrega de materiais, períodos de almacenamento de materias primas, períodos de transformación, períodos de venda.

– Descrición dos principais provedores e clientes, especificando volumes e condicións de pagamento.

– Detalle das operacións financeiras das que a empresa é beneficiaria, especificando as súas condicións e vencementos.

– Análise económica (previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).

4. Para préstamos da modalidade Igape-BEI-Investimento:

– Orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto á entidade).

– Descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.).

– Necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).

– Necesidades de medios materiais (descrición dos materiais adquiridos e utilizados).

– Necesidades de persoal asociadas ao proxecto.

– Subcontratacións externas (axentes colaboradores, alcance e fases da colaboración).

– Análise económica do proxecto (previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).

5. Declaración doutros préstamos obtidos a cargo dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa situación.

12.1.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47, ou os que, en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá acceder á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, en caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de préstamo. Este IDE estará composto de 40 carácteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado «SHA-1 160 bits» a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

12.1.3. A solicitude de préstamo presentarase mediante o formulario normalizado que se obterá de modo obrigatorio da citada aplicación informática e que se achega como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 carácteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A solicitude que careza de IDE ou na cal este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non será tramitada, concedéndolle ao solicitante un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución de arquivo.

12.1.4. Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) NIF da empresa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

c) Contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechados.

d) Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

e) Declaración anual de IVE correspondente ao último exercicio.

f) Documentación administrativa da empresa (escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente).

g) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas.

h) Acreditación de actividade financiable (IAE, só no caso de non autorizar a súa consulta ao Igape, ou compromiso de alta modelo 036).

i) Garantías ofrecidas: en caso de garantías hipotecarias, taxación emitida por sociedade homologada polo Banco de España dos bens ofrecidos. Nota simple do rexistro da propiedade. En caso de garantías persoais: copia de declaración de IRPF e patrimonio dos avalistas, relación dos seus bens patrimoniais e débedas. En caso de avais bancarios ou de SGR: comunicación da entidade financeira do aval que está en disposición de conceder, indicando as súas características, contragarantías e demais condicións.

j) Para préstamos da modalidade Igape-BEI-Investimento, acreditamento da capacidade de financiamento da parte do proxecto non cuberto co préstamo solicitado, que deberá considerar ademais a totalidade dos impostos indirectos que graven as adquisicións de bens previstas. Este acreditamento poderá consistir nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

Adicionalmente o Igape poderá requirir calquera documentación ou aclaración que considere oportuna para os efectos da correcta análise da solicitude.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se encontre en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e identifíquese no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou, no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

12.1.5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 12.1.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lles poderán ser requiridos polo Igape.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 12.1.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos devanditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. En caso de que un documento PDF ocupe máis do devandito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de modo que, coa súa sinatura, sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. En caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá terse escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indicase no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción electrónico). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

12.1.6. Os solicitantes poderán obter, en todo momento, un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para iso a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das devanditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12.1.7. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións esixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, despois da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 11.4 destas bases resulta que o solicitante non se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

12.2. Avaliación. Comité de investimentos.

12.2.1. Logo de informe dos servizos técnicos do Igape, as solicitudes serán avaliadas por un Comité de Investimentos designado polo director xeral do Igape. O devandito comité estará formado por tres representantes do Igape, un dos cales actuará como presidente/a e outro como secretario/a, dous representantes de Xesgalicia, un representante da consellería sectorial correspondente. Este comité poderá solicitar a presenza como asesor/a doutro persoal de calquera Administración pública, que non participará nas votacións.

12.2.2. As solicitudes serán avaliadas tendo en conta a cualificación de risco, as garantías e os factores de interese xeral, de acordo aos seguintes criterios:

a) Cualificación do risco.

A cualificación de risco será o resultado de valorar os factores de risco relacionados na seguinte táboa:

Rango de valores

Limiar mínima

Experiencia previa e traxectoria empresa/promotores

Antecedentes empresa/promotores en Igape

Calidade da xestión operativa

Capacitación técnica xeral

Risco de produto

Risco de mercado

Capacidade financeira

Risco por complejidade técnica

Viabilidade económica e financeira da actuación

0-15

0-2

0-10

0-15

0-9

0-9

0-20

0-5

0-15

0

1

0

5

3

3

5

1

5

Factores atenuantes do risco

Cualificación do risco

0-100

50

1. Asignarase unha puntuación a cada criterio de avaliación no rango de valores indicado.

2. A puntuación asignada a cada criterio de avaliación contribuirá á cualificación total do risco, que no seu conxunto estará normalizada entre 0 e 100 puntos.

3. O incumprimento dalgún dos limiares mínimos indicados levará consigo unha puntuación total de cero puntos, e supoñerá a denegación da solicitude presentada.

4. A puntuación total obtida polo proxecto ou actuación deberá alcanzar polo menos o valor de 50 puntos. Toda puntuación inferior a este mínimo supoñerá a desestimación da solicitude presentada.

5. A puntuación do risco así obtida, dará lugar a unha clasificación en tres categorías, conforme a seguinte táboa:

Cualificación do risco

Puntuación

Excelente

86-100

Boa

66-85

Satisfactoria

50-65

b) Cualificación das garantías.

O nivel de garantías ofrecidas valorarase sobre a base dunha estimación da porcentaxe de perda en caso de non pagamento, conforme a seguinte táboa:

Puntuación da garantía

Perda en caso de non pagamento

Alta

<30 %

Normal

Entre 30 % e 60 %

Baixa

>60 %

A perda en caso de non pagamento será estimada conforme os seguintes criterios:

1. Cando as garantías consistan en hipotecas sobre inmobles: considerarase o valor segundo taxación por sociedade homologada polo Banco de España.

2. Cando as garantías consistan en hipotecas sobre bens mobles: considerarase o valor de taxación segundo informe pericial independente.

3. Cando as garantías consistan en avais bancarios, de sociedade de garantía recíproca ou peñoramento activos financeiros ou dereitos de crédito, considerarase o seu valor nominal.

4. Cando as garantías consistan en avais persoais ou unicamente as societarias, considerarase que a perda en caso de non pagamento supera o 60 %, salvo que conste acreditado no expediente un valor patrimonial que razoablemente poida sustentar unha perda menor.

c) Factores de interese xeral.

Será o resultado de valorar os factores relacionados na seguinte táboa, para a correspondente modalidade de préstamo:

Igape-BEI-Circulante

Rango de valores

Limiar mínimo

Carácter exportador

Carácter industrial da actividade

Aproveitamento recursos endóxenos

Provedores locais

Emprego vinculado

0-40

0-40

0-5

0-5

0-10

Total

0-100

50

Igape-BEI-Investimento

Rango de valores

Limiar mínimo

Xeración de novos produtos coa actuación

Potenciación da exportación coa actuación

Incremento de produtividade consecuencia de actuación

Grao tecnolóxico da actuación

Creación de emprego prevista

Aproveitamento recursos endóxenos

Provedores locais

0-10

0-10

0-50

0-5

0-10

0-5

0-10

10

Total

0-100

50

1. Asignarase unha puntuación a cada criterio de avaliación no rango de valores indicado.

2. A puntuación asignada a cada criterio de avaliación contribuirá á cualificación total do risco que, no seu conxunto, estará normalizada entre 0 e 100 puntos.

3. O incumprimento dalgún dos albores mínimos indicados levará consigo unha puntuación total de cero puntos, e supoñerá a denegación da solicitude presentada.

4. A puntuación total obtida polo proxecto ou actuación deberá alcanzar polo menos o valor de 50 puntos. Toda puntuación inferior a este mínimo supoñerá a desestimación da solicitude presentada.

12.3. Resolución.

Unha vez avaliada a solicitude, será competente para resolver a súa concesión ou denegación o Consello de Dirección do Igape, por proposta do seu director xeral.

No acordo de concesión de préstamo farase constar, entre outros datos, o importe do investimento financiable, o importe do préstamo, o tipo de xuro, o seu prazo de vixencia e carencia, a descrición das garantías a constituír a favor do Igape, así como outras obrigas e compromisos que se poidan requirir á prestameira.

No acordo denegatorio do préstamo farase constar o motivo da denegación e as vías de recurso ante os xulgados de Santiago de Compostela da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da notificación da resolución e potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde a citada data.

As solicitudes de préstamo resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento da convocatoria.

Artigo 13. Notificación

O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses, a partir da data de presentación completa da solicitude no Igape, transcorrido o cal o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Artigo 14. Formalización

As empresas prestameiras terán un prazo de 4 meses desde a notificación da aprobación da operación para instar a súa formalización, transcorrido o cal decaerá a concesión e arquivarase o expediente, salvo xustificación de razóns que motiven a concesión dunha prórroga do devandito prazo.

Será por conta da prestameira os gastos asociados á formalización da operación e inscrición de garantías constituídas (notario, rexistrador), así como o custo de liquidación de todos os tributos que a devandita operación perciba.

Artigo 15. Disposición

15.1. O prazo máximo para dispoñer do préstamo será de 1 ano desde a súa formalización. En todo caso, este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo.

15.2. Para o desembolso do préstamo, admitirase un máximo de 4 disposicións.

15.3. O desembolso do préstamo realizarase por solicitude da prestameira. A solicitude de desembolso conforme o modelo do anexo II, presentarase ante os servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15.4. Con carácter previo ao desembolso da primeira disposición dos fondos, a prestameira deberá presentar ao Igape primeira copia da escritura ou póliza de préstamo debidamente liquidada, sendo requisito para esta que as garantías que, se é o caso, se consideren no acordo de concesión se atopen debidamente inscritas nos rexistros que correspondan no rango establecido neste.

15.5. Así mesmo, con carácter previo ao desembolso de calquera disposición, a prestameira deberá acreditar que se atopa ao corrente do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outro préstamo concedido anteriormente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma. A dita situación acreditarase mediante certificación do órgano concedente. No caso de que o concedente non fose unha Administración e cando non se poida acreditar doutro xeito, será válida a declaración responsable da prestameira asinada por persoa con poder suficiente.

15.6. A prestameira abrirá unha conta corrente específica nunha entidade de crédito, na cal se aboarán as disposicións e se cargarán exclusivamente as utilizacións do préstamo para as finalidades consideradas no acordo de concesión.

15.7. Nos préstamos Igape-BEI-Circulante, os fondos serán desembolsados nun máximo de 4 disposicións na conta corrente específica, na cal se poderán cargar:

a) Pagamentos a provedores, mediante transferencia ou pagamento de efectos.

b) Pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións.

c) Pagamentos de nóminas e seguros sociais.

d) Pagamentos de impostos e tributos.

e) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica.

f) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

Nun prazo máximo de 30 días desde a data da disposición, a beneficiaria deberá presentar ao Igape extracto certificado pola entidade financeira, xunto á documentación orixinal ou copia compulsada que acredite a aplicación dos fondos ás finalidades antes descritas (facturas, relación de nóminas, cartas de pagamento de impostos e Seguridade Social, etc.).

O préstamo non poderá ser destinado a refinanciar débedas bancarias ou atender vencementos de préstamos, cotas de leasing ou outras operacións financeiras. En ningún caso se realizarán disposicións de efectivo, cheques ao portador ou transferencias a outras contas da empresa, aínda que posteriormente se apliquen ás finalidades previstas.

15.8. En préstamos da modalidade Igape-BEI-Investimento os fondos serán desembolsados nun máximo de 4 disposicións. Será necesario acreditar previamente a existencia de débeda cos provedores dos bens que se van financiar, mediante orixinal ou copia cotexada de facturas, contratos, facturas pro-forma ou orzamentos debidamente aceptados.

En proxectos xa iniciados, e sempre para a segunda e posteriores disposicións, será necesario acreditar documentalmente a realización e o pagamento dos investimentos executados, mediante copia cotexada de facturas, xustificantes de pagamento e extractos bancarios.

Con carácter xeral, a parte do proxecto financiado con fondos propios ou outros fondos alleos será executada e pagada con anterioridade á utilización do préstamo ou simultáneamente. En caso de pagamento simultáneo, a prestameira deberá acreditar, mediante certificación bancaria, a dispoñibilidade líquida para o pagamento da parte non financiada para o préstamo e a totalidade do IVE ou impostos indirectos que graven a adquisición.

Nun prazo máximo de 3 meses desde a data da disposición, a beneficiaria deberá presentar ao Igape extracto certificado pola entidade financeira, xunto coa documentación orixinal ou copia compulsada que acredite a aplicación dos fondos ás finalidades previstas.

15.9. O acordo de concesión do préstamo poderá establecer requisitos adicionais a que deberá cumprir a prestameira con carácter previo á disposición do préstamo.

Artigo 16. Período de execución do proxecto

Nos préstamos Igape-BEI-Investimento o período de execución do proxecto iniciarase na data en que o titular presente a solicitude de préstamo, e finalizará na data indicada no acordo de concesión. Todos os xustificantes da realización e pagamento dos investimentos deberán estar datados nese período, así como calquera outra condición establecida no acordo de concesión, salvo que expresamente se estableza outro prazo.

Artigo 17. Obrigas dos prestameiros

Son obrigas dos prestameiros:

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión do préstamo no prazo establecido no acordo de concesión e manter os investimentos durante 3 anos desde a finalización do prazo de execución.

Na súa virtude, o préstamo concedido só será definitivo se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, ao cesamento da actividade. O préstamo está condicionado ao respecto desas condicións e será obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións do préstamo, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute do préstamo.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, o Banco Europeo de Investimentos, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión do préstamo.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos conceptos financiables durante, polo menos, un período dun ano desde a amortización total do préstamo, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) No caso de non poder realizar o proxecto para o que se concedeu o préstamo, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

Artigo 18. Xustificación

18.1. A aplicación do préstamo ao pagamento dos investimentos acreditarase documentalmente ante o Igape nun prazo máximo de 4 meses desde a data da disposición.

18.2. A realización dos investimentos do proxecto que se vaia financiar coas restantes fontes acreditarase documentalmente no período máximo establecido individualmente para cada proxecto no acordo de concesión, en función do cronograma de execución que se considerase.

18.3. A acreditación documental consistirá na presentación, en orixinal ou copia cotexada:

a) Das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) Da documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

a. Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como, se é o caso, o seu cargo en conta mediante extractos bancarios. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo da entidade financeira, ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

b. Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a súa data.

c. Informe de auditor de contas inscrito como exercinte no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos investimentos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como financiables no expediente.

– No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase achegar unha relación destas, asinada polo representante legal.

– No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

– As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación achegada ou, se é o caso, informes doutras entidades públicas.

18.4. Nos casos en que a xustificación documental resulte insuficiente ou excesivamente complexa para acreditar o importe e a realización de determinados gastos, o Igape poderá solicitar que se presente informe de auditoría independente.

18.5. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de préstamo poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supoñer a modificación ou revogación da concesión e a obriga de reintegrar anticipadamente o préstamo cos seus xuros.

18.6. Cando o beneficiario do préstamo poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión deste que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle.

Artigo 19. Modificacións do proxecto

19.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da operación poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

19.2. A prestameira queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedido o préstamo. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión.

19.3. O Consello de Dirección do Igape poderá acordar a modificación da concesión por instancia da prestameira, nos seguintes supostos:

– Modificacións na contía do investimento financiable, sempre que se manteña nos límites previstos nestas bases, e non se superen as porcentaxes máximas de financiamento con cargo ao préstamo concedido.

– Modificación dos conceptos de investimento que se vaia financiar.

– Modificación do plan de financiamento previsto.

– Modificación das garantías constituídas a favor do Igape.

– Cambios de titularidade, operacións de transformación societaria, fusión ou escisión: cando o novo titular cumpra cada un dos requisitos destas bases e non supoña un menoscabo da solvencia da parte prestameira ou avalistas.

– Prórroga do prazo de formalización, sempre que conste xustificado o motivo do retraso.

Para iso deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da operación.

19.4. O acto polo cal se acorde a modificación do acordo será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderá prescindirse deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

19.5. O Igape poderá rectificar de oficio o acordo cando dos elementos que figuren neste se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos expedientes, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado “Beneficiarios-Terceiros”, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape. Quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 21. Disposición derradeira

En todo o non establecido expresamente nestas cláusulas será de aplicación o establecido no Decreto 133/2002, do 11 de abril, de regulación da concesión de préstamos polo Igape, e as súas modificacións.

missing image file
missing image file
missing image file