Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 22 de outubro de 2015 Páx. 40985

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Xermade

ANUNCIO de información pública da aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal deste concello.

Aprobado inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Xermade polo Pleno do día 28 de setembro de 2015, conforme o artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, sométese a información pública por un prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio neste diario oficial.

Durante ese prazo, calquera interesado poderá examinalo nas dependencias municipais, en horario de atención ao público, de luns a venres, das 8.30 ás 14.30 horas, para formular as alegacións que se consideren pertinentes ou obter copias.

O Pleno do Concello, por maioría absoluta, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Que se aprobe inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal nos termos que constan no expediente.

Segundo. Que, segundo o artigo 85.2 da Lei 9/2002, se abra un período de información pública durante dous meses, mediante un anuncio no taboleiro de edictos do Concello, no Diario Oficial de Galicia e, ademais, nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso. Durante ese período quedará o expediente, con todos os documentos que integran o plan xeral, incluído o estudo ambiental estratéxico, á disposición de calquera persoa que queira examinalo para poder presentar as alegacións que se consideren pertinentes.

Terceiro. Que se suspenda o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

A duración máxima da suspensión, segundo o artigo 77 da Lei 9/2002 é de dous anos contados desde a data de aprobación inicial. En calquera caso extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

As ditas áreas afectadas pola suspensión son as relacionadas na seguinte:

Proposta de suspensión de licenzas.

En solo rústico.

Naqueles ámbitos en que, superpostas as clasificacións das distintas categorías de solo rústico de dous plans, coincidan, poderán outorgarse licenzas, de acordo cos usos que establece a LOUG e cos preceptivos informes sectoriais, se fose o caso. Cando as categorías de solo rústico nunha mesma parcela non coincidan, poderán outorgarse licenzas para aquelas actividades ou edificacións que sexan compatibles cos usos permitidos para cada unha delas e cos parámetros máis restritivos.

En solo de núcleo rural.

Superpostas as delimitacións dos núcleos rurais dos dous plans, naqueles ámbitos dos 25 núcleos delimitados no vixente PXOM nos cales coincida esta clase de solo poderán outorgarse licenzas, sempre cos parámetros máis restritivos de ambas as normativas, é dicir, a parcela mínima será a maior das establecidas e a fronte mínima será igualmente a maior. Nos demais núcleos rurais delimitados no documento que se aprobe inicialmente non poderán concederse licenzas de obra nova.

En solo urbano.

O núcleo de Xermade está clasificado como núcleo rural no vixente PXOM e clasifícase como solo urbano no plan en tramitación. Poderán concederse licenzas naqueles soares nos cales os parámetros das ordenanzas sexan compatibles e, en todo caso, coa compatibilidade de usos derivadas da súa clasificación como solo urbano.

En solo urbanizable.

O PXOM clasifica dous sectores de solo urbanizable non delimitado de uso industrial. Para estes ámbitos, en canto non se execute o correspondente planeamento de desenvolvemento, non se concederá ningunha licenza de construción. Serán compatibles unicamente os usos correspondentes á categoría de solo rústico de protección agropecuaria.

• As obras de conservación non se verán afectadas en ningún caso nin en ningunha clase de solo pola suspensión de licenzas.

• Atenderase ao establecido na disposición transitoria décimo primeira no referente ás explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria e serradoiros existentes, polo que nas construcións e instalacións que cumpran os requisitos referidos no citado artigo non se aplicará o réxime de suspensión de licenzas. Polo tanto, as actuacións levadas a cabo nas explotacións agropecuarias ao abeiro da dita disposición, en solo rústico e de núcleo rural, non se verán afectadas pola suspensión.

Cuarto. Que se lles dea audiencia aos municipios limítrofes e que se someta o plan ás consultas das administracións públicas afectadas e das persoas interesadas que fosen previamente consultadas, de acordo co artigo 19 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Quinto. Que se lles soliciten ás administracións públicas competentes os informes previstos pola lexislación sectorial do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xermade, 29 de setembro de 2015

Roberto García Pernas
Alcalde