Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 22 de outubro de 2015 Páx. 40927

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de outubro de 2015 pola que se modifica a Orde do 29 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2015.

A través da Orde do 29 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia convocáronse as ditas axudas para o exercicio 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 108, do 10 de xuño.

O artigo 6, Remate da xustificación das accións, e o artigo 14, Xustificación do pagamento, así como o anexo VIII da dita orde, establecían como data límite para a realización e xustificación das accións levadas a cabo ao abeiro da dita orde o 31 de outubro de 2015.

Debido ao atraso na publicación e posterior tramitación administrativa da orde de convocatoria, co fin de que as organizacións beneficiarias das ditas axudas dispoñan de tempo suficiente para levar a cabo e xustificar o cumprimento do obxecto da subvención, amplíase este prazo ata o 10 de novembro de 2015.

Polo antedito, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do prazo de remate e xustificación

Establécese como data límite para o remate e a presentación da xustificación das accións realizadas o 10 de novembro de 2015.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria