Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 9 de outubro de 2015 Páx. 39603

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica no concello de Dodro (expediente IN407A 2014/035-1).

Expediente: IN407A 2014/035-1.

Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: LMTA, CTI e RBTA A Devesa e anexo 1.

Concello: Dodro.

Feitos.

1. O 18 de marzo de 2014 o promotor solicitou a autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica indicada.

2. Por Resolución do 22 de abril de 2014 someteuse ao trámite de información pública.

3. Por Resolución do 22 de xullo de 2014 concedeuse a autorización administrativa previa e de construción, coas seguintes características técnicas:

– Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1,857 km, con orixe no apoio existente s/n da LMT BOI-807, tramo entre derivada a CT Bustelo (expediente 51.326) e CT Teaio (expediente 11.902), condutor tipo LA 56/54,6 mm2, e final no CT A Devesa proxectado.

– Centro de transformación intemperie A Devesa, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Liña de baixa tensión aérea con orixe no CT A Devesa proxectado, cunha lonxitude de 0,018 km, en condutor RZ.

4. O 19 de agosto de 2014 o promotor solicitou a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica indicada e presenta relación de bens e dereitos afectados.

5. A solicitude de declaración de utilidade pública someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 15.10.2014.

– DOG: 7.11.2014.

– BOP: 28.10.2014.

– Xornal La Voz de Galicia: 11.6.2014.

– Taboleiro de anuncios do concello: do 24.10.2014 ao 17.11.2014.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

No certificado de exposición pública do concello indícase que non se formularon alegacións.

6. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

– Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cruz de Abelán (CMVMC), que solicita o cambio da traza para que se leve a liña por unha devasa próxima ao trazado proxectado.

Destas alegacións deuse traslado ao promotor, que contestou que, segundo o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, o punto 1.5.1 da instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, liñas aéreas con condutores nus, establece que as liñas eléctricas aéreas se estudarán seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto.

O 12 de febreiro de 2015 requírese ao promotor orzamento da alternativa proposta polos alegantes, así como separata do proxecto para a Consellería do Medio Rural.

O 2 de marzo de 2015 a CMVMC de Cruz de Abelán presenta unha aclaración á alegación presentada por detectar un erro na traza proposta.

Desta aclaración dáse traslado ao promotor que, dando resposta, presenta o anexo 1 ao proxecto, no cal se cambia a traza da liña, quedando coas seguintes características técnicas:

– Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1,863 km, coa orixe no apoio existente s/n da LMT BOI-807, tramo entre derivada a CT Bustelo (expediente 51.326) e CT Teaio (expediente 11.902), condutor tipo LA 56/54,6 mm2, e final no CT A Devesa proxectado.

– Centro de transformación intemperie A Devesa, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Liña de baixa tensión aérea coa orixe no CT A Devesa proxectado, cunha lonxitude de 0,018 km, en condutor RZ.

7. Solicitouse o preceptivo informe aos seguintes organismos:

– Concello de Dodro: consta informe favorable aceptado polo promotor.

– Augas de Galicia: consta informe favorable aceptado polo promotor.

– Servizo de Montes: consta informe en que indica que a utilidade pública da execución do proxecto sería compatible co fin e a utilidade pública que cualifica o monte veciñal en man común, que é aceptado polo promotor.

8. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 235/2012, do 5 de decembro, que fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 233, do 7 de decembro).

– Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 140, do 24 de xullo), modificado polo Decreto 116/2014, do 11 de setembro (DOG núm. 183, do 25 de setembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización das instalacións, non se apreciou, nas leiras sometidas a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De acordo con todo o indicado, resolvo:

1. Conceder a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública das instalacións eléctricas reflectidas no proxecto e no anexo 1.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberase presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 10, do 14 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 15 de setembro de 2015

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña