Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 5 de outubro de 2015 Páx. 38774

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2015 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios.

I. O artigo 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) determina as competencias do reitor, quen como máxima autoridade académica e de representación daquela exerce a súa dirección, goberno e xestión, así como o desenvolvemento das liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados.

Esa amplitude de atribucións ao reitor fai necesario que sexan delegadas estas funcións noutros órganos universitarios, principalmente nos vicerreitores e vicerreitoras, que deben asumir en primeira instancia as decisións e asinar os actos administrativos nas materias da súa competencia, coas excepcións pertinentes e sen prexuízo do dereito do titular das competencias de revogalas en calquera momento.

II. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, regula a delegación de competencias no seu artigo 13 e establece que os órganos das distintas administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración. Paralelamente, o seu ordinal segundo determina as prohibicións de delegación, así como a imposibilidade de delegar competencias que xa se posúan por delegación.

III. Logo da elección do reitor e do seu nomeamento polo Decreto 62/2014, do 28 de maio, establécese por resolución a estrutura de goberno da Universidade coa denominación das vicerreitorías e coa relación das competencias delegadas que van asumir.

IV. Transcorrido un ano desde o inicio do mandato e da publicación da anterior resolución de delegación, faise necesario facer algúns axustes para mellorar a súa efectividade, polo que procede aprobar unha nova resolución de delegación na cal tamén se inclúan as competencias da Xerencia que non figuraban na resolución precedente.

Por todo o anterior, esta reitoría, no uso das atribucións conferidas polos artigos 20 da Lei orgánica de universidades e 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela,

RESOLVE:

I. Delegación de competencias en favor dos/as vicerreitores/as.

Primeiro. Queda delegada nos/nas vicerreitores/as da Universidade, dentro do ámbito da actividade que a cada un deles se lle encomende, a facultade de resolveren os expedientes e asuntos con competencia atribuída ao reitor, a de asinaren os documentos necesarios para o efecto, así como a coordinación e dirección dos servizos da súa competencia.

Segundo. Esta delegación abrangue tanto os actos administrativos de simple xestión ou trámite como os definitivos que poñan fin aos procedementos administrativos.

Terceiro. Os/as vicerreitores/as poderán realizar todo tipo de actos de xestión, de comunicación e de trámite en materias propias da súa vicerreitoría.

Cuarto. Así mesmo, delégase nos vicerreitores e vicerreitoras a competencia dos seguintes actos:

A) Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

1. A promoción, a dirección e a avaliación da produción científica e das actividades de I+D+i da Universidade de Santiago de Compostela, impulsando a excelencia e a mellora da calidade da investigación.

2. A promoción e a dirección de iniciativas e programas de seguimento da produción científica, ademais da dirección dos procesos de valorización dos resultados de investigación e de transferencia de coñecemento.

3. A planificación, a coordinación e o desenvolvemento das infraestruturas e servizos científico-técnicos de apoio á produción científica e á investigación.

4. O apoio e a promoción dunha organización eficiente, competitiva e sustentable de grupos de investigación, unidades científico-tecnolóxicas ou redes de investigadores.

5. A colaboración na supervisión dos institutos, centros propios de investigación, estacións científicas, plataformas tecnolóxicas, bibliotecas universitarias ou calquera outra estrutura de investigación xestionada desde o Campus de Lugo.

6. A definición, a dirección e o seguimento dos procesos de rexistro, protección, promoción e comercialización de resultados I+D+i, así como no impulso e apoio á creación de empresas con base en resultados de investigación.

7. A proposta e a formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 83 da LOU por importe inferior a 80.000 euros, aprobadas pola Comisión de Actividades e Servizos de I+D segundo o seu regulamento, así como a resolución das reclamacións relativas ás devanditas actividades que non superen o dito importe.

8. A proposta de contratación de persoal investigador ou de apoio á investigación contratado con cargo ás actividades de I+D+i.

9. A concesión de permisos e licenzas, con motivo de estadías de investigación, ao persoal contratado con recursos captados por I+D+i.

10. A proposta de autorización dos contratos do persoal de administración e servizos colaborador nos proxectos I+D+i.

11. A autorización de pagamentos dos complementos retributivos establecidos na normativa vixente ao persoal docente e investigador, pola súa participación en actividades e proxectos de I+D+i.

12. A representación legal da Universidade nas solicitudes e xestión de proxectos e outras axudas de investigación, calquera que sexa a institución convocante, sen prexuízo da información periódica á Reitoría das devanditas solicitudes e a súa resolución.

13. A elaboración dos informes necesarios para concorrer a convocatorias de axudas doutros organismos, así como a conformidade nos informes de seguimento e informes finais dos proxectos e accións de investigación con cargo a financiamento externo.

14. A autorización da participación de investigadores da USC en concursos públicos ou licitación de entidades públicas.

B) Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador.

1. A convocatoria de prazas de persoal docente e investigador contratado.

2. O nomeamento dos tribunais de persoal docente e investigador contratado así como a apreciación de causas que impidan a actuación dos membros, coa excepción dos supostos de abstención e recusación.

3. A aprobación de listas definitivas e provisorias de persoal docente e investigador funcionario e contratado.

4. A presidencia da Comisión de Revisión.

5. O nomeamento de persoal docente e investigador interino e contratado, así como o asinamento dos seus contratos.

6. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente e investigador non delegadas aos/ás decanos/as, directores/as de centros ou directores/as de departamentos.

7. A concesión de permisos e licenzas dos/das decanos/as e directores/as de centros, con independencia da súa duración.

8. Todos os actos previos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación do persoal docente e investigador, agás a autorización dos cesamentos e das citadas xubilacións.

9. A proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal docente e investigador cando lle corresponda a súa resolución ao reitor.

10. A comunicación de resolucións reitorais en materia de persoal docente e investigador.

11. A comunicación do recoñecemento do complemento específico singular por méritos docentes e dos complementos autonómicos.

12. Todos aqueles actos relativos a situacións administrativas do persoal docente e investigador que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios, así como a reorganización docente que implique cambio de campus (Compostela-Lugo) do persoal docente e investigador universitario.

13. A xestión e aprobación do plan docente anual (PDA) dos centros e do plan de ordenación docente (POD) dos departamentos.

14. A resolución de reclamacións en materia de confección do POD e PDA.

15. A coordinación e dirección da avaliación docente do persoal docente e investigador.

16. A dirección da negociación en convenios colectivos e outros pactos legalmente formalizados que afectan o persoal docente e investigador.

C) Vicerreitoría de Oferta Docente e Innovación Educativa.

1. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos plans de estudos oficiais de grao e posgrado, e de oferta de estudos propios.

2. A sinatura de convenios para a realización de prácticas en empresas ou institucións das/dos alumnas/os, tramitados pola Universidade de Santiago de Compostela ou a través do seu Consello Social.

3. A dirección e coordinación dos procesos para a elaboración das guías docentes no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

4. As propostas de elaboración das normas ou documentos sobre adaptacións e recoñecementos, e a aprobación das táboas de recoñecementos.

5. A coordinación do Centro de Linguas Modernas, do Centro de Posgrao, do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe e das escolas de doutoramento.

6. A dirección e xestión do cuarto ciclo universitario, sen prexuízo da colaboración do/a vicerreitor/a de coordinación do Campus de Lugo.

7. As resolucións relativas ao apoio titorial extraordinario.

8. A sinatura dos diplomas e acreditacións dos estudos propios.

9. A representación da Universidade nos procesos selectivos de bolsas doutros organismos destinados a estudantes de posgrao.

10. A convocatoria dos cursos de verán, así como a súa acreditación.

D) Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.

1. A presidencia do xurado nas bolsas da convocatoria anticipada, xeral e de mobilidade do MEC.

2. A representación da Universidade nos procesos selectivos de bolsas compensatorias da Xunta de Galicia e doutras bolsas de similares características destinadas a estudantes, agás terceiro ciclo e posgrao.

3. A representación da Universidade nos procesos selectivos das bolsas destinadas á comunidade universitaria non atribuídos especificamente a outras vicerreitorías.

4. A convocatoria e resolución doutras bolsas convocadas por esta vicerreitoría.

5. A convocatoria e resolución das axudas e subvencións de prezos públicos da Universidade de Santiago de Compostela para todos os seus estudantes de títulos oficiais.

6. A coordinación do Servizo Universitario de Residencias (SUR), así como as convocatorias e resolucións relativas ao proceso de selección para aloxamento no SUR e a resolucións de reclamacións.

7. A convocatoria e resolucións de bolsas de colaboración do SUR.

8. A dirección das accións do patrimonio histórico e cultural.

9. A dirección dos servizos de apoio ao emprendemento e o emprego para estudantes.

10. A coordinación e a dirección do Servizo de Participación e Integración Universitaria.

11. A coordinación e a dirección da Área de Cultura.

12. A coordinación e a dirección da Oficina de Igualdade de Xénero.

13. A coordinación e a dirección da Oficina de Desenvolvemento Sostible.

14. A coordinación e a dirección do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

15. A coordinación da Escola Infantil Breogán, así como a resolución das reclamacións en materia de admisión.

16. A coordinación das cafetarías e comedores universitarios.

17. A coordinación e a dirección da Área de Deportes e as relacións coa Fundación USC Deportiva.

18. A coordinación das accións relacionadas co asociacionismo estudantil.

19. A dirección da memoria de responsabilidade social.

20. O seguro escolar.

E) Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación.

1. A coordinación dos servizos de comunicación e información da Universidade.

2. A coordinación das accións de márketing.

3. A dirección da organización dos datos e estatísticas.

4. A organización e dirección da divulgación científica.

5. A dirección dos programas de coordinación entre os distintos servizos da Universidade.

6. A dirección dos plans estratéxicos.

7. O desenvolvemento dos programas de calidade.

8. A dirección dos servizos informáticos da USC en coordinación coa Xerencia.

9. A presidencia da mesa de contratación.

F) Vicerreitoría de Internacionalización.

1. A planificación e coordinación da internacionalización docente, investigadora e de reputación na Universidade de Santiago de Compostela.

2. A coordinación das relacións internacionais, así como a xestión de convenios con outras administracións, universidades ou institucións estranxeiras, sexan públicas ou privadas.

3. A planificación e promoción das estruturas da Universidade orientadas a mellorar a proxección internacional dos grupos de investigación e oferta docente.

4. A planificación e promoción nas convocatorias internacionais de investigación.

5. A planificación e promoción de programas de intercambio.

6. A convocatoria de axudas para mobilidade de estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

7. A convocatoria de axudas pre e posdoutorais para estudantes estranxeiros e as que correspondan para docentes estranxeiros invitados en programas de doutoramento.

8. A representación da Universidade de Santiago de Compostela nos procesos selectivos das bolsas relacionadas coa mobilidade de estudantes, docentes e investigadores.

9. A coordinación de programas que impulsen a impartición de docencia en inglés nos estudos oficiais de grao, máster e doutoramento.

10. A coordinación das cátedras institucionais.

G) Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

1. A representación ordinaria da Universidade no Campus de Lugo en ausencia do reitor.

2. A coordinación do Campus de Lugo en materia de promoción, dinamización, infraestruturas, titulacións, investigación, docencia, tecnoloxías da información e comunicación e xestión administrativa, en colaboración cos órganos unipersoais de goberno con competencia en cada materia.

3. A coordinación e o desenvolvemento do plan estratéxico do Campus de Lugo (Campus Terra).

4. A coordinación dos procedementos respecto do profesorado que, segundo o POD anual, teña a totalidade ou a maioría da súa docencia no Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de organización académica e persoal docente e investigador.

5. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente e investigador con docencia no Campus de Lugo non delegada aos/ás decanos/as e directores/as de centro, en coordinación co/coa o vicerreitor/a de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador.

6. A dirección da proposta anual do plan docente anual (PDA) dos centros e do plan de ordenación docente (POD) dos departamentos con relación ás titulacións que se imparten no Campus de Lugo, así como do plan de traballo anual (PTA) para o persoal docente e investigador que imparte docencia no dito campus, en coordinación co/coa vicerreitor/a de organización académica e persoal docente e investigador.

7. Así mesmo, son competencias do/a vicerreitor/a de coordinación do Campus de Lugo, no marco dos orzamentos descentralizados e dos procedementos de contratación xeral establecidos pola Universidade de Santiago de Compostela:

a) A sinatura, logo do procedemento que cumpra aplicar en cada caso, dos contratos administrativos, calquera que sexa o seu obxecto, que afecten exclusivamente o Campus de Lugo e non sexan xestionados de xeito centralizado para toda a Universidade, se se trata de:

– Contratos menores.

– Contratos que se adxudiquen por procedemento negociado sen publicidade por razón da contía, que non requiren proposta de adxudicación efectuada pola mesa de contratación da Universidade de Santiago de Compostela.

b) A sinatura dos contratos privados ata un importe máximo de 30.000 euros, nos mesmos termos que os contratos administrativos citados no punto anterior.

8. A coordinación, o impulso e o desenvolvemento do Campus de Lugo en materia de infraestruturas, sen prexuízo de que os actos executivos derivados da súa actuación correspondan ao reitor ou á Xerencia.

9. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos plans de estudos de grao e posgrao, así como da oferta de formación continua no Campus de Lugo co/a vicerreitor/a de oferta docente e innovación educativa.

10. A colaboración na xestión dos estudos de cuarto ciclo no Campus de Lugo, sen prexuízo das competencias do/a vicerreitor/a de Oferta Docente e Innovación Educativa.

H) Vicerreitoría de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo.

1. A coordinación dos servizos e as infraestruturas para o desenvolvemento científico e tecnolóxico do Campus de Lugo.

2. A representación legal da Universidade nas solicitudes e xestión de proxectos e outras axudas de investigación, calquera que sexa a institución convocante, sempre que os soliciten profesores, estudantes, bolseiros ou calquera outro persoal que desenvolva a súa actividade no Campus de Lugo e o importe total da actividade non supere os 250.000 euros.

3. A representación da universidade nas fundacións, clústeres, redes e asociacións que polo seu perfil e actividade teñan relación co Campus de Lugo.

4. A conformidade dos informes anuais e finais dos proxectos de investigación que se desenvolvan en exclusiva no Campus de Lugo.

5. A supervisión dos institutos, centros propios de investigación, estacións científicas, plataformas tecnolóxicas, bibliotecas universitarias ou calquera outra estrutura de investigación xestionada desde o Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Investigación e Innovación.

6. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos programas de doutoramento no Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Investigación e Innovación.

I) Vicerreitoría de Servizos Universitarios do Campus de Lugo.

1. A coordinación do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A coordinación de servizos á comunidade universitaria no Campus de Lugo, en particular a Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, as axudas para a escolarización dos nenos e nenas menores de tres anos, o apoio ao emprendemento e o emprego de estudantes, de Deportes e de Cultura, e o Servizo de Participación e Integración Universitaria, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.

3. A coordinación no Campus de Lugo do Centro de Linguas Modernas e do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA), en colaboración co/coa vicerreitor/a de oferta docente e innovación educativa.

4. A coordinación da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións no Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Comunicación e Coordinación e coa Xerencia.

5. A coordinación dos programas de intercambio nacional e internacional que afecten o Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Internacionalización.

6. As relacións coas asociacións estudantís do Campus de Lugo.

II. Delegación en favor do/a secretario/a xeral.

Primeiro. Délegase no/na secretario/a xeral:

1. A sinatura dos certificados supletorios dos títulos académicos.

2. A certificación de actos presuntos.

3. A resolución de peticións de carácter xeral que non sexan competencia propia ou delegada doutros órganos universitarios.

4. A sinatura das resolucións motivadas que se diten autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas.

5. As resolucións de peticións, reclamacións ou recursos en materia de xestión académica para as cales non estea delegada a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

6. A resolución de solicitudes de equivalencia de titulacións obtidas no estranxeiro para realizar estudos de grao e posgrao.

7. O desenvolvemento das políticas de protección de datos no seo da Universidade de Santiago de Compostela, así como a coordinación e unificación de criterios nas actuacións dos responsables dos diferentes ficheiros de protección de datos de carácter persoal no marco da normativa aplicable.

8. A secretaría da Comisión Electoral.

9. A dirección do protocolo universitario.

Segundo. En caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal que determine a imposibilidade de actuar do/a secretario/a xeral, este/a será substituído/a automaticamente polo/a secretario/a xeral adxunto/a.

III. Delegación de competencias en favor do/a xerente.

Primeiro. Son competencias delegadas polo reitor no/a xerente da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes:

A) En materia de contratación pública:

1. Os actos administrativos relativos a contratos administrativos non suxeitos a regulación harmonizada e aos contratos de xestión de servizos públicos con orzamento de gasto inferior a 500.000 euros. Nos casos en que se supere tal cantidade, a delegación non se estenderá á aprobación do expediente de contratación, á adxudicación e á formalización do contrato, manténdose para o resto de actos de trámite.

2. A formalización dos contratos administrativos e patrimoniais, agás a competencia de asinar determinados contratos do/a vicerreitor/a de coordinación do Campus de Lugo.

B) En materia económico-financeira e orzamentaria:

1. A elaboración do proxecto de programación plurianual.

2. A elaboración do proxecto de orzamento anual.

3. A elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais exixidas na lexislación vixente.

4. A elaboración de plans de financiamento.

5. A ordenación de gastos e pagamentos.

6. O proceso de constrinximento tras apercibimento, dos ingresos públicos deixados de percibir agás en materia de prezos públicos derivados da matrícula, así como a reclamación administrativa de débedas procedentes de ingresos privados.

7. O exercicio das funcións de proposta ou aprobación de modificacións orzamentarias atribuídas ao reitor.

C) En materia de infraestruturas:

1. A coordinación das obras de infraestruturas que se realicen na Universidade de Santiago de Compostela.

2. A planificación e aprobación das obras de reforma, renovación e mellora dos edificios e de mantemento das instalacións, sen prexuízo das competencias delegadas no/a vicerreitor/a de coordinación do Campus de Lugo.

3. A supervisión da xestión das infraestruturas, sen prexuízo das competencias delegadas noutras vicerreitorías.

4. A xestión de espazos da Universidade, sen prexuízo das competencias delegadas noutras vicerreitorías ou nos decanatos ou direccións de escolas.

5. O seguimento das axudas e subvencións para adquisición de infraestruturas, sen prexuízo das competencias doutras vicerreitorías.

6. A solicitude de licenzas e outros actos de tramitación perante as diferentes administracións públicas, contratistas ou terceiros en materias de infraestruturas.

D) En materia de persoal de administración e servizos (PAS).

Queda delegada a xefatura deste persoal no/a xerente da Universidade. A súas funcións abranguen:

1. A execución, o control e a coordinación da política aprobada polos órganos de goberno sobre o persoal de administración e servizos funcionario ou laboral.

2. O establecemento das directrices conforme as cales exercerán as súas competencias en materia de persoal os distintos órganos e servizos da Universidade de Santiago de Compostela.

3. A emisión das instrucións sobre política de persoal.

4. O establecemento dos criterios para a organización e coordinación en materia de persoal.

5. A preparación da oferta de emprego público así como os actos derivados dela.

6. A proposición das convocatorias de probas de persoal laboral fixo e funcionarios de carreira e a designación dos membros nas comisións de selección.

7. As convocatorias de concursos e as súas resolucións.

8. O labor de inspección do persoal.

9. Os actos de execución dos convenios colectivos ou similares e outros pactos legalmente formalizados.

10. A proposta da estrutura de postos de traballo.

11. A proposta da designación de membros en comisións de selección e avaliación de PAS (funcionario e persoal laboral).

12. A autorización á asistencia a cursos de selección, formación e perfeccionamento.

13. A concesión dos permisos e licenzas non delegados aos/ás directores/as de centros e xefes/as das distintas unidades administrativas.

14. Todo os actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación salvo as certificacións que correspondan.

15. A tramitación dos procedementos seguidos ante a Seguridade Social, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

16. Propoñer e informar sobre a autorización ou recoñecemento de compatibilidade cando lle corresponda e a súa resolución ao reitor.

17. Autorizar e asinar os contratos de persoal laboral contratado con carácter temporal e o nomeamento de interinos no caso que proceda.

18. Autorizar e asinar os contratos do persoal de administración e servizos financiados con recursos captados por I+D+i.

19. As accións e procesos derivados da política de formación do PAS.

20. Propor a designación de representantes da Administración universitaria nas distintas comisións de negociación colectiva.

21. Negociar directamente ou determinar as instrucións a que se deberán ater os representantes da Universidade cando proceda a negociación colectiva coa representación dos traballadores, xa sexan laborais ou funcionarios.

22. As convocatorias de probas para persoal interino ou contratado e o nomeamento das súas comisións de selección.

23. Os cesamentos e xubilacións de persoal contratado e interino.

24. A comunicación das resolucións reitorais en materia de persoal.

25. Todos aqueles actos de administración e de xestión ordinaria do persoal, que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

26. As derivadas da coordinación da prevención de riscos da USC.

E) En materia de persoal docente e investigador delégase a tramitación dos procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou Muface, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

F) En materia de patrimonio da Universidade, deléganse as funcións, actos e tramitación de expedientes relativos á súa xestión, así como a obriga de velar polo seu debido mantemento.

G) En coordinación co vicerreitor de Comunicación e Coordinación, as funcións directivas e de programación en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

H) En materia de calidade, os sistemas de xestión da calidade dos servizos administrativos.

Segundo. Os/as vicexerentes poderán realizar encomendas de xestión ou asinar por delegación previa de sinatura no eido das funcións delegadas do/a xerente. Sen prexuízo do anterior, enténdese que os/as vicexerentes teñen delegada con carácter xeral a sinatura dos actos de trámite correspondentes ao seu ámbito de actuación.

Terceiro. En caso de ausencia, imposibilidade de actuar ou enfermidade o/a xerente será substituído/a automaticamente por un dos/as vicexerentes. De concorreren as mesmas causas no/a vicexerente, a substitución será realizada en favor do/a outro/a vicexerente.

IV. Delegación en favor dos/das xefes/as de unidades administrativas en materia de permisos do persoal de administración e servizos.

Primeiro. Delégase nos/nas xefes/as das distintas unidades administrativas a concesión de permisos e licenzas ao PAS nos seguintes casos:

1. Por falecemento, por accidente ou enfermidade grave dun familiar.

2. Por traslado de domicilio.

3. Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal e deberes inescusables de carácter público ou persoal, polo tempo indispensable.

4. Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais.

5. Permisos por asuntos particulares, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

Segundo. Os/as xefes/as de unidades terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Xerencia.

Terceiro. As restantes solicitudes de obtención de permisos ou licenzas, retribuídas ou non, deberán formularse ante a Xerencia, cunha antelación mínima de quince (15) días á da data do seu comezo, co obxecto de que poidan ser resoltas en tempo e forma. Exceptúanse aquelas que se poidan producir por circunstancias imprevisibles que se acrediten, que se tramitarán por un procedemento de urxencia. En todo caso, a concesión do permiso será requisito necesario para que o solicitante poida ausentarse do seu posto de traballo.

A concesión de permisos debe solicitarse mediante os modelos oficiais establecidos para o efecto.

V. Delegación en favor dos/as decanos/as directores/as de centros en materia de permisos do persoal docente e investigador.

Os/as decanos/as e directores/as de centros poderán concederlle ao persoal docente e investigador licenzas por estudos ou investigación de ata sete (7) días hábiles, conforme o procedemento establecido.

VI. Delegación en favor do/da xefe/a do Servizo de Xestión Académica e dos/das xefes/as de unidades de Xestión Académica.

Delégase no/na xefe/a do Servizo de Xestión Académica as seguintes competencias:

A sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

– As solicitudes, en materia de xestión académica, non delegadas nos xefes das unidades de Xestión Académica.

– As solicitudes, en materia de xestión académica, presentadas fóra dos prazos establecidos na normativa.

– A resolución das anulacións de matrícula, que non estea delegada nos xefes das unidades.

– A resolución das admisións para continuar estudos en titulacións con límite de prazas.

– As resolucións de validacións parciais de estudos estranxeiros.

- Calquera outro acto de trámite ou instrución dos procedementos que sexan competencia do Servizo, así como as resolucións de inadmisión a trámite ou declarativas de desistencias ou renuncias.

VII. Delegación en favor dos/as xefes/as de unidades de Xestión Académica.

Delégase nos/nas xefes/as de unidades de Xestión Académica a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

– A admisión de alumnos e alumnas en titulacións sen límite de prazas.

– As anulacións de matrícula por falta de pagamento.

– As validacións e adaptacións, agás as validacións de estudos estranxeiros.

– As autorizacións de simultaneidade de estudos.

– O pedimento de informes preceptivos e os facultativos cando os requira unha disposición administrativa de carácter xeral ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento; os escritos a que fai referencia o artigo 71 da LRXAP-PAC; calquera acto de trámite ou instrución dos procedementos que sexan competencia da respectiva unidade, así como as resolucións de inadmisión a trámite ou declarativas de desistencias ou renuncias.

VIII. Exceptúanse da delegación outorgada nos puntos anteriores e, por tanto, continúan a ser competencias do reitor:

1. Os asuntos que se refiren ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega, agás os de simple trámite.

2. Os que teñen relación co Consello Social, Claustro Universitario e Consello de Goberno.

3. Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva, establecida no artigo 57.3 da LRXAP-PAC.

4. Os actos sancionadores e os referidos ao exercicio da potestade disciplinaria.

5. Os que dean lugar á adopción de resolucións reitorais de carácter xeral.

6. A resolución dos incidentes de abstención e recusación.

7. A supervisión da aplicación da imaxe corporativa da Universidade de Santiago de Compostela.

8. A proposta e formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 83 da LOU por importe igual ou superior a 80.000 euros, aprobadas pola Comisión de Actividades e Servizos de I+D segundo o seu regulamento, así como a resolución das reclamacións.

9. En materia de PDI funcionario e contratado con vinculación permanente:

a) O seu nomeamento ou sinatura do contrato.

b) A autorización dos cesamentos e xubilacións.

10. En materia de persoal de administración e servizos:

a) O nomeamento de persoal funcionario de carreira.

b) O asinamento dos contratos do persoal laboral fixo.

c) As adscricións provisorias, as comisións de servizos e a atribución temporal de funcións ao persoal.

d) A autorización dos cesamentos e xubilacións.

e) A convocatoria de probas selectivas para persoal laboral fixo.

f) A declaración das situacións administrativas.

g) O recoñecemento, adquisición e cambio de grao.

h) A presentación dos recursos que esgoten a vía administrativa.

i) A interposición de demandas ou iniciación de procedementos xudiciais.

j) O encargo de funcións de categoría superior.

11. En materia de contratación pública:

a) Os actos de autorización dos expedientes, adxudicación e a sinatura de contratos relativos a contratos administrativos suxeitos a regulación harmonizada e aos contratos de xestión de servizos públicos con orzamento de gasto superior a 500.000 euros, segundo o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

b) A resolución das impugnacións que se presenten contra os procedementos de adxudicación.

c) O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos tras o procedemento instruído para o efecto.

12. En materia económico-financeira e patrimonial:

a) As resolucións de carácter xeral.

b) A interposición de recursos ou iniciación de procedementos xudiciais.

c) Aquelas competencias que non son propias do Consello Social ou doutros órganos universitarios.

Disposición adicional primeira

Os actos ditados en virtude desta delegación non poderán exceder os límites desta delegación, e declararanse, en caso contrario, nulos de pleno dereito.

Cando se diten actos e resolucións en uso da delegación de atribucións contidas nesta resolución, farase constar así expresamente e consideraranse como ditadas pola autoridade reitoral.

Disposición adicional segunda

En ningún caso poderán delegarse as competencias delegadas nesta resolución, sen prexuízo da posibilidade de delegación expresa de sinatura ou de realización das encomendas de xestión que se consideren pertinentes.

Disposición adicional terceira

En calquera momento o reitor pode avocar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.

Disposición adicional cuarta

En caso de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído polo/a vicerreitor/a que designe mediante resolución ditada para o efecto. Ante a imposibilidade de ditar a resolución reitoral, substituirao o/a vicerreitor/a que figure no primeiro posto da resolución reitoral pola que se nomean os/as vicerreitores/as e, ante a imposibilidade deste/a, o seguinte e así sucesivamente.

Disposición derrogatoria

Esta resolución derroga a Resolución do 19 de xuño de 2014 e a do 1 de agosto de 2011 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor na data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2015

Juan Manuel Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela